Ao longo deste ano a exposición adicada a recuperar e recoñecer o legado da Xeración Nós, ao cumprirse cen anos, da súa creación, co título de 'Galicia, de Nós a nós', foi un dos fitos culturais do curso 2020-21. Unha mostra que comezou o seu percorrido na Cidade da Cultura para logo amosarse en vilas centrais na historia daquela Xeración, como foron Ourense, de onde eran moitos dos seus integrantes con nomes como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, e onde arrincou a publicación da revista que lle deu corpo e sentido a ese proxecto; e Pontevedra, na que nunha mesa do desaparecido café Méndez Núñez, arredor da sobranceira figura de Castelao os Ramón Cabanillas, Losada Diéguez e o propio Vicente Risco, plantaron a semente dunha Xeración á que hoxe voltamos non só como vizosa exaltación da súa proposta senón tamén para, cun século polo medio, plantexar que queda entre nós hoxe daquela aventura.
Se percorrer esta exposición transmitía esa idea de tarefa colectiva, de facer de cada número da revista Nós, o corazón daquel grupo, unha achega colectiva dende diferentes perspectivas e mentalidades, hoxe vemos como a nosa realidade non entende desa unidade de acción que tiña, por riba das inquedanzas de pensamento ou políticas de cada participante, unha arela común como era a da sinalar a singularidade de Galiza fronte ao resto do Estado, e plantexar unha posición, ombreiro con ombreiro, con outras identidades nacionais do resto de Europa. Esa xuntanza de pensamentos diversos hoxe é unha rendición baixo cadandúas siglas dende as que turran das costuras dun país que precisa máis que nunca, nesta situación pandémica e a piques de comezar unha recuperación económica, dun esforzo de unidade como nunca antes se teña visto, sendo aquela Xeración Nós un salientable modelo.
Se un ingrediente era esencial naquela aventura colectiva era o da cultura, a cultura como manifestación propia, probablemente xunto á lingua a maior delas, un xeito de identificación íntima fronte ao colectivo, unha singularidade dende a que poder establecer un universo particular. De aí que a literatura fose o contido máis importante da revista, con moita diferencia fronte ao resto, cunhas palabras que foron tamén inspiración para, dende as artes non literarias, atopar un soporte conceptual para as súas formas e que supuxeron unha renovación dunha arte rexionalista sen máis pretensións que o pintoresquismo, co que defender o emprego dunhas linguaxes vangardistas propios do momento e que entenderon a Galiza como sustrato para a modernización da plástica. Por citar un exemplo sen a Xeración Nós sería imposible entender aos Laxeiro, Souto, Torres, Colmeiro ou Laxeiro na pintura. Mentres, hoxe en día, a cultura semella ser o furgón de cola da nosa sociedade, o recheo da acción política ou mesmo dos medios de comunicación incapaces de ver nela un valor propio, xa non só na identificación dun país, senón como medio para xerar valor engadido á sociedade dende o económico sendo aínda moi feble a confianza nas súas posibilidades.
Cultura e unha lingua como fío irrenunciable, máis tamén lingua como o único que nos pode manter nunha posición propia fronte ao resto. Escribía Manuel María: “O idioma é a chave coa que abrimos o mundo”, pois esa chave semella aínda demasiado pesada para poder abrir unha porta firme ante o mundo. Sempre coa desconfianza dende as institucións públicas para facer dela unha aposta ao cen por cen e cunha inesgotable renuncia de falantes, sobre todo dos máis novos, por non facer do seu coidado un dos alicerces da nosa sociedade e centros de ensino.
Nesa relación da Xeración Nós co resto do mundo, ao que non renunciaban, intelixentes como eran, e aí temos as viaxes de Castelao por Europa para coñecer moitas desas inquedanzas, existía unha preocupación pola relación co universo céltico e con Portugal que foi sempre un elo irrenunciable. Galiza hoxe segue de costas a Portugal, sen unha relación fluída máis alá de puntuais encontros para poñer en marcha unha liña de tren, que hoxe pouco mellor é que cando eles cruzaban a raia, pero incapaces de artellar unha política común que nos beneficie a ambos cando tantos elementos comúns manexamos para mellorar dende ambas partes do que tería que ser un territorio común.
A Xeración Nós segue hoxe a ser un exemplo de amor polo país, pero sobre todo de confianza nel, o que aínda é a nosa maior eiva colectiva. Coñecer hoxe o seu legado é un labor máis que necesario e lonxe do vencello cos nosos días que se amosaban na mostra, tan ridículos como para poñerse roibos, o realmente importante é darnos conta de todo o que eles propuxeron e como hoxe cen anos despois, aínda non fomos quen de manter o seu legado máis alá das lóxicas evolucións no progreso como sociedade en función duns tempos novos.
Publicado no Suplemento do Día de Galicia. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 25/07/2021
Fotografía: Retratos feitos por Conde Corbal de varios integrantes da Xeración Nós e que forman parte da mostra 'Galicia, de Nós a nós'. (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario