domingo, 1 de agosto de 2021

Na vitoria e na derrota

 

Foguetes Verdes

As malas xornadas tamén forman parte do currículum de todo deportista. No caso do noso Javi Gómez Noya son moitas as boas, as que o converteron no mellor triatleta da historia



ADOITO camiñar pola Illa das Esculturas, a maioría das veces abraiado pola beleza dunha contorna na que a natureza e a arte xeran un espazo único e non de todo valorado por todos nós. Neses intres, nos que o corpo está pero a mente anda a outras cousas, sinto pasar un lóstrego ao meu carón que me leva de volta á realidade, cando me dou conta do que pasou por alí e quero coller o móbil para facerlle unha fotografía a unha lenda do deporte mundial o único que atopo xa non é a Javi Gómez Noya senón un puntiño ao fondo da paisaxe.

A Illa das Esculturas e as orelas do Lérez son parte da loita do deportista contra si mesmo, abofé que a máis complexa de todas e máis aínda cando as cousas non saen ben. Non hai rival máis duro que un mesmo e os límites que corpo e mente lle impoñen a calquera atleta. Cando Javi Gómez Noya pasa ao meu lado, case sempre acompañado doutro fenómeno como Víctor Riobó, facendo de locomotora, e ambos a unha velocidade inasumible para unha persoa normal, no primeiro que penso é nas moitas horas que leva chegar aí, os sacrificios e esforzos que conleva moverse nese nivel, cando ti camiñando hora e media xa tes unha boa dor nas pernas.

Eses pensamentos refórzanse cando chega a alta competición, cando a Illa das Esculturas transfórmase nun circuíto olímpico no que a calor é abafante, a humidade unha loucura e a auga na que tes que nadar se atopa a trinta grados; pero tamén cando les no El País ao seu adestrador, Carlos Prieto, falar de cómo se prepara unha carreira nesas condicións, adestrando en Cozumel durante dous meses na procura do máis semellante ao que vas atopar en Toquio, erguéndose a diario ás 5,30 para estar en acción a unha hora semellante á que se celebrou a final na que Javi Gómez Noya rematou no vixésimo quinto posto.

Iso que estivo facendo o noso veciño durante os últimos meses non é algo puntual xa que cando Javi Gómez Noya cruzou esa meta era a terceira vez que a traspasaba dende o seu debut nos Xogos Olímpicos en 2008, mesmo ano no que chegaba a liderar o ranking mundial, o que fixo ata 2015, con cinco campeonatos do Mundo e unha plata olímpica, resumo dun currículum lexendario que nos detallou Xurxo Gómez nestas páxinas horas despois da dolorosa derrota nipona. E digo dolorosa non por que non se puidese producir, que moitas veces esquecemos que a derrota forma parte do deporte e que normalmente aos mellores se lles recoñece máis na derrota que na vitoria, aí temos o recente exemplo da ximnasta Simone Biles ou do mesmo Javi Gómez Noya, escribindo unha carta aberta na que sen excusas asume o novo escenario despois desta competición. Dicía que foi dolorosa polo que supón para os que vemos en Javi Gómez Noya moito máis que un deportista de éxito que participa nunha disciplina chea de dureza, senón a un cidadán de Pontevedra que é parte do que supón esta vila, alguén co que te cruzas nunhas beiras do Lérez ás que nunca renunciou como parte dos seus adestramentos, e dolorosa tamén porque se vén a sumar a toda unha serie de infortunios que moldearon ao longo dunha traxectoria a Javi Gómez Noya, facéndoo máis forte, ao tempo que o gran cómplice dos que o admiramos.

Dicía Napoleón aquilo de a «A vitoria ten cen pais e a derrota é orfa», pois que Javier Gómez Noya saiba que non é un orfo da derrota, xa que en Pontevedra ten a miles e miles de pais que o acompañan e o acompañarán na vitoria e na derrota.

 

 

Publicado no Diario de Pontevedra 30/07/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario