Miramos cara o futuro cos ollos postos no presente. Xente dos eidos da
creación que plantexan o que virá a partir do que todos eles están facendo hoxe
en día, alicerzando unha traxectoria que non deixa de abraiar por algo que se
botaba moi en falla na nosa cultura. A falta de complexos, a liberdade absoluta
a partir do eu e a súa relación coa contorna, a total ausencia de fíos con
tempos, xeracións e nomes pasados que, malia que sempre deben estar presentes,
non implican unha pleitesía ou sometemento que condicione o seu quefacer,
respectando a súa individualidade.
Escritores, artistas visuais, ilustradores, debuxantes de banda deseñada, deseñadores
de moda, directores de cine… ámbitos de traballo que ven como agroman neles
toda unha xeración de nomes que dende ben cedo nas súas vidas veñen dando
mostras significativas do ben co fan, e do que poden chegar a ser. Todos eles
son parte deste tempo tan fragmentario, singular, azaroso e tantas veces
inhóspito co ser humano no que nos toca vivir, todos eles chantan os seus pés
nesta terra tan necesitada de voces, nomes e xestos que poñan ombreiro con
ombreiro con outros territorios. Calquera deles non teme a iso, saben da súa
formación, das súas lecturas, do seu interese por coñecer aquilo que acontece
noutras latitudes, por ler, viaxar, ter amizades, estudar en xeografías alleas
ás súas para beber delas e, con todo iso, artellar unha particular visión do
seu universo.
Toda esta materia prima ten que ser convintemente transformada para que
chegue ao público, para que o proceso creativo desemboque naquilo que lle da
senso. Os lectores, as editoriais, os visitantes ás exposicións, os comisarios,
os mestres, as convocatorias de premios ou as diferentes institucións forman
parte desa complicidade e estanse aproveitando deste bo momento traballando
nese proceso simbiótico que permite ao creador espallarse cara o exterior e a
todas elas facer uso dos seus recursos en función dos seus diferentes fins.
Desta relación a gran beneficiaria é a sociedade, nela debe revertir todo este
proceso, para gozar co maxín de todos os nosos creadores, capaces de xerar
sinerxias dende o eido da cultura que chega a espallarse (sempre que se faga un
emprego intelixente e razoado) por ámbitos como o do turismo, o da economía e a
significación do que poderíamos chamar unha marca Galicia ou, por fuxir do
sobado adagio español, un novo feito galego.
Podémolo visibilizar de xeito ben recente coa entrega dos Premios Xerais de Literatura que nos
seus tres galardóns concederon tres premios a tres nomes prácticamente
descoñecidos, xente que no caso do gañador do Premio Xerais de Novela
presentaba a súa primeira novela, Héctor
Carajaville, e que nos casos dos Premios Jules Verne e Merlín, recaeron en
dúas mulleres que naceron nos anos oitenta, Andrea Maceiras e Érica
Esmorís. Nomes a sumar aos doutros homes e mulleres que veñen escribindo en
liñas cheas de virtudes e que amosan as súas capacidades obra tras obra. Aí van
uns cantos: Ledicia Costas, que ven
de publicar ‘Un animal chamado néboa’ ou Berta
Dávila; nunha narrativa que se completa con dous nomes que recén publicaron
dous libros que non deixan de abraiarnos e de achegar lectores ao noso sistema
literario: Fran P. Lorenzo e Alberto Ramos que, con ‘Cabalos e
lobos’ e ‘As máscaras rotas para Sebastian Nell’, premiadas co Blanco Amor e
Manuel García Barros, respectivamente, amosan a capacidade de escritores novos
para achegarse ao público e obrar ese milagre materializado na venda de libros
que tan ben coñecen outros nomes nados a medidados dos setenta como Pedro Feijoo ou Diego Ameixeiras. Tamén poetas coma Eli Ríos, Lucía Novas, María do Cebreiro, Isaac Xubín ou Gonzalo Hermo,
este último ven de gañar o Premio da Crítica pola súa obra, ‘Celebración’, e se
imos a ver a súa data de nacemento aterramos no ano 1987 (abraiante!), deixan
constancia da súa progresión dende o verso.
No terreo da plástica é abondosa a listaxe deses artistas que debuxan no
aire o que a súa mente lles obriga a materializar nunha pintura, nun debuxo, nunha
instalación, nunha escultura ou nunha fotografía. Deixarémolo en catro nomes,
xente que aos trinta e poucos anos xa teñen currículums cheos de mencións,
estancias, becas e exposicións aquí e máis alá do Padornelo. Catro lados dun territorio que non deixa de medrar
grazas, en boa medida, ao traballo feito dende a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que ven de cumprir 25 anos
de vida, e a certámenes como o imprescindible Novos Valores do Museo de
Pontevedra ou o recente pero exitoso Encontro
de Artistas Novos na Cidade de
Cultura. Ah! os seus nomes… Carla
Andrade, Loreto Martínez, Christian García Bello e Marcos Covelo.
Pero a carón destas accións da arte emerxen outras que nos falan dunha
potencialidade que non deixa de medrar, e de facelo de xeito exponencial nos
últimos tempos. Facianas da nosa creatividade que non estaban afeitas á vertixe
da popularidade ou do ben feito máis aló dun nome concreto, e así atopámonos en
ámbitos como os da ilustración ou da banda deseñada con nomes como Alfonso Barreiro, Cristian F. Caruncho, Inés
Vázquez Ramallal e Cynthia
Knickerbocker que, de xeito moi diferente entre eles, son quen de compoñer
relatos cheos de valores. Un pulo que ten o reflexo na máis que meritoria
creación dunha escola adicada á banda deseñada ubicada en Pontevedra, ‘Garaxe Hermético’ da man de Kiko da Silva. E de Pontevedra xorde
outro deses milagres que están a mudar a faciana da creación en Galicia, a Esdemga, a Escola de Deseño e Moda de
Galicia que tras varias fornadas de deseñadores hoxe en día nos leva a citar
nomes como os de Eva Soto, Isabel Mastache, Amai Rodríguez, Elena Rial,
Rafael Cameselle ou David del Río, que aúnan neste tempo
recoñecementos e desfiles en sobranceiras pasarelas nas que fan resoar o nome
de Galicia a cada paso das modelos. E ata o cine, tantas veces abandoado a súa
sorte nunha Galicia empregada históricamente soamente como plató de rodaxe, ve
como varios mozos levan as súas imaxes as pantallas de todo o mundo e son
premiados en Festivais, recollidos en publicacións e ata fixeron acuñar outra
etiqueta no mundo das etiquetas a do Novo Cinema Galego, un terremoto no noso
Audiovisual que abofé dende os anos oitenta non viu tal cousa. Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño
ou Ángel Santos teñen boa parte de
culpa.
Todo este cóctel, mezclado non axitado, é o que ven a definir parte das
novas conquistas dos nosos novos creadores, tamén un xeito de orgullo de todo
un país que chega a tal punto que ata convoca unha Feira das Industrias
Culturais, o Culturgal, e que se
enche de visitantes, para poñer no escaparate todo, ou polo menos parte do aquí
exposto, o que compón outra paisaxe da nosa terra, cada vez máis afastada do
folclorismo e inmersa nun xeito cheo de dignidade de facer as cousas e de
facelas ben. Nestas liñas non están todos os que son, pero os que están son
unha parte dun todo cada vez máis amplo, cada vez máis firme, cada vez mellor
debuxado.
Publicado no Especial do Día de Galicia en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 25/07/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario