martes, 6 de maio de 2014

Asasinatos e xornalismo


Xornalismo e asasinatos sempre mesturaron ben. Na literatura ou no cine non foron poucos os xornalistas que rivalizaron coa mesma policía, ou que traballaron a carón dela para esclarecer algún crime como cerna do relato.
Elena Gallego deitase nese cómodo colchón para botar a andar a súa primeira novela allea a un dos fenómenos literarios do noso sistema cultural, do que ela tamén é protagonista, como autora da serie de libros ‘Dragal’ que enche as mentes dos nosos xóvenes dende o bendito maxín da literatura. A autora, xornalista que coñece ben este medio, mergúllase nun Vigo no que a aparición dunha serie de cadáveres pon patas arriba unha redacción periodística e o corpo de policía. Esa simbiose entre ambos estamentos é o que permite a autora poñer un pé, por un lado no periodismo, no que se acadan moi boas páxinas ao transmitir a vida (por chamarlle así) dentro dun xornal e as relacións entre os seus integrantes, e o outro na investigación que a xornalista protagonista realiza a carón da policía.
A ringleira de cadáveres que xurden ao longo da novela, nun Vigo tan concreto e case lexendario, como foi o dos oitenta co marco ambiental da Movida, medra ao tempo que xunto a cada un dos corpos aparecen uns bonequiños que xa forman parte das vidas de moitos que os viron aparecer fai xa corenta anos acompañandoos como fieis escudeiros de xogos. Aqueles inesquecibles clicks de Famobil son o fío do que tirar para tentar buscar unha explicación a todos eses feitos nos que Elena Gallego é quen de implicar ao lector, de enganchalo nun relato que homenaxea as novelas de xénero negro, pero sobre todo o que fai é permitir o goce do lector, e iso, non é pouca cousa. Unha intriga na que tamén hai lugar para o humor, un sonrriso que esvara entre a morte, para evitar unha excesiva rixidez, e que lle acae moi ben ao conxunto, como descanso entre os crimes, o que tamén se acada con esas descripcións do mundo xornalístico que amosa un espazo no que a escritora móvese cunha soltura evidente a medida cun lee eses fragmentos tan ben resoltos.
Unha novela que leva varias semanas, dende ben pouco da súa saída do prelo, encabezando as listaxes de vendas de libros na nosa terra e que supón unha especie de beizón para o sistema literario que con este tipo de novelas suma adeptos, e dicir, lectores para seguir asomándose ás historias dos nosos creadores. Elena Gallego segue así a perpetuar ese milagre que xurde de vencellar literatura e vendas, e o fai cunha obra amable, chea de bondades para un lector desexoso de atopar na literatura un engaiolante pasatempo que o afaste da intrascendencia de tantos pasatempos moito máis perigosos que os mortos agochados nesta ‘Sete Caveiras’.

Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 4/05/2014 

Ningún comentario:

Publicar un comentario