venres, 12 de novembro de 2021

O feito de acordar

 

[Foguetes verdes]

Como cada 12 de novembro a memoria convértese na protagonista do día en Pontevedra. Lembranza orgullosa dos nosos ao tempo que lumieira dende a que coñecer novas memorias



HOXE É 12 DE NOVEMBRO. Data con maiúsculas na nosa historia como cidade. Como colectivo que ten a obriga de lembrar, honrar e perpetuar a memoria dos que foron brutalmente asasinados nun día como o de hoxe de fai 85 anos. Os disparos que esnaquizaron o silencio da noite pontevedresa convértense dende aquela nunha listaxe de nomes que nunca deberíamos esquecer para converter así a nosa memoria nun refuxio de dignidade.

José Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez Santomé, Víctor Casas Rey, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carbajal, Luis Poza Pastrana, Benigno Rey Pavón e Juan Rico González son ese reduto que cada día como o de hoxe lembramos no monumento da Pasarela, pero como os deles son moitos os nomes que deben manternos alerta ante as palabras e as actitudes que presenciamos dende diferentes voces políticas que semellan querer achegarse a esa tensión que provocou o episodio máis tráxico da nosa historia. O seus son nomes de dignidade e esperanza que sementan a nosa terra dun latexo de resistencia que, afortunadamente, recuperamos nos últimos tempos dende diferentes accións que permiten achegármonos á memoria dun xeito máis amplo ao que poden ser os moi necesarios estudos históricos ou de análise dos feitos acontecidos despois da sublevación militar de 1936. Accións como a unanimidade acadada no Parlamento de Galiza para homenaxear a Alexandro Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo, a recente publicación pola Deputación de Pontevedra, baixo a coordinación de Kiko Da Silva, dunha banda deseñada que relata diferentes historias das que aconteceron durante a represión na Illa de San Simón, ou a búsqueda no cemiterio de Vilagarcía de Arousa dos restos mortais de entre 16 e 18 republicanos represaliados e botados nunha fosa común son ben necesarias, como aquelas actividades que levan a reunirnos e a lembrar xuntos, a facer unha sorte de convocatoria colectiva sobre o poder da memoria como bálsamo e tamén como desacougo ante o balbordo que cada vez máis nos acosa como seres humanos. A convocatoria da Gala da Memoria celebrada o pasado venres da man da deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, foi unha boa mostra diso. Lembrar dende a música, facer da emoción das voces e das palabras un estado de ánimo que nos leve a non esquecer tantas e tantas miserias que somos quen de facer como especie que se cre evolucionada. Unha Gala que medra dende un fermoso proxecto que, co nome de ‘Acorda’ e en forma de documental, fai da música o fío condutor por varios escenarios nos que o horror activou un pesadelo insuperable e que as voces, as músicas e as palabras converten en electricidade, unha emoción que hoxe ten que servir para que a xente máis nova saiba do que somos capaces cando o odio quere impor a súa escura vontade. Escenarios como O Pazo da Revolta de Marín, a praia de Massó en Cangas, Alcabre en Vigo ou a Illa de San Simón, a nosa gran illa da memoria que tería que converterse nunha lección permanente de memoria e decencia, sendo preservada de tantas frivolidades como nela acontecen, son o acougo desa memoria, o feito de acordar, ao que volver sempre que queramos saber realmente quen somos.

Cando Lois Pérez, guionista e narrador, dende a súa forza oral, desa produción audiovisual, nos fala en cada un deses espazos, ademais del mesmo sentimos a presenza do pasado que nos comunican os que coñeceron os feitos e, ao que despois, as e os cantantes que convocou Uxía Senlle outórganlle ese acubillo das voces que se converte nunha caricia que, dende hoxe, proxéctase cara o pasado.

En Pontevedra, neste día, é o noso tempo de acariñar ese pasado a carón do monumento que lembra aos dez mártires da Caeira. É día de acordar.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 12/11/2021

Fotografía: Lois Pérez na presentación de 'Acorda' (Rafa Fariña) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario