Tan importante é a nosa vida como todo aquilo que nos rodea. Ese é o
acubillo do que nós formamos parte e que, aínda que non o saibamos,
acompañaranos ao longo deste camiñar. As músicas, as películas, as lecturas, as
mozas, as compañas do colexio... un amplo cultivo que sera preciso para que
agromen en nós toda unha serie de inquedanzas na configuración da nosa
personalidade.
Agustín Fernández Paz, mestre das nosas letras, lévanos da man dun mozo
chamado Miguel a vivir uns tempos apaixoantes nos que as sombras daquela
España, aínda chea de grises na cruel agonía do franquismo, tiñán a súa
distracción en mundos como as músicas de Bob Dylan, en películas como ‘Matar a
un reiseñor’, nos cómics, nas novelas do Oeste ou na liorta que en plena Guerra
Fría levou a soviéticos e americanos a unha loita por quen ía máis lonxe nos
propósitos das súa carreiras espaciais. Esa carreira simbolizaba como poucas
cousas a chegada dun mundo novo, a superación dos traumas das guerras mundiais,
ou o progreso, que dun ou doutro xeito tamén se palpaba nas vidas dos
protagonistas desta novela. Eles, Miguel e os seus pais, facían fronte ao
Réxime, como eles podían, pero sempre co medo a ser descubertos e levar así un
forte castigo. Aquel mundo da resistencia antifranquista Agustín Fernández Paz
é quen de argallalo a través dalgo tan complexo como os ollos dun rapaz. Un
mozo que esperta á vida, mentres a vida fará del algo necesario para que ela
mesma teña sentido. O descubrimento do amor, da realidade agochada tras os
segredos dos seus pais, ou as verdades que a vida porá tempo despois ante el,
son o soporte dunha novela na que o autor amosa todo o seu potencial narrativo
a través do cal conducir ao lector dun xeito suave e agarimoso na descuberta
dun tempo de escuridade pero tamén de luz, de dor, pero tamén de ledicia...en
definitiva a cara e a cruz dunha vida á que Agustín Fernández Paz rende tributo
dende una literatura que sempre deixa un pouso de esperanza e redención, de
afouteza na pescuda dos valores que suxeitan a un home tantas veces zarandeado
polas tormentas da vida.
Miguel xa é un deses nenos inesquecibles na nosa literatura, un personaxe
do que o mesmo Atticus Finch sentiríase ben orgulloso, coma nós nos sentimos de
cada un dos libros que escribe Agustín Fernández Paz. Un escritor máis moderno
que moitos autores chamados modernos, e iso por qué?, pois porque a súa
literatura é a a da sinxeleza, a que nos fai ollar en fite ao ser humano e as
súas eivas, sen artificios nin superioridades, sendo quen de ir máis aló do
meramente literario e así é como a carón deste libro desenrola un blogue no que
esta viaxe continua. Porque como cantou Bob Dylan «os tempos están a cambiar».
Publicado no Progreso de Lugo e no Diario de Pontevedra 25/05/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario