venres, 18 de marzo de 2022

O único erro

 

SAGA/FUGA

 


O ÚNICO erro no peche ao tráfico dunha parte da Avenida Raíña Victoria é que meses despois non se fixera unha remodelación da súa faciana que visibilice un novo uso vencellado ao proceso de humanización do conxunto da cidade. A súa permanencia nese estado de indeterminación sobre o seu futuro non facilita que mude a sensación entre a xente que é contraria a ese peche de que estamos nun novo tempo non só para a cidade senón tamén para o planeta.

Esa mesma situación deuse coa reforma da rúa Daniel de la Sota, na que vemos como conviven unha parte peonil e outra con tráfico, o cambio do seu aspecto apagou máis pronto que tarde aqueles lumes que aínda non esquecimos polo balbordo que moitos activaron como a chegada da apocalipse á cidade e o remate dos negocios da contorna, sendo agora o espazo cheo de vida que é.

Vinte anos despois moitos nostálxicos dos coches e dos seus fumes seguen xogando ao quecemento global, e mesmo ao local, poñendo por enriba de todo o enfrontamento político e mesmo a división da cidadanía, diante de calquera interese colectivo que permita seguir na mellora da nosa cidade, un feito máis que recoñecido, semella que para mágoa de algúns, e todo polo peche de parte dunha rúa que o único que limita é o acceso de tráficos de paso ao resto da vila por unha vía na que o oitenta por cento da súa superficie non presenta negocios e no tramo no que os hai si que se pode acceder co coche. Isto convén recordalo cando se comeza coas campañas da división, falando dunha rúa como si esta estivese chea de comercios ou como se o resto da vida da cidade dependese dese único acceso, e convén tamén que o saiban todas as persoas que achegan a súa sinatura nesa campaña de recollida de firmas impulsada polo Partido Popular e que, como as que ese mesmo partido activou noutros momentos e ante outras situacións no Estado, o único que serviron foi para o enfrontamento da xente e a procura dun desgaste gratuito dos seus rivais políticos pero con escasas solucións e menos aínda réditos políticos. Ao mesmo tempo tamén é bo que o saiban as persoas que votan por internet, dende Cospeito ata Reus, dende Laredo a Estepona, ou dende Cuzco a Hanoi, que todo suma, ou resta, según se valore a seriedade que se lle dá a estas iniciativas.

Así as cousas, coa rúa Rosalía de Castro con máis establecementos abertos que nunca, e poñendo moi en dúbida que sexan os coches os que entran a comprar nos negocios, como sempre nos recorda o gran Caki Viñas, ao que ningún, ningún, créanme por favor, ningún coche lle entrou no seu negocio de Daniel de la Sota a comprarlle nada. O único que se pretende con esta medida é seguir limitando o paso de vehículos ao centro, onde cada vez son menos necesarios, podendo chegar a diferentes zonas pero por accesos máis axeitados, e acadando dende a súa posta en marcha evidentes melloras do tráfico en Eduardo Pondal, Uxío Novoneyra ou o Gorgullón, como comprobamos todos os que pasamos por esas rúas e como confirmaron os veciños desa contorna recentemente. A iso súmenlle cuestións tan importantes como cumprir as leis europeas que obrigan a tomar medidas para reducir emisións contaminantes (pregúntenlle a Concellos tan radicais nas súas opcións políticas como os de Madrid ou de Marín as accións que plantexan para afrontar esa situación) e continuar a conquista dos espazos para as persoas. Solucións que son as que marcan as axendas das cidades máis comprometidas, as máis preocupadas por facer dos ámbitos urbanos contornas o máis humanizadas posibles tras décadas de tiranías dos coches.

Por iso sorprende máis aínda ver como entre os que promoven a recollida de firmas para retornar á Pontevedra do ano 2000 temos a políticos do Partido Popular que se gaban en artigos e en manifestacións de querer recuperar o único que é inevitable no peche desa rúa, un acceso máis rápido a vivendas e garaxes de particulares en vez de tardar cinco minutos máis e facelo en beneficio do colectivo. Falo de médicos e arquitectos, persoas e profesionais que deberían apostar máis pola mellora da saúde dos cidadáns e da súa calidade de vida, negacionistas do cambio climático, e que todo o someten a unhas siglas.

Asumindo estas accións mal poderán explicar na próxima campaña electoral a súa confianza nun proceso que xa é irreversible nesta cidade, sustentado nas urnas de xeito maioritario, (esa si que é unha «gran maioría» e non da que adoitan falar como o seu apoio), pero que non dubidamos que farán, sen poñerse colorados. De feito xa nos parece escoitar aquilo de: «Nosotros apoyamos la peatonalización, PERO...». O certo é que aquí só hai un erro, e ese é o que se ten que solucionar, mudando esa fraxilidade que ofrece toda rúa que se sente abandoada polo que lle dá o seu sentido: a xente

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 4/03/2022 

Ningún comentario:

Publicar un comentario