Libros e máis libros, pero non só libros, tamén escritores, músicos, actores, títeres, xogos, cantantes, cómics cociñeiros, faladoiros, concertos, editoriais... todo iso e moito máis, ben axitado nunha cocteleira, é a festa da nosa cultura, o Culturgal. A ledicia maior que pode ter un pobo é a de gabarse da súa cultura, facho irrenunciable de calquera sociedade que se teña por tal e que confíe nos seus individuos. Hoxe estamos a ver como non son poucos os atrancos para que esa cultura agrome en todos os cidadáns, e así poder sustentarse nela nestes tempos de derivas vitais e existenciais de moitos homes e mulleres. Facer festa da cultura supón, nesta situación, ir máis aló desa reinvindicación propia de calquera pobo, xa que se vai converter nun berro de resistencia fronte ao terreo ermo que espreita ás nosas mil primaveiras máis. Esta verbena a carón do Lérez, no mellor espazo que un pode imaxinar, xa é unha cita obrigada para todos aqueles que se teñan respecto a sí mesmos e, como membros dunha colectividade, séntense orgullosos desa situación. Os que o coñecen xa saben todo o que se agocha no Culturgal, os que aínda non foron nunca, vaian, vexan, sintan, gocen o que significan as nosas músicas, contos, novelas, deseños ou ideas, pero por riba de todo a nosa forma de mirar ao mundo e a nós mesmos.
Publicado en Diario de Pontevedra 1/12/2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario