domingo, 23 de xuño de 2019

Bueu. O gozo da vida

Poucos lugares poden gabarse dunha concentración de talento tan intensa como a que se viviu no Bueu dos anos trinta. Esta vila foi o idílico escenario dun anaco da vida de grandes persoeiros da cultura.


Co calendario meténdonos no verán, ese tempo no que o cotiá semella diluírse en novos escenarios, fascinantes sensacións fuxidías e lembranzas inesquecíbeis, moitos espazos da nosa envexábel xeografía convertéronse ao longo da historia en acubillo de persoeiros que fixeron dun anaco concreto da nosa terra parte xa irrenunciábel da súa historia persoal.
Un dos máis sobresaíntes, nesa sensación de refuxio de personaxes da cultura, foi Bueu. A vila mariñeira, ao igual que tantas outras do mundo como Tánger que acolleu a Paul Bowles, Jack Kerouack ou Tennesse Williams; ou Saint Paul de Vence, na Costa Azul francesa, na que Matisse, Chagall, Modigliani, André Gidé, Cocteau o Clozot pasaron moitas xornadas de lecer e inspiración, converteu a súa idílica fisonomía dos anos trinta en parte da vida de creadores tan sobranceiros como Johan Carballeira, Gonzalo Torrente Ballester, Federico Ribas, José Suárez, Maruja Mallo ou Rómulo Gallegos. Todos eles pasaron por Bueu en diferentes momentos entre 1931, ano da chegada de Torrente Ballester, ata o alzamento militar contra o Goberno da República, en xullo de 1936, que obrigou a moitos deles, cun fondo compromiso cos seus valores, a fuxir. Atopámonos, polo tanto, cunha diversidade de creadores: pintores e debuxantes, como Federico Ribas e Maruja Mallo, escritores como Torrente Ballester, Johan Carballeira ou Rómulo Gallegos e fotógrafos e cineastas como José Suárez. Primeiras figuras dos seus respectivos campos de traballo procedentes de moi diferentes xeografías que case como nunha conxunción astral viñeron a dar a este recanto peninsular. Converteron esa estadía coral no que se deu en chamar, neste ano de lembranzas desa presenza colectiva, ‘Os gozosos anos 30’, ancorándose nese gozo que xorde do título da gran novela de Torrente Ballester ‘Los gozos y las sombras’, cuxa acción, desenvolvida en Pueblanueva del Conde, é un claro trasunto do Bueu dos anos vinte e trinta.


















E como era ese Bueu? Pois unha vila mariñeira na que existía unha forte industria adicada á pesca e á conserva, e que dende comezos da década dos vinte vivía unha axitación sindical polos enfrontamentos entre mariñeiros e industriais chegados de fóra, como os Massó, que xa estaban instalados na vila dende 1816, importando dende Francia a profesionais da salazón para tratar a conserva da sardiña, á que posteriormente engadiríanse o mexilón e o berberecho. Na década dos anos trinta, a que a nós nos interesa neste relato, e según un artigo de Emma Prieto, a fábrica empregaba a seiscentas mulleres e cen homes. A poboación en 1930 era de 9.150 habitantes e o seu porto era o máis importante do Morrazo. Esa actividade industrial xerou, nas primeiras décadas do século XX, un marcado ambiente de conflictividade laboral, con folgas de mulleres, en 1918, de mariñeiros un ano despois. En 1917 fundouse unha organización sindical para defender aos traballadores e sucedéronse as mobilizacións contras os diferentes prezos da sardiña. Dentro dese ambiente tivo especial relevancia o labor dun dos nosos protagonistas, Johan Carballeira, xornalista, poeta e militante do Partido Galeguista, xunto a Alexandre Bóveda e Castelao, e que acabaría sendo alcalde da vila en febreiro de 1936 trala victoria do Frente Popular e fusilado en Pontevedra en abril de 1937. Esa actividade contrastaba coa tranquilidade dos seus ambientes nos que a natureza, aínda virxe, primaba sobre a pegada do ser humano, vencellada a construcións tradicionais e os labores da pesca que configuraban unha paisaxe de redes, barcas e barcos en reparación, secadeiros de peixe, e unha chea de fascinantes aparellos vencellados á pesca.
A comezos dos anos trinta xa tiñamos a Johan Carballeira asentado na vila dende 1915, cando a súa familia, con posesións nela, trasladouse alí dende Vigo. A chegada de Torrente Ballester, provocada polo destino do seu pai como Axudante de Mariña en 1931, ten un empurrón definitivo no seu vencello local ao casar un ano despois coa mestra Josefina Malvido. Pero, e os demais? como foron chegando todos eses creadores e personaxes de primeira fila da cultura dos tempos da República? Os traballos de investigación e procura de información da Comisión que leva traballando nos últimos meses arreo para lembrar aqueles acontecementos, formada por Xaime Toxo, Arturo Cidrás, Francisco Rodríguez Pastoriza e Loli Docampo e que xa fixeron unha serie conferencias e exposicións co apoio do Concello de Bueu no pasado mes de abril que se verán completadas no mes de agosto, decántanse pola conexión galega que en Madrid se estableceu entre todos eles ao abeiro do faladoiro da Granja del Henar na rúa de Alcalá.
Valle-Inclán lideraba aquel faladoiro pero alí se atoparon nomes dunha nova xeración, debedores do espírito do 27, como os de Rafael Dieste, Cándido Fernández Mazas, Federico Ribas, Laxeiro, Eugenio Granell, Castelao, Maruja Mallo ou Alberto Fernández Mezquita. Cada vez máis semella que foi o debuxante e ilustrador Federico Ribas o que partillou con moitos deles esa sensación de Bueu como un destino case máxico, calmo e que permitiría respirar novos aires. Así o comprobara en 1934 o escritor e político venezolano Rómulo Gallegos, exiliado en España dende 1932, a quen Federico Ribas coñecía daquela tertulia e ao que animou a achegarse ata Bueu para recuperar as súas raíces galegas, evidenciadas no seu segundo apelido, Freire. Rómulo Gallegos pasará en Beluso o verán de 1934 e regresará no de 1935, prolongando a súa estadía ata o mes de decembro ao ser chamado dende o seu país para ocupar un ministerio e, posteriormente, a presidencia da República. Nese país asentaríase fuxido da España franquista outra figura clave de todo este grupo, o xornalista, sindicalista e troskista Alberto Martínez Fernández, ‘Mezquita’, bo amigo de Rómulo Gallegos e, en 1936, parella de Maruja Mallo, tras rachar esta con Rafael Alberti. No verán de 1936 viaxan a Galicia como parte das Misións Pedagóxicas pero, sobre todo, pola realización en Vigo do congreso do POUM (Partido obrero de Unificación Marxista), o que acabou levándoos ata ese Bueu do que tanto oíran falar a seiscentos kilómetros do seu mar, o último que viron de Galicia antes de fuxir, no caso da pintora a Lisboa, onde foi axudada pola embaixadora en Chile, a poeta Gabriela Mistral. A impresión da guerra que viviu en Bueu rexistrouna en catro artigos en ‘La Vanguardia’, publicados no mes de agosto de 1938: ‘Relato veraz de la realidad de Galicia’. Faltaba por chegar José Suárez, o fotógrafo allaricense que tivo contacto tamén en Madrid co grupo dos ourensanos na propia Granja do Henar e ao que Cifesa lle encarga un documental sobre diferentes traballos de Galicia, decidíndose por Bueu para buscar localizacións, do que xorde a súa famosa serie de fotografías dos ‘Mariñeiros’.
Temos, polo tanto, nese verán de 1936, a Maruja Mallo debuxando, a José Suárez coa súa cámara, a Johan Carballeira reunindo a súa poesía nun libro, ‘Cartafol’, que non chegou a ver a luz, e a Federico Ribas, abofé que dándolle voltas a algún deseño publicitario para os Massó, do estilo desa icónica imaxe na que emprega a súa propia muller, a parisina Georgina, nun anuncio de sardiñas, mentres, Torrente Ballester estaba en París, facendo a súa tese doutoral, pero en contacto con Josefina.
A pegada bueuesa quedará presente na obra de todos eles. Gonzalo Torrente Ballester a través de ‘Los gozos y las sombras’, cuxa acción acontece entre 1934 e 1936 cunha ambientación e tramas perfectamente identificábeis cos acontecementos de Bueu neses anos. Johan Carballeira escribindo en prensa sobre a realidade social da contorna. Maruja Mallo fixo o chamado ‘Cuaderno de Bueu’, conservado pola madrileña galería Guillermo de Osma, imprescindíbel para entender a súa obra posterior no Cono Sur. Todos eles fixeron de Bueu inspiración, pero sobre todo un horizonte dende o que albiscar o futuro e unha esperanza na que crer.

Os protagonistas


Johan Carballeira 
Nace en Vigo en 1902 e falece asasinado polo réxime franquista o 17 de abril de 1937. A súa familia instálase en Bueu en 1915, rápidamente deixou os traballos para axudar na economía doméstica, para darlle pulo a súa vocación nas letras. En 1927 comeza a escribir en El Pueblo Gallego. Militante do Partido Galeguista non chegou a ver editados os seus poemas, dos que si se publicaron algúns na prensa. Johan Carballeira, cuxo nome real era José Gómez de la Cueva, fixo amizade con Torrente Ballester, sendo testigo na súa voda.
Estivo moi implicado nos conflictos sociais da vila, negociando os intereses dos mariñeiros fronte aos empresarios, e solicitando en Madrid, por medio de Castelao, deputado nas Cortes, que se frease o uso indiscriminado de dinamita na pesca. Un recente libro de Francisco Pastoriza pon en valor a súa obra xornalística.


Gonzalo Torrente Ballester
Un dos grandes narradores e fabuladores en castelán naceu no Ferrol en 1910. Falece en Salamanca en 1999. Chega a Bueu en 1931 e un ano despois casa alí con Josefina Malvido. Bueu e o mar, un dos grandes influxos da súa vida, estiveron presentes na súa obra en títulos como ‘Dafne y ensueños’, ‘La isla de los jacintos cortados’, ‘La saga/fuga de JB e, por suposto, en ‘Los gozos y las sombras’, novela composta por tres volúmenes: ‘El señor llega’, ‘Donde da la vuelta el aire’ e ‘La Pascua triste’. Ambientada en Pueblanueva del Conde, la historia nace directamente das súas experiencias na vila. Durante toda a súa vida Gonzalo Torrente Ballester mantivo contacto co familias de Bueu, acudindo cando lle era posible a compartir momentos no barrio de Pescadoira dende onde contemplar o mar e lembrar aquel tempo solleiro de ilusións mozas e fervenzas persoais imposíbeis de esquecer ».


Federico Ribas
Debuxante, pintor e ilustrador nace en Vigo en 1890, falecendo en Madrid en 1952. A sua vocación plástica comezou a amosarse en Bos Aires, a onde emigrou con dezaoito anos. Alí  traballa en diferentes publicacións, entre elas ‘Caras y Caretas’. En 1912 chega a París onde se achega ao Modernismo e ao Art Nouveau. As súas figuras elegantes e sofisticadas aparecen nas grandes publicacións da época en Madrid, a onde chega co comezo da I Guerra Mundial. ‘La esfera’, ‘Blanco e negro’ acollen os seus traballos. Por cuestións familiares ten contacto cos conserveiros Massó que lle encargarán diferentes traballos publicitarios, entre eles a propia tipografía do nome Massó, aínda presente hoxe nas construcións en pé da empresa. Bueu será un dos seus lugares preferidos e alí vai coa sua muller que emprega de modelo.


José Suárez
En 1902 nace en Allariz e falece na Guarda en 1974. Fotógrafo e cineasta. Estudou dereito en Salamanca pero o seu interese pola fotografía xa o levou a editar nesa cidade un libro de fotografías cun prólogo de Miguel de Unamuno co que tiña unha gran amizade e ao que lle fixo un dos seus retratos máis coñecidos. En 1935 fixo unha exposición no Círculo de Belas Artes de Madrid sobre as aldeas campesiñas e mariñeiras de Galicia. Un gran traballo documental que fixo que Cifesa lle propuxese unha serie de películas sobre esas tarefas. En 1936 comeza a rodaxe de ‘Mariñeiros’ e reflicte algún dos momentos máis fermosos de Bueu con fotografías que xa son unha icona daquel mundo do traballo no mar. Un eterno e engaiolante branco e negro cuns encuadres que nos falan dunha mirada diferente, dunha gran creatividade e capacidade de transmisión.


Maruja Mallo
Muller de corpo miúdo pero cunha forza extraordinaria. Unha das mellores pintoras do século XX. Unha muller vangardista que naceu en Viveiro en 1902 e morreu en Madrid en 1995. A súa vida estivo chea de acontecementos que a levaron a coincidir con algúns dos máis importantes creadores de España, sobre todo de antes da Guerra Civil. A Bueu chega no verán de 1936 xunto ao seu mozo Alberto Fernández ‘Mezquita’. No mes de xullo debuxa o ‘Caderno de Bueu’ unha xoia artística que se enche de apuntamentos sobre rostros, peixes, redes, barcos, áncoras... motivos que serán fundamentais na seguinte etapa de Maruja Mallo en Bos Aires, en cuxos cadros repetiranse moitos destes motivos. A sublevación obrígaa a fuxir a Portugal. En 1938 escribe catro artigos en ‘La vanguardia’ relatando a experiencia da Guerra en Bueu.


Rómulo Gallegos
En 1884 nace en Caracas, a capital venezolana na que morrerá en 1969. Considérase o novelista venezolano máis importante do século XX. En 1929 publica a súa novela máis importante, ‘Doña Bárbara’, os acontecementos políticos lévano ao exilio en 1932, interesado por atopar as súas raíces galegas pasa dous veráns en Bueu, os de 1934 e 1935. Na estadía europea completa varias das súas novelas ‘Cantaclaro’ e ‘Canaimo’. Nas súas obras describe as paisaxes do seu país, así como os costumes dunhas persoas sometidas aos seus conflictos internos. O verán de 1935 prolóngase ao feliz acubillo de Beluso. O cambio político no seu país fai que sexa reclamado para ocupar o cargo de ministro de Educación. En 1948 convértese en Presidente de Venezuela. Dez meses despois é derrocado por un golpe militar, exiliándose primeiro en Cuba e logo en México.



Publicado en Revista. Diario de Pontevedra. 22/06/2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario