domingo, 13 de xuño de 2021

Salvador Sobral: bpm

 

[Ramonismo 71]

 'Bpm’ é o novo disco do músico portugués Salvador Sobral que conta coa colaboración do pianista galego Abe Rábade



AS INICIAIS en inglés de ‘latidos por minuto’, (bpm), son as que nomean o novo traballo do músico luso Salvador Sobral. O seu primeiro disco composto de xeito íntegro en solitario por el, co apoio de Leo Aldrey, e no que as letras teñen unha maior importancia que en traballos anteriores, incidindo nesa sensación de intimidade que amosa e transmite a sensibilidade musical de Salvador Sobral.

Deste xeito cada canción é un latexo máis na súa traxectoria, nese fortalecemento artístico que, tras o seu triunfo eurovisivo e despois da superación dun transplante de corazón, converte cada un deses temas nun auténtico triunfo creativo e vital. El mesmo define esos latidos como «o que nos dá vida, o latexo do corazón é o que lle dá pulo á música, o que a fai vivir». Atopámonos ao longo do disco cancións en portugués, pero tamén en inglés e en castelán, para compoñer un repertorio que, como aconteceu no seu traballo anterior, ‘París, Lisboa’, amosa a un creador cada vez máis seguro do que quere facer, do camiño a seguir e desa imprescindible para todo artista conquista da liberdade que se acada ao colocarse ante un micrófono.

Así é como Salvador Sobral actúa cada vez máis como un crooner no seu sentido máis clásico pero tamén estimulante que, co piano como contrapunto, establece un fermoso diálogo entre música e palabra. Esa confianza é a que lle permite profundizar nas posibilidades da súa escrita, a través dunhas letras nas que o músico non dubida en amosarse cada vez dun xeito máis íntimo fronte ao público. E se Salvador Sobral cada vez soa mellor tamén o piano do noso paisano Abe Rábade preséntase dun xeito máis solvente sendo a axeitada compañía para xerar esa atmosfera que te envolve a medida que se suceden as cancións dende ese inicial ‘Mar de memórias’, no que xa se nos fala do que vai ser o disco, un cruce de vidas, historias e glorias perdidas que son as que construíron á persoa ao longo dos anos nunha danza existencial que agora se traslada ao exterior como o marco no que desenvolver o resto do disco. ‘Se de mim precisarem’, ‘that old watz’, ‘medo de estimação’ ou ‘sangue do meu sangue’, son o corpo central dun cd no que a singular voz de Salvador Sobral, cos seus xiros vocais e peculiaridades volve a outorgarlle ao seu traballo ese carácter único que é tan dificil acadar por calquera artista.

A súa voz fusiónase con ritmos de jazz, tamén con certo tono pop, pero sobre todo o que rexistramos e esa visión Atlántica que desde Lisboa sobrevoa mesmo Nova York e sen desprezar a nosa Galicia. Un disco plural en formas e fondos que se converte no seu mellor traballo e que o coloca como toda unha referencia da música portuguesa, deixando para o pasado, un pasado feliz, a experiencia eurovisiva coa que se deu a coñecer, pero dende este disco non dubiden que Salvador Sobral convértese de xeito definitivo nun músico maiúsculo.

Tras eses temas citados continúa outro monllo deles: ‘paint the town’, páginas soltas’, ‘canción vieja’, ‘só eu sei’, ‘sem voz’, ‘aplauso dentro’ e ‘bom vento’ para completar o disco. Aí temos os dous temas en castelán, lembrando as súas estadías en España e a súa forte conexión con esta terra, pero de novo o máis importante a suliñar é esa liña de equilibrio na que se moven todos eles, unha sobriedade que iguala a todos os temas nun alto nivel que permite gozar deles sen altos e baixos.

Escoitar a Salvador Sobral, seguilo na súa conformación como músico, ten moito de acompañar a alguén nun camiño complicado pero moi reconfortante polos que o seguimos dende aquela participación eurovisiva de 2017 que nos fixo tolear co ‘Amar pelos dois’, estoupándonos a cabeza entre o delirio musical no que acostuma a converterse ese festival. A partir de aí o músico, nado en Lisboa en 1989, plantexou o seu camiño cunha seriedade e intensidade que é a que se rebela neste ‘bpm’ acadando esa madurez que non sabemos explicar moi ben de onde xorde pero que se percibe cando se suceden as cancións e temos a visión de conxunto do disco, dos latexos de Salvador Sobral nun disco tan persoal, con tantos tintes autobiográficos e no que todo o que teña relación co corazón tiña que estar moi presente.

Eses latidos por minuto quedaron no seu interior en tantas horas de hospital fronte a unha máquina que tasaba o tempo neses rexistros, el, como músico ten que facer o mesmo co seu tempo a través da música, dunha composición de cancións que sobe un chanzo no seu proceso artístico apostando por elas como un xeito de contar, de narrar unha vida que é máis forte dende a música de aí tamén que con cada disco Salvador Sobral explore novas cores, novas posibilidades de sons que convertan cada proposta nun acto que ten moito de lúdico, de facer de cada canción un canto de vida que é, precisamente o seu agradecemento final no disco: «agradezco todo o que xa vivín, que é inspiración para a miña arte». Sentarse a escoitar a Salvador Sobral ou asistir aos seus concertos, que serán moi numerosos en toda España se seguimos nesta mellora progresiva da pandemia, ten moito de celebrar a vida e de ter a sensación de que cada minuto dela temos que aproveitalo facendo de cada instante un latexo propio. 

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 12/06/2021 

Ningún comentario:

Publicar un comentario