martes, 9 de junio de 2015

Fernando Pereira, gravado en pedra

Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria Non convén esquecer o labor de moitos persoeiros que deixaron unha afoutada pegada entre aquelas persoas coas que conviviron. É o caso de Fernando Pereira, alcalde de Soutomaior, e activista a prol da cultura galega, dende Uruguai ata o regreso a súa terra. As primeiras rúas adicadas a Castelao e Bóveda foron inauguradas por el.



Estamos cheos de xente que nos fala doutra xente. De nomes que o paso do tempo fai esvarar entre o esquecemento pero que de repente, no medio dunha conversa, xurden para amosarse como un descubrimento. É o caso de Fernando Pereira do que moitos, coma min mesmo, non escoitaron falar, pero que, dende aquí, co gallo dos quince anos do seu falecemento, recordaremos polo seu labor en defensa desta terra na que naceu e á que dende a súa estadía en Montevideo defendeu fronte a escuridade do franquismo. Tras o seu fin, Fernando Pereira, que nacera en 1931 en Arcade, regresa a súa terra e, dende o eido político e cultural, non fará máis que facer agromar a semente que levaba dentro de compromiso coa terra, a lingua, as súas xentes e aqueles persoeiros dos que se podía facer unha bandeira que, lamentablemente, levaba moito tempo sen ondear polo vento da liberdade. 
Con vintecinco anos chega a Montevideo onde ao pouco tempo entra en contacto cos galegos da emigración. Nomes tan senlleiros coma os de Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Emilio Pita fanlle reafirmarse na súa posición de esquerdas e de compromiso con Galicia. Membro do Padroado da Cultura Galega promoverá numerosas iniciativas para difundila nosa cultura, entre elas algunha tan sobranceira como a súa implicación  para acadar diferentes doazóns de galegos no Uruguai e colocar o primeiro busto de Castelao en Galicia, en Rianxo, aínda na ditadura. Membro da UPG, esa figura de Castelao parece que o perseguirá ao longo da súa vida. Morto o ditador, en 1977 regresa a Galicia e abre unha libraría en Vigo, co nome do galeguista. Non era só unha libraría adicada a vender libros senón que era un foco de activismo, cheo de actos culturais e coa presenza dos mellores escritores do momento desexosos de espazos e plataformas de expresión tras décadas de silencio.
Nas primeiras eleccións democráticas preséntase cunha candidatura ao seu concello natal, Soutomaior encabezando unha lista na que se representan todos os barrios. En 1979 acada a alcaldía, sen soldo algún, pero ao pouco tempo a marcha de dous membros da súa corporación co interese dunha moción de censura amosará o apoio do pobo ao que sempre se debeu. Convocaba plenos aos que non acudía a oposición, pero si todo o pobo que enchía o Concello e ata a rúa no seu apoio. Ese apoio valeulle ser o alcalde de Soutomaior ao longo de 16 anos nos que o concello viviu unha fonda mellora en cuestións urbanísticas, de saneamento, alumeado ou pavimentado. Abriu a Biblioteca Pública de Arcade que leva o nome do seu admirado Luis Seoane. Creou as casas de cultura de Arcade e Soutomaior, a Festa da Ostra, o pavillón dos deportes ou a Casa de Saúde entre outras obras.
Dende o Concello traballou na recuperación da memoria histórica e a normalización lingüística, e así atopámonos fitos tan sobranceiros como a inauguración da primera rúa adicada a Alexandro Bóveda en Galicia, ao que facía anualmente unha homenaxe coa presenza da súa viuva, fillos e netos;  mentres que en Arcade inaugurouse á primeira rúa adicada a Castelao. En canto á lingua implicouse afouto na sinalización da toponimia do concello que nomeaba en galego e gravaba en sinais de pedra, que el mesmo deseñaba a partir de tipografías de Castelao. Tamén era habitual devolver cartas a organismos oficiais cando non respectaban o topónimo do concello.
Aínda serían necesarias moitas máis as liñas nas que recoller e gabar as súas accións ao longo dunha vida adicada a Galicia que rematou o 18 de abril do 2000. Dous matrimonios, o primeiro en Uruguai, do que tivo unha filla, Virxinia, e o segundo xurdido entre os libros da libraría Castelao, con Carmen Carreiro, e abeizoado con dúas fillas, Antía e Paula, son o contrapunto vital a ese devir abraiante que moitos descoñecíamos, por iso, Carmen, moitas grazas pola descuberta. Moitas grazas por seguir alumeando o sentir de Fernando Pereira.



Publicado no Diario de Pontevedra 7/06/2015.
Fotografía. Fernando Pereira entre os seus veciños de Soutomaior nun pleno ao aire libre. (Camilo Gómez)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada