Saga/Fuga
MOVÉMONOS na
incerteza. Nunha zona de areas movedizas na que todo o que facemos ou tentamos
facer permanece en corentena ante o inesperado deste tempo pandémico que máis
que nova realidade é unha nova irrealidade, polo que ten de estraño e
distópico.
Nesa paisaxe
tamén se move a cultura, un dos grandes territorios afectados por esta crise e
á que se non se mira tanto porque non bate unhas tixolas polas rúas ou quizais
porque está máis afeita ao sufrimento silencioso, a sentirse orelada da
comunidade e afeita a moverse na resistencia permanente. Xa pasaron moitos
meses e tiveron lugar moitas accións culturais en cinemas, teatros, salas de
exposicións, etc... para poder valorar o ámbito cultural como un espazo de
contaxio cero, coas medidas precisas, para non axitar os avispeiros dos que
sempre miran á cultura cunha distancia que pouco fan por acortar.
O importante
é seguir mantendo tenso ese fío da cultura, esa conexión entre programacións e
espectadores para que todos poidamos seguir batendo as alas da liberdade que
nos concede a cultura. E son precisamente esas alas as que están a axitar a
semana cultural dunha Pontevedra que se converte nun niño creativo privilexiado
por esta nova edición do Festival Novos Cinemas. Eses paxariños que enchen a
cidade anunciando o festival e que forma parte da cabeceira visual realizada
pola cineasta Elena Duque, ademais de ser unha fermosura por si mesmos, son
unha sutil metáfora da necesidade de delicadeza nestes tempos de cifras
desoladoras, palabras desmesuradas e medos que amosan a nosa fraxilidade. Uns
paxariños que son a porta de entrada ás proxeccións nese recinto sagrado e máxico
que sempre é unha sala de cine, tamén a través da rede e de Filmin, un
desfiladeiro para chegar ao visionado do traballo de xente de todo o mundo que
amosa o seu talento en imáxenes para tentar descifrarnos. Tanto a sección
oficial do Festival como as diferentes seccións que o compoñen son un envexable
espazo no que asomarnos a nosa sociedade dende a visión duns creadores que sin
estes espazos afogarían ante o desprezo da contorna.
Que Concello
de Pontevedra, Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra e Xunta de
Galicia, a través dese exitoso AGADIC que botamos tanto de menos dende outras
expresións artísticas para artellar a súa dinamización, traballen xuntos e os
vexamos nas fotografías do Festival como o pulo preciso para que flúa o
talento, é tamén unha mostra do que precisamos nestes tempos de arrimar todos o
ombreiro nunha mesma dirección.
É tempo, polo
tanto, de gozar de nomes como os de Luis López Carrasco, Nuria Giménez, Andrés
Goteira ou Lois Patiño, entre tantos outros que participan deste encontro de
resistencia cultural, neste dobrarlle o brazo nun pulso ao desacougo
existencial. Eles, e todo o universo cinematográfico que nestes días nos
acompañan a carón do Lérez, son o mellor xeito de amosar a nosa esperanza no
futuro e de facer da cultura o medio máis firme para navegar nese mar baixo a
noite pecha na que nos atopamos, e no que estamos a escoitar cada día ese berro
do monstro que dun xeito tan poderoso nos amosou Lois Patiño coa súa inaugural
‘Lúa vermella’.
Cos ceos
tinxidos de vermello, a escuridade dun cine convértese hoxe en día nun acougo
físico e mental do que non podemos prescindir, parabéns aos que seguen mantendo
en pé esa posibilidade, tanto dende o apoio económico como da organización
dunha cita de resistencia e de cultura, dunha cita que xa é parte da cidade.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/12/2020
Fotografía: O director Lois Patiño entre representantes das institucións que patrocinan o Festival e os organizadores na xornada inaugural de Novos Cinemas (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario