martes, 7 de decembro de 2010

Xeografías



Lalín, Cambados e Pontevedra. Lamazares, Leiro e Jorge Castillo. Tres puntos cardinais da nosa xeografía, tres aristas dun triángulo de imaxinación, poesía e paixón que durante estes días fan agromar o seu traballo en Madrid. A lírica de Lamazares, a forza de Leiro e a singularidade de Jorge Castillo enchen páxinas de entrevistas nos xornais madrileños coas súas apostas artísticas e poñen a Pontevedra na cabeceira da creación. Os tres, xunto co eterno misterio de Leopoldo Nóvoa, se significan como os nosos grandes. Todos eles miran á nosa terra dende outras latitudes, xeografías físicas, porque a mental, a que fai mover as súas mentes, segue instalada entre bravos mares azuis e suaves vales verdes, como unha patria eterna da que non se pode fuxir. Nesas entrevistas falan da nosa terra, motor de inspiración que de maneira constante peta na súa porta para logo medrar e medrar ata converterse en arte. As leiras de Lalín, as pedras de Cambados ou a nai en Pontevedra son fragmentos instalados nunha memoria que aproveita o artista para afondar na procura da súa estética, visualizada en cadanseu camiño percorrido, incluído ese día no que decidiron mirar a Galicia dende lonxe, quizais para achegarse máis a ela. Abofé que o fixeron; agora, co paso dos anos, esa distancia redúcese cada vez máis, nun círculo que se pecha arredor dunha xeografía íntima e sentimental.


Publicado en Diario de Pontevedra 04/12/2010
Imagen: 'Maceira I'. Obra de Antón Lamazares. Cortesía de Galería SCQ

Ningún comentario:

Publicar un comentario