lunes, 1 de diciembre de 2014

A forza da palabra


Nunca defrauda un libro de Fina Casalderrey. Cada unha das súas publicacións é coma unha desas caricias que te produce o contacto en vivo coa autora. Caricias da palabra, pero tamén palabras con forza.
‘Historia da bicicleta dun home lagarto’ convértese nun afoutado relato sobre o valor das palabras e a súa capacidade para suxeitar a nosa alma cando as cousas rodan mal, moi mal. Unha historia mergullada na vida dun neno que asiste á incerteza sobre o paradoiro do seu pai durante a Guerra Civil. Si, así como len. Un texto infantil que se chanta na Guerra Civil, toda unha achega de Fina Casalderrey á Literatura Infantil e Xuvenil que ten nela unha das súas bandeiras de integridade e honestidade, pero tamén de respecto a intelixencia deses cativos e ao papel que, na súa formación como persoas, e seres pensantes, pode chegar a ter.
Mundo é un rapaz cun nome ben grande, un rapaz valente que escorrenta aos lobos que ameazan ao seu rabaño. Un neno que é quen de subirse a unha bicicleta á que só chega poñéndose nas puntas dos pés, e sube aos postes de teléfono... pero esa valentía, a do universo dos nenos, verase contaminada por outro mundo, este infinitamente máis noxento como é o dos maiores, o deses seres que son quen de pelexar entre eles simplemente por mandar uns sobre os outros. Mundo non sabe diso, el é feliz coas súas cousas, pero si que entende que algo pasa ao seu arredor, que algo turbio está a encher a atmosfera do seu pobo e a da súa casa, que se vai enchendo de escuridade e de medos, pero entón será cando cheguen as palabras, cando uns libros farán que entre a esperanza nese fogar enloitado e todo comece a ser un pouquiño mellor dende a bondade dun ‘carteiro’ moi especial.
E para facelo Fina Casalderrey redondea unha historia moi ben escrita, capaz de xogar ao funambulismo con eses dous terreos, o do neno e o dos maiores, sen traspasar ningunha liña que, de facelo, botaría abaixo este experimento que non semella nada casual, senón ben pensado e mellor resolto. A nosa gran reposteira, das tortas e das palabras, saca do forno un doce ben riquiño, con ese punto xusto de dozura que imprime a cada unha das súas receitas, pero á que nesta ocasión lle engade un  amargor que lle presta moi ben ao conxunto do libro. Mérqueno para os seus cativos pero tamén léano vostedes, daranse de conta de que a boa literatura non entende de maiores ou menores, simplemente de historias que levedan dende a palabra, a forza da palabra que aquí, aínda por riba, medra dende unhas ilustracións cheas de viveza e que converten en imaxe a receita de Fina Casalderrey. A súa autora, Laura Súa Campo, é o ingrediente final para un relato que non deberiamos perder ningún de nós.




Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 30/11/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada