venres, 28 de xaneiro de 2022

Cultura culinaria

 

[Saga/fuga]


O CARLOS OROZA encheu esta semana os fogóns da súa cociña co arrecendo da cociña de antes, coas receitas das avoas dos alumnos que son esas preparacións que se agochan no noso interior como ningunha outra procedente do mellor chef do mundo podería conquistar. A visibilidade que acadou esta iniciativa nos medios de comunicación e nas redes sociais volve a poñer de relevo o potencial desta Escola de Hostalería que non deixa cada curso que pasa de converter aos seus alumnos en activos da nosa sociedade. Mozos e mozas que fan da súa aprendizaxe profesional unha referencia nun sector que cada vez máis aposta por unha mellora de moitos dos seus segmentos e que este centro pontevedrés non deixa de alimentar, nunca mellor dito, coas súas ensinanzas.

Xa son vintecinco os anos dende a súa creación, dende que se reivindicou un ensino integrado de formación profesional nun sector clave para Galicia, que cada vez máis se converte nun dos nosos mellores embaixadores para facer da nosa gastronomía un elemento de xeración económica, pero tamén cultural. Si, cultural, non hai máis que recuperar aquel inicio da Escola no que se decidiu nomeala co nome dun poeta, dun poeta ademais ben fraco, que nunca se caracterizou por gabar o alimento físico máis alá do preciso. Naquel acto no que se descubriu a placa en granito feita pola Escola de Canteiros que aínda preside a entrada ao centro e coa presenza do propio poeta autor de ‘Évame’, o director Anxo Leis xustificou que non fose un gran gastrónomo e si un poeta o elexido por toda a comunidade escolar para poñerlle o seu nome: «Hay que tener en cuenta que la poesía es un arte y nosotros queremos entender la gastronomía como un arte».

Carlos Oroza, aquel día de decembro de 1997, honrou o menú que lle adicaron cun recital de poesía na sobremesa, como, abofé, faría hoxe se probase a empanada de bacallau que un alumno, Adrián Rodríguez, fixo seguindo a receita da súa avoa, Cipriana Carabelos. Quizais o único comparable a esa empanada neste mundo poida ser unha poesía e o certo é que o que se debeu vivir no CIFP Carlos Oroza con esa homenaxe ás avoas e as súas comidas eternas e imborrables da nosa memoria tivo que ser pura poesía. Ver na portada do noso Diario as bágoas de Cipriana recibindo os aplausos dos compañeiros do seu neto é un canto ao ben feito, a ese traballo de décadas de tantas e tantas mulleres que dende as súas cociñas amosaban a súa afouteza en tempos moi complexos e que deberían poñernos encarnados ante os nosos permanentes e puerís laios, tantas veces inxustificados.

A cociña é un territorio insospeitado. Un texto por compoñer sempre, e, tanto o director Manuel Hermo, como o profesor desta actividade, Ricardo Fernández Guerra, xunto con todo o claustro de profesores, saben das súas posibilidades, non só para formar profesionais, senón tamén para xestionar emocións, que é o máis próximo que hai entre a cociña e a poesía. Entre o sabor dunha empanada de bacallau e o arreguizo dun poema de Carlos Oroza confórmase todo un espertar sensorial que nos emociona e nos fai bulir por dentro. Un canto ao que, como seres humanos, non podemos renunciar.

Vintecinco anos despois traspasar ese dintel pétreo que os nosos canteiros chantaron na entrada da Escola de Hostalería segue a significar entrar nun carreiro de emocións que, a lume maino, leva propoñendo a súa cultura culinaria como unha parte máis do que somos. Unha parte que cada vez é máis importante e da que seguir estando moi orgullosos.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 28/01/2022

Fotografía: Colocación do nome do CIFP Carlos Oroza en decembro de 1997 co poeta Carlos Oroza entre as autoridades. (Miguel Vidal) 


Ningún comentario:

Publicar un comentario