martes, 7 de xullo de 2015

Pontevedra dende un café

Rue Saint-Antoine nº 170
Roteiro. Poucos miradoiros máis fascinantes dende os que ollar a unha cidade que dende un café. Unha loita entre o interior e o exterior na que se reflicte o acontecer diario. A publicación dunha singular guía sobre Pontevedra levoume a participar nela cunha mirada dende algúns deses cafés, dende aqueles máis históricos convertidos nunha referencia.

Mesa do Carabela co Savoy ao fondo
O Café foi dende sempre o espazo da modernidade. O ámbito urbano no que tiñan lugar as relacións entre as persoas, os cambios de impresións, os faladoiros, en definitiva, o lugar de encontro entre diferentes percepcións da realidade. Nas décadas iniciais do século XX Pontevedra fixo do Café, ao igual co resto das capitais europeas, un espazo lúdico no que un se podía mover máis comodamente. dun xeito máis libre, e ese reduto de liberdade é tamén fundamental á hora de achegarse a eles. Catro cafés subsisten dende esas décadas, o Café Moderno (1903), o Café Savoy (1936), Café Blanco y Negro (1943) e o Café Carabela (1947). Os catro forman parte da nosa historia como sociedade pero tamén da historia de cada un de nós. 
É por iso que á hora de participar desta idea que xurde do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, coordinado dende a creatividade de Portal 48 para facer unha publicación que recollese diferentes itinerarios pola cidade de Pontevedra, coido que hai poucos espazos máis vizosos para achegarse a unha cidade que dende os seus cafés. Espazos entre o exterior e o interior separados por unhas fiestras que actúan de protección, pero tamén de miradoiro sobre as rúas e prazas da cidade ás que a mirada se dirixe entre grolo e grolo de café ou trala lectura das liñas dun libro. Falar de cafés en Pontevedra sería facelo dunha chea deles, lugares máis ou menos recentes cheos de historias e lembranzas que xa forman parte do devir da cidade, do seu pulo diario, pero a hora de facer unha obrigada escolla por cuestións de espazo estaba obrigado a cinguirme a catro deses cafés e abofé que estes catro son as referencias históricas na cidade. Falar do Moderno, Savoy, Blanco y Negro e Carabela é facelo da propia Pontevedra e de todos nós.

Ambolos dous actúan como os custodios da praza, os bastións dun espazo urbano feito para a vida da cidade, para o lecer, a festa ou calquera tipo de celebración común, pero tamén para os instantes de intimidade, o dos cativos e os maiores, en definitiva, o corazón desta cidade. A un lado o Savoy ao outro o Carabela. O Savoy ábrese ao gran teatro da Ferraría, coas súas xentes indo de aquí para alá, ao Mercado, ao Museo, polos Soportais, subindo a San Francisco, mentres as camelias desafían ao tempo natural e enchen de cores unha praza feita para capturala vida. Cristais adentro, a vida dun café histórico, de tertulias de xente da cultura en tempos nos que a cultura non estaba moi ben vista, os recordos de Paquito, aquel camareiro inesquecible, pero tamén as ventanillas para venda de entradas para os touros ou para o Pontevedra. Agora asómase ao século XXI cunha nova decoración axustada aos tempos pero mantendo un aire cheo de cultura, pequenas exposicións, concertos de jazz e as escaleiras da Libraría Lello coma un ascensor para vela plaza dende a súa parte superior. O mellor regalo cos seus donos nos fixeron aos seus clientes.
Na praza da Estrela o Carabela é unha secuencia do exterior. Unha especie de película cinematográfica que, dende cada ventá, atrapa un anaco do exterior. O convento de San Francisco, A Ferraría coas torres da Peregrina ao fondo, os Soportais, as xentes... instantes que se converten nun só ao mirar sobre a barra, a esas ‘ilustracións’ que Conde Corbal deixou xa para a historia como recordo dunha cidade que se desdobla e que se mergulla en si mesma para tentar explicarse. Un xogo de espellos que en certos momentos convértea nunha cidade irreal que vai e ven, que se escapa ante a nosa mirada como aquela cidade levitante dun Gonzalo Torrente Ballester que paseou por estes dous cafés cómplices da Ferraría e o seu latexo común.
 
Interior do Café Moderno
O Café Moderno é o máis antigo dos catro. A representación dun novo século que faría de Pontevedra unha cidade chea de feitos vangardistas. Un deles este Café Moderno no que se proxectaron as primeiras películas da cidade, onde a máquina do café asubiaba para facer que o volume subira nas conversas dos que ían ao gran faladoiro dos anos vinte e trinta do século pasado. As súas paredes enchéronse ben cedo dunha decoración que ía máis alá de ser só iso, e se convertía nun muestrario da pintura daquel tempo. Monteserín, Carlos Sobrino, Luis Pintos Fonseca... máis tarde chegarían Laxeiro, Leiro ou Álvaro Siza para converter a ese Café Moderno nun cofre cheo de tesouros. O tempo conxélase nese reloxo feito por Arturo Rey, agullas que marcan o paso do tempo que en Pontevedra é diferente ao do resto dos lugares.
Terraza do Blanco y Negro
E a derradeira parada, o Blanco y Negro, un café dentro dun xardín ou un xardín dentro dun café. Séntome nos seus cómodos sofás e os ventanais ábrense nun espectáculo de visión e memoria ás Palmeiras, berce do Pontevedra c.f., a un espazo de xogos fondeado na nosa memoria infantil, o camiñar cara os institutos e aquel Circo-Teatro no que se despediu a Ravachol. Ese Circo-Teatro métese no interior do Blanco y Negro cunha foto que volve a facernos xogar co dentro e fora, coa cidade que foi e a que é, en definitiva, parte dun camiñar común que agora é libro para continualas pegadas dos que antes ca nós viviron esta cidade e agora somos nós os que a vivimos.

Prismas da cidade
Varios autores

Alba Blanco, Alexis Parada, Basilisio Fernández, Bernardo Carballal e José Luis Carrasco, Cristina Taboada, Diego Castro, Fruela Alonso, Hermanos Maquieira, Iria Ríos, Javier Nogueira, José Chas, Laura Romero, María Lusquiños, Marta Moldes, Nicolás Balea, Pablo Campos e Mayte Vidal, Rafael Santomé, Ramón Rozas, Roberto Rivas e María Campo son os autores que plantexaron os diferentes percorridos para gozar da cidade de Pontevedra.


Publicado no Diario de Pontevedra 6/07/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario