domingo, 11 de mayo de 2014

Galician style



Todavía un recorda aqueles grandes expositores que se atopaban en moitos quioscos cheos de coloridas postais. Collemos unha ao chou e lemos: ‘Recuerdo de El Grove’ e atopamos nela unha ostensíbel fonte chea de centolas, nécoras, langostinos ou percebes sobre unhas follas de leituga e algunha vista da ría de Arousa como fondo... un plano fixo que cumpría a misión de revisitar aquela Galicia de fai décadas e que a través destas postais viaxaba polo mundo adiante amosando o que se foi acuñando como unha sorte de Galician style, e dicir, traxes folclóricos, paisaxes bucólicas, hórreos, cruceiros e comida, moita comida. Asentouse así unha visión edulcorada dunha Galicia que era moito máis que iso, pero as eivas daquela sociedade lúgubre, chea de sombras emerxentes do franquismo, obrigaba a vender esta terra afastada do mundo como unha Ítaca folclórica na que os seus habitantes vivían felices a carón dun río, tirados na herba, ao tempo que ensaiaban algún paso de baile. 
Costou moito desprenderse de todo aquilo, facer de Galicia unha sociedade contemporánea, moderna e que sexa quen de mirar en fite a outras sociedades sen complexo algún. Conseguiuse, aínda que moitos hoxe, mesmo semellan non querer saír dese mundo de coloríns por si se lles fode o invento. Comenzamos a velo con máis insistencia nesta recén iniciada campaña electoral europea cuns candidatos que abofé repetirán arcaísmos ou esas poses forzadas sempre presentes nestas perversas campañas. É por iso que non descartamos neles algún empacho de mexillóns, unhas boas apalpadas nas ubres dalgunha vaca acosada ou algunha vergoñenta muiñeira nalgunha praza ou romería, que virán a substituír a iso que é tan habitual que non estea presente nunha campaña electoral, por moi paradoxal que pareza, como son as propostas dos partidos. Moitos porque non as teñen, e outros, porque de amosalas con sinceridade, serían o mellor antídoto para os seus propios votantes. 
Dende hai unhas semanas temos en Pontevedra unha intelixente e pioneira reflexión sobre aquela Galicia que se vendeu cara fóra a través, non só polos turistas, senón tamén por esa rede infinita establecida pola emigración. Xosé Enrique Acuña pariu este proxecto baixo o nome de ‘Apostolado Galaico’ e que nos pon, na Sala X da Facultade de Belas Artes, diante de todo ese universo do kistch, agora elevado a obxecto artístico. Toda unha mirada a aquilo no que se nos quiso converter a través dun proceso de produción en serie de longas tiradas e baixos custes que en cambio foi moi efectivo, e así o comprobamos coa continuidade de moitos daqueles clixés. A exposición, que remata o 23 deste mes, complétase cunha serie de imáxenes feitas polo fotógrafo Julio Gil, na que se reinterpretan aquelas postais dende unha óptica actual, dando paso á moda, os tatuaxes, a escenarios contemporáneos nunhas e o contraste entre a tradición e o novo noutras. Un vídeo, firmado por Sabela Vázquez, tamén xoga con aquelas imaxes vencellándoas con mensaxes da clandestinidade franquista, pon punto final a este achegamento a un tempo que non está tan lonxe, non vaian a pensar. Seguro que si remexen nos caixóns das súas casas ou na dos seus pais, atoparán algunha destas postais adormecidas, loitando contra o paso do tempo e a memoria dos que as empregaron como medio de comunicación, aínda que ocultas entre fotos familiares en branco e negro, e se rebuscan ben, ao mellor tamén atopan a sofistificación máxima, como eran unhas pequenas televisións de plástico ás que lles premías un botón para cambiar de imaxe e así íanse sucedendo varias destas fotografías. 
Galicia mudou e o fixo demasiado despacio para o que nos merecíamos, agora Xosé Enrique Acuña enfróntanos a nós mesmos e á sociedade na que medramos para que, co paso do tempo, e un pouco de xuízo crítico, sexamos quen de avaliar como fixeron que nos viran no resto da Península, en América ou nunha Europa que nos próximos días andará á procura dun camiño no que as cores e as falsedades deberían deixar paso á realidade e as persoas de verdade.

Publicado en Diario de Pontevedra 11/05/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario