Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. A exposición de Josecho González no pontevedrés café Tábula
Rasa convértese nun complemento perfecto para un intre de lecer.
Pintura e café xuntos, nunha maridaxe que potencia a ambos, agasallándonos cun momento de evasión do que acontece fóra da propia
cafetería. As cores e composicións do pintor son una rede da
imaxinación
Neste tempo de presas,
de idas e vidas ao longo do día, son as pausas que facemos durante a xornada o momento no que collemos un pouco de aire e poder sentir así que
estamos vivos. Un acto tan aparentemente intranscendente como tomar
un café a media mañá pode converterse en toda unha experiencia se
damos co sitio e a atmosfera axeitada. É certo que os cafés e
locais comerciais non son os espazos máis acaídos para observar
unha exposición, nos que a arte se vexa reconfortada no medio máis
axeitado que sempre ten que ser unha sala de exposicións preparada
para tal fin, pero o certo é que moitas veces atoparse cunha
proposta artística nun deses lugares, aparentemente casuais, pode
converterse en toda unha revelación.
Fagan a proba estes
días nos que a cafetería Tábula Rasa, na rúa Marquesa, acolle
unha exposición do creador Josecho González baixo o título
‘Pinceladas’, e é posível que lles suceda o mesmo que me
aconteceu a min, a descuberta dun territorio artístico sorprendente,
non por novedoso, pero si por ben executado e polas posibilidades de
expresión dunha pintura aparentemente cunha forte carga xeométrica,
pero na que, grazas á pericia do artista amplíanse os seus
contidos, ao xerar numerosas posibilidades nunhas obras que poderían
semellar pechadas nunha primeira ollada.
‘Amanecer’, ‘Atardecer’, ‘Sorriso’, ‘La otra mirada’,
semella que como títulos non poden funcionar moi ben en relación a
esta pintura de liñas, cores e dotada dunha planitude na que a
composición que xorde da integración deses elementos será a que
asine o resultado definitivo da obra. Porén, ao levar un tempo
ollando cara eles, xunto con esa pista que nos deixa Josecho González
en forma de título, os significados da obra espállanse, e así non
dubiden que poderán ver un amencer, ou contemplar un atardecer,
instantes propios da natureza e da pintura de tipo paisaxista; pero
tamén sensacións humanas como un sorriso ou unha mirada.
Todas estas obras,
acrílicos sobre papel, son unha interesante lectura da nosa
realidade, tanto a máis humana como a que xera a natureza,
tensionadas, todas elas, dende o emprego da cor e a xeometría. O que
aparentemente estaría chamado a ser un territorio frío e alleo ao
espectador, convértese, precisamente, en todo o contrario. Nun
diálogo entre a superficie e ese visitante, a cada minuto que pasa
máis interesado por coñecer as verdadeiras intencións das pezas
que integran esta exposición, e ao que se lle reclama unha
participación activa. Se a nosa mirada esvara por esas superficies
sen implicarnos nelas perderemos unha ocasión única de entender
unha pintura arriscada e moi persoal, nestes tempos de creadores que
antepoñen a gratuíta satisfacción da mirada do público ou do
posíbel comprador, a súa obriga moral na procura de desenvolver un
discurso de seu que satisfaga as súas arelas creativas.
Os ecos vangardistas de
Mondrian ou Malevich están aquí presentes e plantexan, sen engano
algún, o coñecemento do autor por esa pintura que fundou a
abstracción xeométrica a principios do século XX para discutir
moito do canon tradicional. Unha ausencia de formas visíbeis, de
espazos recoñecíbeis que apostaba, de xeito directo, pola emoción
en función da propia pintura, unha procura da beleza que se dirixía,
en primeiro lugar, a provocar e sublimar a sensibilidade do
espectador e, despois, a plantexar unha nova relación da arte cunha
realidade capaz de ser reinterpretada, analizada e representada a
través de campos de cor e dunha xeometría que, como neste caso, é
quen de engaiolar ao visitante á exposición para atrapalo nunha
especie de rede da imaxinación na que calquera séntese cómodo,
máis aínda se gusta de saborear un bo café.
Sabores e miradas, polo
tanto, reúnense nesta posibilidade de xuntar dúas artes, como as da
pintura e o mundo do café. Sensacións que se funden e complementan
para que o ser humano sinta eses estímulos como parte daquilo que
nos fai latexar neses escasos respiros que nos deixa o día a día.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/06/2019
Fotografías. Rafa Fariña/Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario