luns, 29 de marzo de 2021

A plusvalía da cultura

 


NON SON poucos os que se poñen de costas á cultura porque non atopan nela unha suma nas contas de resultados económicos. Son os mesmos que a entenden como algo reservado a uns poucos, un xeito de ocupación que non aporta máis que algo de entretemento e uns costes que consideran excesivos fronte ao proceso de formación de calquera persoa que por tal se teña.

Fronte a isto é ben interesante o estudo que se vén de coñecer poñéndolle valor económico a esa plusvalía da cultura que vai máis ala do gozo persoal. Nesa análise valórase o retorno que a Cidade da Cultura deixa na sociedade e no que se recolle que cada euro que recibe de fondos públicos volta á sociedade convertido en 1,85 euros, o que é case dobrar o investimento inicial. Este estudo desenvolto pola Deusto Business School xunto coa consultora LKS Next convértese nunha interesante ferramenta para comprender o que a cultura é quen de deixar no tecido social cando se aposta por ela de xeito firme. Na Cidade da Cultura non quedou máis remedio que aproveitar o dispendio económico baixo o que naceu como unha infraestrutura faraónica que a Galicia, como acontecería con tantos outros territorios, quedáballe moi grande. Pero co feito non quedaba máis remedio que tirar para adiante e, polo menos, facer dela un elemento dinámico é útil para a nosa sociedade, converténdoa nun espazo multiusos no que pouco a pouco resolver as eivas que medraron entre proxecto e utilidade, e que como estamos comprobando nos últimos tempos estase a lograr cunha programación cada vez máis diversa e interesante que está a facer desa montaña de pedra e do seu espiñazo de balea un dos espazos de referencia en Galicia, grazas tamén ao agotamento orzamentario doutras institucións culturais fronte ao poderío económico que a Cidade da Cultura manexa.

Agora, dez anos despois, a súa directora, a pontevedresa Ana Isabel Vázquez, pode gabarse do feito ao longo deste tempo xa que se empezan a ver uns resultados esperanzadores cara ao futuro e ao que se lle suma este estudo que amosa que a cultura é unha das mellores empresas que pode haber para calquera cidade e que non só baixo as chemineas medran os cartos, como pensan moitos.

Voltemos a Pontevedra, que sempre foi un territorio idóneo para facer desa cultura industria e motor económico. Estámolo vendo nos últimos tempos, sobre todo antes da apocalipse vírica, cando numerosos axentes culturais agromaron baixo un modelo acaído para ser rede que conecte a moitos actores da cultura. O seu renovado espazo urbano, gabado e consolidado como ámbito centrado no ser humano, a súa longa tradición cultural e varios centros académicos dirixidos á cultura, a converten nun ecosistema axeitado para ese reto, pero aínda falta o que coroe esas arelas de facer cousas, un teito común no que cruzar ideas, no que facer do pensamento acción, no que darlle contidos aos latexos e inquedanzas de tanta xente como hai en Pontevedra con gañas de facer da cultura o seu futuro e o da propia cidade.

Xa vai máis dun ano cando escribín da necesidade de ser ambiciosos cando se falou dun novo uso para o vello edificio de Facenda como gran arquivo. Cando o silencio semella impoñerse apostemos por esa gran arquitectura como a casa común da cultura pontevedresa na que exposicións, talleres, música, libros, teatro, pensamento, congresos e demais posibilidades fagan dela un corazón cultural no mesmo centro da cidade coa que xa sabemos que os beneficios non só serán para o espirito senón tamén para os nosos petos.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 26/03/2021

Fotografía: Sede da antiga Delegación de Facenda nos xardíns de Casto Sampedro (Rafa Fariña)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario