luns, 14 de marzo de 2022

Cereixas da dignidade

 

[Ramonismo 104]

Mario Obrero, tras sentir o latexo da memoria no territorio dos exiliados, medra os froitos do orgullo no verso



LER ou escoitar a Mario Obrero (Madrid, 2003) supón sempre un impacto nos sentidos. A súa pletórica xuventude agocha unha enorme intelixencia e sensibilidade para, xa sexa dende o verso ou dende a palabra oral, cativar ao lector ou a quen se achegue a escoitalo recitar ou simplemente falar do que supón para el a poesía e cómo se pode explicar a realidade a través dos seus versos.

De feito, o vindeiro luns, estará en Pontevedra, na Libraría Paz, para presentar ’Cerezas sobre la muerte’, un breve poemario editado con primor e fermosura por ‘La Bella Varsovia’, no que se recolle unha desas experiencias vitais que abofé marcan toda unha vida, como foi a participación no encontro ‘Ruta al Exilio’ que, promovido polo Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 permitiu a varios mozos percorrer os camiños que serviron como fuxida a milleiros de exiliados españois da Guerra Civil.

E o certo é que estremece nestes días de horror e furia volver a enfrontarse a esa realidade que xa pensabamos esquecida do noso mundo e que dende o leste de Europa regresa a nós para que non fagamos do esquecemento unha bandeira que nunca deixar de ondear. Esa mesma bandeira é a que recolle dun chan que é memoria, a nosa memoria, para axitala dende un tempo que quixo que sobre esa dor medraran unhas cerdeiras. Os seus froitos cor sangue lembran as pingas que tantos deixaron sobre o territorio. Nun país coa débeda pendente de pechar as feridas da súa Guerra Civil e no que se terían que poñer colorados os que falan desas feridas e todo o que rodea á Memoria Histórica como unha forma de abrilas, cando nunca se pecharon de todo, e sendo España, despois de Camboia, o país do planeta con máis persoas desaparecidas en foxas comúns. Pois é neste país no que accións como as de Mario Obrero convértense nun firme fío de esperanza, un horizonte no que aínda presentir a dignidade do ser humano nun novo alborexar.

Cerezas sobre la muerte’ son as cereixas da dignidade. «Cereixas sobre a morte é o ronsel políglota dese lugar memoriado onde rexorden de entre o silencio os froitos da esperanza». Isto escríbeo Mario Obrero, en galego, si, porque a súa tamén é unha aposta pola palabra e a lingua, as nosas palabras e as nosas linguas. De novo un xeito de esnaquizar o silencio, unha forma de rebeldía fronte aos «gramáticos da usura», como afirma o poeta. Unha presenza firme ante aqueles que desprezan linguas como o galego, o catalán, o euskera ou o asturiano. Todos eles converxen nestes textos como unha aproximación polifónica ás voces daqueles que, dende as diferentes zonas da nosa xeografía, formaron parte dun destino común que hoxe, asomándonos á televisión, semella repetirse ante o noso estupor.

Mario Obrero abraiounos co seu libro ‘Peachtree City’, escrito con 16 anos e que acadou o Premio Loewe a la Creación Joven. Publicado por Visor o pasado ano enfrontarse a eses versos é un proceso iluminador, non só do presente dun poeta que nace, senón do futuro da poesía no noso país no que el será un dos seus grandes protagonistas.

 

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 12/03/2022

Ningún comentario:

Publicar un comentario