O próximo domingo 8 de maio remata a exposición que sobre a obra de Antón Lamazares (Maceira, Lalín, 1954) conformou o Museo de Pontevedra na procura do misterio que se agocha tras a obra dun dos nosos pintores máis internacionais. Desenvolver ese misterio será tamén o obxectivo das charlas que terán lugar os vindeiros días 4 e 5 arredor da súa obra. Así o mércores unha mesa redonda coa participación de Luisa Castro, Luis G. Tosar e Carlos Reigosa, dará paso ó día seguinte a unha conferencia a cargo do coleccionista Javier Fuentes.
“Necesito ler poesía antes de traballar”, comentou o pintor no transcurso dunha conversa co gallo da inauguración da súa primeira gran mostra antolóxica que tivo a ben artellar o Museo de Pontevedra. E poesía é precisamente o que escorrega por todas as súas obras, uns traballos que exisen do espectador a máxima implicación, o preguntarse, o cuestionarse cousas como a vida, o que somos, de onde vimos ou ata onde vamos. Cada traballo de Antón Lamazares é unha alusión ós nosos sentidos, a esa alma que se agocha no noso corpo e que só certas experiencias artísticas poden sacudir dese interior.
Certo é que tanto a poesía como a pintura, preferentemente unha pintura de forte contido abstracto como a que nos ocupa, son os dous vieiros que mellor poden recoller esa sensibilidade e ó pouco de chegar ó dobre espazo que conten as súas obras no Museo de Pontevedra un deseguida se dá conta de que alí hai moito máis que unha escolma de cadros. Hai toda unha experiencia de vida, un tránsito emocional pola terra onde a un o pariron, polas amizades conqueridas ó longo da vida, polos cheiros e os sabores, polas lecturas, polas tristuras e polas alegrías, e todo sen máis pretensións cás dun poeta. Un xoglar do noso tempo que co seu pincel nos convoca ó territorio da lírica, un campo de soños pero tamén de realidades.
As realidades que dan sentido a toda unha existencia: os verdes da herba que un toca para fundirse co seu propio ser; a casa, esa Domus entendida como refuxio da memoria e da alma; a mitoloxía, que foi conformando as nosa propia historia de lendas e contos; pero sobre todas estas cuestións, xorde o silencio. Ese ruído sordo que se impón ante a nosa presencia fronte ás obras, aí é onde radica a auténtica poesía do traballo de Antón Lamazares, en acadar pechar a obra, facela un circuíto íntimo e persoal. Como en poucos pintores acontece, enfrontarse á obra de Antón Lamazares supón enfrontarse ó seu propio ser, a súa condición humana innegable dende calquera das súas pezas. Este refuxio que concede o silencio non é máis que a última e máis grande consecuencia de pintar a poesía, de rimar as cores, de sentirse un compoñedor de palabras convertidas para sempre en pinceladas.
Todo ese universo é o que se desprega no Museo de Pontevedra, un percorrido por trinta anos de traballo, ou sexa, dor e ledicia, en definitiva, polos ingredientes que compoñen unha vida. E así, camiñar ante as súas grandes pezas da planta baixa ou ante as máis pequenas do terceiro andar é percorrer toda unha vida adicada á pintura, a ser cada vez mellor pintor, cada vez mellor poeta, xa que falar de Antón Lamazares é falar a partes iguais de poesía e pintura, compoñentes dos seus cadros, acompañantes fieis no seu tránsito por este mundo no que lle tocou vivir. Un mundo que empeza e remata nun lugar chamado Maceira: o territorio da lírica.
Publicado en Diario de Pontevedra 02/05/2011
Fotografía Rafa Estévez. 'Eidos de Bama 31' (1996)
Ningún comentario:
Publicar un comentario