sábado, 7 de agosto de 2021

"Mami, gana"

Foguetes Verdes

A medalla de prata obtida por Teresa Portela é moito máis que unha vitoria nunha carreira. É a conquista dun desafío persoal, do soño dunha deportista e das arelas dunha nai traballadora



O BERRO de Teresa Portela cando se confirmou a súa medalla de prata no K1-200 era co que soñou durante tantas noites, o mesmo berro que a impulsaba polas augas dos seus adestramentos en Verducido ou no Lérez e nas que durante horas, días, meses e anos adicouse a preparar esta e todas as carreiras que a levaron a obter 17 medallas en Campionatos de Europa e 15 en Campionatos do Mundo, pero había unha medalla que se resistía, a olímpica, a que a calquera deportista lle abre as portas do Olimpo onde todo, a loita, o esforzo e a vida cobran o seu sentido. Ese Olimpo atopábase ben lonxe da súa terra de Aldán, en Toquio, aos pés doutro cume sagrado, o monte Fuji, e alí Teresa Portela, deportista, traballadora e nai, berrou para, seis Xogos Olímpicos despois, conquistar esa gloria eterna e poñer nas mans da súa filla un anaco de prata.

Ese berro era tamén á resposta dunha nai coraxe, como todas as deportistas de alto nivel que teñen que conciliar a súa vida como deportistas, como traballadoras e como nais. Naira, a súa filla de sete anos, díxolle, xusto antes de saír: «Mami, gana», e eu imaxino o silencio que se debeu producir durante uns segundos despois de escoitar aquilo, xa que iso si que é presión. Abofé que nin os cinco Xogos Olímpicos anteriores, nin o doloroso cuarto posto de Londres 2012, nin o cada vez máis preto remate da traxectoria como padexeira, son quen de activar unha presión semellante, a dunha filla mirando aos teus ollos e poñéndote ante un reto que xa non sae de ti mesma, senon do que máis queres no mundo.

En Sidney 2000 arrincou este camiño olímpico. Despois viñeron Atenas, Pekín, Londres e Río de Janeiro, cuartos, quintos e sextos postos que poderían levar, xunto co paso do tempo e a vida persoal, na que Teresa Portela conformou unha familia e sacou adiante tres licenciaturas, a emprender outra tarefa, pero no diccionario desta muller o verbo renunciar non se conxuga e o podio olímpico agardaba por ela.

Anotou José Saramago, na previa do seu libro ‘A viaxe do elefante’ que «Sempre chegamos ao sitio onde nos esperan». A gloria agardaba por Teresa Portela e ela nunca dubidou á hora de continuar esa viaxe, converter a súa teimudez en parte da conquista do éxito e un mérito que impulsase o seu kayak mentres ese «Mami gana» converteu o seu padeo nunha máquina perfecta e a súa mente xa só tiña un obxectivo, satisfacer á súa filla.

Así cruzou a liña de meta tras unha inalcanzable neozelandesa e ese berro de liberación chegou ata os ouvidos de Naira. Mama gañou e así a deportista dos seis xogos olímpicos, que é un mérito tan importante como esa medalla, obtivo a recompensa a tantos anos de sacrificios e esforzos contra ese reloxo que é o que realmente dá mostra do acadado, moito máis cos anos aos que tanto se alude cando se fala de Teresa Portela. Apuntou con bo tino o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, neste mesmo xornal que o DNI non rixe no deporte, sendo o crono o auténtico elemento que di ata onde chegar. E a nosa padexeira de prata quere chegar a París, e todos sabemos que será quen de facelo. Alí non hai un monte sagrado, pero a ela iso xa non lle importa xa que conquistou o seu e o agasallo para a súa Naira. Tamén, na cita francesa, será o momento do relevo e de que outro nome do piragüismo, filla do Lérez, Antía Jácome, colla o testemuño para seguir mantendo ese elo sagrado entre a nosa terra e o olimpismo.



Publicado no Diario de Pontevedra 6/07/2021

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario