luns, 12 de xullo de 2021

Unha picada eterna

 

Saga/Fuga


AO longo do ano paso cada día diante da zona do Hospital de Pontevedra na que se realizan as analíticas e sempre me chama a atención a cantidade de xente que, incapaz de conterse na zona de espera (certamente condicionada pola situación covid) ten que estar na rúa á espera da súa quenda. Desta vez tocoume ser, como acompañante da miña nai, dos que retiran o seu número para agardar pola picada da agulla. O reloxo enfiaba as nove e media mentres que o papeliño, propio dunha peixería, sinalaba o número 95. Tocaba agardar xa que o luminoso aínda non chegaba ao número 50. Era o comezo dunha nova odisea do noso sistema sanitario que, no noso caso, rematou ás doce do mediodía.

Unha sala de espera insuficiente volvía a expulsar á xente á rúa. Xente, en moitos casos maior, con dificultades para a mobilidade e outras enfermidades crónicas que fan de cada minuto que se pasa en certas situacións, como a da incomodidade ou o ter que estar sen almorzar, unha innecesaria tortura. Precisamente minutos foron os que sobraron ao longo dunhas esperas que non deixan en moi bo lugar a nosa atención sanitaria, na que os seus profesionais, os que alí estaban dando a cara e afrontando unha tarefa titánica, como é a de atoparlle as veas a decenas de persoas, aguantaron os reproches duns usuarios exemplares en canto ao seu comportamento a medida que os minutos se convertían en horas. Un, dous ou tres, nunca se superou ese número de enfermeiros e enfermeiras, na atención a esa cantidade de persoas, cando son sete ou oito os postos que permiten dar ese servizo en condicións óptimas. O verán comezou a facer os seus estragos no día a día do noso servizo de saúde, xa non moi boiante en canto á suma de recursos ao longo do curso, cunha evidente baixada de traballadores á que lle podemos sumar o anunciado aviso da redución de ata 600 camas en todo o sistema sanitario galego, un clásico destas datas que nos fai pensar que tamén é tempo de vacacións para as enfermidades.

O goteo de persoas que abandoaban o recinto co seu brazo dobrado realizábase entre a perplexidade polo sucedido e a mágoa por ver cómo non se lle está a prestar toda a atención necesaria aos nosos profesionais, exemplares ao longo do seu labor, verificado nestes últimos meses tan complexos para todos eles e que levou mesmo a colocar nesa sala de espera un taboleiro no que non poucos cidadáns colocan as súas mensaxes de apoio. Mentres, o contador de turnos móvese cunha lentitude exasperante e se escoita aos propios enfermeiros xustificarse ante os doentes: «Nos xa o comunicamos, necesitamos máis persoal, pero todo sigue igual», iso si, sen perder a amabilidade e o sorriso con quen xa se arremanga aliviado por que a espera está cerca do remate.

No noso caso foron dúas horas e media para facer esa proba que non levou máis de dous minutos e que noutras ocasións solucionouse de xeito máis satisfactorio que desta vez, cando o verán se sumou a eses recortes perennes na nosa sanidade e que moitos califican dun mito, pero que a realidade se empeña en confirmar. Aquí se tiña que acabar este artigo, pero non se vaian todavía que aínda hai máis. Hai que dar conta dos resultados ao médico de cabeceira, toca acadar unha cita que, non entendo porque ten que ser aínda teléfonica. Cos nosos maiores xa vacinados resulta imposible acceder ás citas presencias. Cal é o motivo? Non se entende que moita xente estea sendo perxudicada por unha atención que é imposible facer de xeito aceptable a través dun teléfono.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 9/07/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario