Pai e fillo. Fillo e pai. Saúl Otero e Xandre Otero enfróntanse durante estes días, e ata o próximo 27 de novembro, na Sala de Exposicións Antón Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa. Ambos, lonxe de pescudar unha loita sucesoria, plantexan un percorrido cheo de influxos entre un e outro, entre a aproximación de coñecementos e a reflexión que cada un deles fai sobre as súas teimas. Os dous amósannos cadanseu vieiro creativo, as apostas personais que eles entenden son os seus camiños artísticos. Unha feliz conxunción que non debemos perder.
Cantas horas terá pasado Xandre Otero no estudo do seu pai? Cantas veces terá derramado os botes de pintura de Saúl Otero? Cantas raias debuxaría o neno Xandre sobre os traballos do pai? Todas estas preguntas comezan a cobrar o seu senso ó percorrer a exposición conxunta que pai e fillo plantexaron durante o último mes en Vilagarcía. Unha maridaxe de fondas connotacións persoais, na que o pai bendice ó novo artista, e na que o fillo recoñece ó mestre. Ambas camiñan da man e ambos amosan a súa necesidade de expresión artística. Nos dous é común a ansia expresiva, a pulsión do artístico como sustento para unha forma de entender a vida. Os seus traballos trascenden o establecido achegándose á procura da liberdade, máxima capacidade do artista para provocar no espectador un necesario desconcerto, e no artista, unha sensación de calma interior.
Leva xa moitos anos Saúl Otero construíndo a súa paisaxe interior, esa bandeira de liberdade que nos amosou coas súas pinturas e que agora derivan na escultura. Os seus trebellos son unha parte máis do terreo exploratorio que sempre procura na súa arte o artista de Vilalonga, unha indagación nas posibilidades da expresión que aquí se converten en obxectos da memoria. ‘Memoria’ é como define o artista a súa obra, e certo é que as súas pezas teñen algo de deriva, de recuperación dun tempo, tanto pola súa estrutura formal como polos enunciados dos seus títulos: ‘Trebello de sensacións’, ‘Lembranza do artesán’, ‘Memoria química’, ‘Portos da memoria’ ou a súa poética ‘Gabeta para Mark Rothko’, que reproducimos en primeiro lugar. Todos eles amósanse como topónimos para o non esquecemento, para manter vivo o recordo do que foi. Esa gabeta amósase como unha fermosa homenaxe a un dos grandes pintores da derradeira centuria, un pintor que tamén xogaba moito coa memoria, coa reflexión, e que con esa gabeta parece querer abrir Saúl Otero todo o que se agocha nesa pintura tan primitiva na súa primeira mirada, pero tan profunda ó estar un rato diante dela.
Xandre Otero é máis heteroxéneo no seu tratamento, así, obras como as que se sitúan na parte superior deste comentario: ‘Paisaxe estático e en movemento? ou ‘O día que fomos veciños’, confróntanse con outro tipo de pezas como as da súa serie sobre ‘A música’. Pero o certo é que en todos eles hai unha maior delimitación do espazo, da estrutura formal que aquí se amosa profundamente estudada. Vemos como a súa ‘Paisaxe estático e en movemento’, a segunda das imaxes, alude a esa dualidade da natureza, a quietude ou a axitación. Árbores quedos, ou verdes abaneados polo aire. Ese contraste parte dunha pintura máis intelectualizada da que fai o seu pai, Xandre Otero, manexa outros rexistros, coñecementos adquiridos na súa formación como Licenciado en Belas Artes, que lle serven para facer unha pintura máis condicionada polos postulados da arte actual, pero que resulta moi efectiva ante a mirada do espectador. Son os seus ‘Relatos íntimos’, obras como ‘A luz de esa noite’ que xa de por si xustifica a existencia desta exposición. Unha imponente mirada sobre a noite e a cidade, a textura do negro, a forza dos vermellos, a suntuosidade da noite... todo para construír unha paisaxe chea de emocións e suxestións. Relatos que se fan memoria, que se mergullan na conciencia individual dunha parella que participa da arte, da súa liberdade e que agora nos amosa como esta é a súa mellor arma, o seu mellor canto xeneracional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario