Mulleres espidas, campos de millo,
cruceiros, romarías, imaxes medievais, aves fantásticas… a pintura de José
Solla é un canto constante á imaxinación e a xerar portas para que a nosa mente
e a nosa vista se acheguen a un paraíso lúdico e sensorial que só a arte é quen
de xerar hoxe en día.
Cando en 2018 o director do Museo de
Pontevedra, Carlos Valle, me encargou o comisariado dunha ampla mostra
retrospectiva que percorrería a obra de quen xa cumplirá os noventa anos o que
fixo foi poñerme ante un home que xa coñecía ao coincidir con el en non poucas
exposicións en Pontevedra e na nosa contorna durante as súas obrigadas visitas
a Bueu e Marín, espazos irrenunciábeis na súa vida persoal pero tamén hórreos
dunha inspiración artística que non deixaba de medrar ano tras ano. Esas
inspiracións gardábanse nas súas maletas e no Mar de Plata abrollaban en novos
cadros, en longas superficies de traballo que fixeron de José Solla un dos máis
sobranceiros artistas daquela xeografía austral tan querida para nós. Nesas
exposicións de verán José Solla, coa súa xa avanzada idade, amosaba un
entusiasmo desbordante sobre as propostas pictóricas das que sempre suliñaba
algún aspecto e gustaba comentar cos que compartíamos con el o gozo de velo ano
tras ano. Ao traballar durante varios meses no seu refuxio de Bueu, aberto á
ría, coas Ons como fondo máxico, e coas areas das súas queridas praias de
Agrelo e Portomaior como espazo de distracción, comprobei como ese entusiasmo e
paixón pola pintura eran o seu maior pulo para seguir cumprindo anos, para
seguir gozando con cada nova obra, revisando as anteriores ou mesmo con cada
liña feita sobre o papel.
A exposición que se inaugurou en xullo
de 2018, sendo a gran mostra do verán pontevedrés, amosou a súa evolución
artística dende aquela figuración cubista dos anos setenta, cos portos que
tanto o engaiolaron de novo. Eran auténticos desafíos para o pintor que nacía
dende o traballo coas formas e a disolución de elementos e nos que a
imaxinación comezaba a impoñerse á realidade. Bodegóns e paisaxes completaban
aqueles momentos de autoaprendizaxe. “Cada tarde é un porto”, escribiu Borges,
e así foi para José Solla. Aqueles portos eran, ao tempo, o fío que
enguedellaba as dúas orelas do Atlántico, ás que tan unido estaba coas súas
viaxes, coa súa familia na Arxentina, coa súa terra natal de Marín, co seu
universo máxico de Bueu, cunha Galicia que facía levedar unha compoñente mítica
e ancestral como sustrato dunha obra que comezou a explorar novas posibilidades
tras esa primeira etapa, pechada cunha Medalla de Ouro na II Bienal de Arte de
Pontevedra en 1976.
Asomouse José Solla ao noso universo do
Románico, aos tímpanos das igrexas para, subido nunha especie de ave do
paraíso, abrir a porta aos soños e a unha desbordante imaxinación, enchéndose
dende entón as súas obras de toda unha mitoloxía impactante para o espectador,
pero sen esquecer nunca o debuxo no que tanto insistía como ferramenta básica
de calquera artista e do que denunciaba o pouco caso que se lle facía na
educación dos novos creadores. De feito insistiu moito para que na mostra do
Museo o debuxo tivese un espazo importante, e así foi como adicamos toda unha
sala a visualizar unha serie de traballos rápidos, apuntes feitos nun instante,
moitos deles en viaxes polo mundo, en cafeterías ou hoteis, algúns como base de
pezas posteriores, pero nos que se podía captar a natureza última do artista, a
capacidade de observación e o apunte visceral.
As obras medraban nas súas capacidades,
ao tempo que o facía a súa pintura, e a súa imaxinación precisaba de artellar
un sistema para darlle acougo a esa frenética creatividade, e así creou as
chamadas ‘Portas’, unha especie de panel onde se producía unha sorte de
narratividade visual que lembraba os cantares dos cegos da antigüidade con
múltiples esceas que nacían dos sustratos dos mitos galegos e que se enchían co
universo onírico. Esas pezas tamén permitían a súa plasmación en superficies
máis alá do pictórico e así Bueu goza na praza Massó dun dobre panel de pedra,
‘Inés-Palmira’ creado pola Escola de Canteiros de Pontevedra, no que reposa a
nosa identidade e tamén a dun home que nos abriu ao longo da súa vida toda unha
chea de portas para que cada un de nós academos o paraíso para, como escribía
Cortázar, “obrigar á realidade a que responda aos nosos soños”. A iso mesmo se
adicou, ao longo de máis de noventa anos, un ser irrepetible, José Solla, que
da man da súa nai ía de cativo ás feiras de Marín e onde comezou a pintar
recollendo imaxes na súa retina que non o abandoaron nunca, formando parte da
súa pintura, e que abofé foron coas que pechou os ollos por última vez.
Publicado no Diario de Pontevedra 11/09/2021
Fotografía. Archivo Gráfico Diario de Pontevedra
Ningún comentario:
Publicar un comentario