domingo, 25 de xullo de 2021

O ruído da pintura

 

Foguetes verdes

Din Matamoro protagoniza no MARCO unha mostra na que cor e luz establecen dentro do lenzo un diálogo que fai da súa obra unha excitante aproximación ao segredo da pintura



O BRANCO é un silencio profundo, absoluto, cheo de posibilidades», esta frase de Kandinsky sérvelle a Din Matamoro (Vigo, 1958) como punto de partida para plantexar unha obra que fai desa negación do branco unha dialéctica que artella unha monumental mostra na que luz e cor levan ata as máximas consecuencias as súas posibilidades como o gran segredo que lle dá sentido á pintura.

Ese segredo da pintura foi o que, como poucos, souberon traballar nas súas obras Velázquez, Caravaggio, Rembrandt ou Goya, pero tamén Cézanne, Picasso ou Rothko, para, dende proxectos tan afastados entre si, en tempos e pretensións, xerar unha obra pictórica admirable. Un misterio ao que se acolle todo pintor que se teña por tal e que fai da relación entre luz e cor un xeito de entender o elo da pintura co mundo e como ese universo se lle transmite ao espectador.

Din Matamoro enfróntase nesta mostra a ese «silencio profundo» do que falaba Kandinsky a través do ruído da cor. Si, ruído, porque ese ámbito neutro que configura a cor branca, queda aquí completamente desterrado nunhas obras nas que as sucesivas capas, as veladuras que lle dan corpo ao cadro dende unha poética da materia chea de sensibilidade, semellan xuntar varias pistas de son que só xorden cando nos detemos uns intres ante cada unha destas pezas. É, polo tanto, unha exposición que precisa de nós, do noso tempo, da complicidade de converter ese tránsito polo primeiro andar do Museo MARCO, nunha experiencia de insospeitadas consecuencias.

Ante cada cadro a nosa mirada percibirá ese misterio, esa confluencia de cores e, polo tanto de sons, que converterán cada cadro nunha faísca sensorial que, a medida que pasan os segundos, transfórmase ata converterse en lume. A nosa óptica descubrirá como as relacións entre as cores mudan, como as relacións entre as cores, coa complicidade dunha luz imposible de definir dende a palabra, acadan unha chea de posibilidades que nos levan á xénese da pintura. Sen formas que nos distraian, sen perspectivas nin engadidos doutras propostas pictóricas figurativas ou mesmo abstractas, neste caso, a esencialidade da proposta de Din Matamoro alude a traballar unha nova mirada á que non estamos moi afeitos ao visitar exposicións que procuran a comodidade do espectador. ‘A mirada acesa’ que nos propón Din Matamoro, baixo o comisariado de Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto, é tamén un xeito de reflexionar sobre cómo enfrontamos os procesos pictóricos dos artistas, como tantas veces a nosa presenza é case unha deriva ante unha obra de arte na que se agochan moitas horas de traballo, moitas reflexións arredor do que o pintor quere acadar e que nós despachamos cunha mirada fugaz. Aquí o fugaz non existe, esa arañeira en que se converte cada cadro nos atrapa no seu interior dun xeito que cae na hipnose e nos retén un longo instante.

Estamos, polo tanto, ante unha pintura reflexiva, que leva á práctica un xeito de entender a vida e a relación do creador coa súa contorna. A mente de Din Matamoro está en permanente acción, modificando o real e dándolle corpo ao imaxinado. Así nos leva sorprendendo nas redes durante moito tempo coas formas que acada con elementos que mudan o seu significado e que nesta mostra teñen reflexo a través da súa intervención en libros, compilacións do saber tradicional que aquí se enchoupan de cores e de novos territorios nos que o artista debuxa unha nova identidade, incerta como nós mesmos.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 23/07/2021

Fotografía: Cortesía Museo MARCO/TONO ARIAS


Ningún comentario:

Publicar un comentario