Todo sistema literario que se prece de selo necesita ter a súa dose de
novela negra. Os últimos tempos puxeron de moda este tipo de literatura, sobre
todo pola chegada dos narradores nórdicos, que puxeron as librarías a rebentar
de clientes que querían facerse coas súas novelas policiais. Pero dende os
clásicos norteamericanos Raymond Chandler ou Dashiell Hammett, o certo é que
esta literatura ten moitos seguidores fieis, ademais de ser unha necesaria
andamiaxe para cada unha das literaturas do mundo. A escrita galega tamén
acolle dende hai uns anos a un narrador que soubo collerlle o pulso a este tipo
de narrativa e presentar ante nós as mellores novelas do xénero na nosa lingua.
Diego Ameixeiras foi quen de voltar a mirada dos lectores galegos cara a este tipo
de novelas, primeiro cunhas obras nas que o ambiente detectivesco afondaba na
identidade galega con bastantes toques de humor, e que despois, co paso do
tempo e a evidente mellora no oficio, foron dando paso a unhas novelas moito
máis escuras e cunha densidade no traballo da configuración dos personaxes que
incrementa a achega do autor á nosa literatura.
Aquela novela de 2009 na que se aprecia o cambio de rumbo, ‘Dime algo
sucio’, mergullábase en temas como o da pederastia, unha porta que cruzar e da
que xa é moi complexo volver. Pescudar nesa especie de miseria humana dende o
feito literario preséntase como un desafío constante para o escritor, desafío
do que xa será moi complexo tentar desfacerse. Chegados a este punto, e coa
última novela de Diego Ameixeiras nas mans, ‘Todo Ok’ convértese na depuración
dun estilo, eliminando moito do superfluo que adoitan ter este tipo de tramas,
en moitos casos ao verse en exceso sometidas aos ditados das vendas. Nesta
ocasión 131 páxinas son máis que suficientes para argallar unha novela fiel ao
espírito do xénero e na que, debido a esa eliminación das distracións, se pode
albiscar unha maior profundidade na achega dos personaxes, o que adoita ser un
maior pulo da intensidade dramática e maior interese literario.
Cóntanos o autor a historia de Inés Landeira, unha muller involucrada nun
delito de narcotráfico que tenta refacer a súa vida e evitar a entrada no
cárcere. Estamos ante a historia duns protagonistas que fían as súas relacións
en base ás desconfianzas e os medos, cunha xustiza que se move entre sombras,
tan excesivas como perigosas, e da que penden os diferentes nomes que pasan por
estas páxinas. As descricións son sobrias e amósanse cortantes, e semellan irse
tallando nese anaco de madeira que son as vidas e os feitos que a cada un deses
nomes lles depara a súa existencia nesta sociedade cada vez máis ameazadora
para o ser humano. Faltos da esperanza no futuro, eses protagonistas deberán
xogar a súa partida nun presente do que loitan por saír pero no que están
obrigados a ficar. ‘Todo Ok’ parte dun suceso real que o autor fai seu para
situar sobre nós esas desesperanzas carentes de enganos, tanto para os
personaxes como para o propio lector. Agradécese esa elección por parte do
autor, ese despoxar de ornamentos o que dificilmente pode telos. O narcotráfico
é parte da historia de Galicia, aínda que non moitas veces é escollido como
motivo para a creación a pesar que del se poidan recoller moi bos froitos, como
é o caso, aínda que serva só como lacerante desculpa para situar aos seus
protagonistas no fío dun barranco con faciana de home. Seres que poden caer ao
mar en pago dun tributo polos seus feitos, débeda da que aínda que tentes fuxir
sempre terás unha conta pendente e cuns intereses maiores se con quen negocias
carece dos menores escrúpulos. Outra das xogadas erradas que se poden dar nas
nosas vidas.
Con ‘Todo Ok’ Diego Ameixeiras enfía a plena madurez da súa obra á que
deberemos seguir atentos para que os seus vindeiros relatos policiais nos sigan
engaiolando e formen parte esencial da nosa formulación literaria. Unha forza
que non debemos perder, como eses rincóns escuros e poucos iluminados, que son
sempre tan necesarios para unha literatura. Polo de agora ‘Todo Ok’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario