O Chepudo da Feira Fraca en pleno proceso alquímico (G. García) |
Chega a Feira Franca para pechar o verán e abrir o outono. Fin do lecer e
volta ao quefacer diario. Todo un proceso de cambio e muda nas nosas condicións
de vida, no noso sentir e respirar a vida. Un umbral que cruzar a modo de festa
xa, tras quince edicións e con esta dezaseis, parte irrenunciable da ledicia
dun pobo que, como poucos, goza da súa rúa como escenario de operacións e,
neste caso, mimetizada, con maior ou menor fortuna, no remate do mundo
medieval.
E faino a través dun proceso alquímico,
unha conxura común para deixar atrás o sol e pisalas follas murchas que non
tardarán en alfombralas nosas rúas, en definitiva, abrir un novo tempo no
calendario cidadán. Alquimias e cambios, co lume dese forno dando o calor
preciso para facer ferver e mudar as cousas. E fíxense se mudaron nestes
últimos tempos case sen darnos conta, entre baños salgados e viaxes de aquí
para alá. A Deputación cambiou de
xestores, algo que abofé semellaba máis difícil que o de converter calquer
metal en ouro, pero xa ven, agora son outros os que se sentan arredor da táboa
redonda provincial. Os nosos cabaleiros deportivos afrontarán novas xustas,
medraron e cambiaron de torneos, chegando a outros de maior entidade; e ata a
igrexa, esa igrexa aínda tan vencellada en moitas cuestións ao medievo ven
agora, por boca do Papa Francisco, a
permitir aos sacerdotes o perdón do aborto.
O lume transformador estará acendido ao
longo de todo o día. Dende ben cediño nos fornos para que medre o pan e se
doren as empanadas que, co seu arrecendo, xunto o de tantas outras larpeiradas
converterá nun espectáculo dos sentidos moitos dos rincóns do casco histórico;
pero tamén o lume dos ferreiros que co seu martelo traballarán arreo para que
vexamos como a forxa é quen de modificar o metal, aínda que non cremos que o
chegue a volver ouro por moita alquimia que lle metamos ao asunto (aínda así
estaremos atentos).
Estes non son máis que algúns dos
imprescindibles ‘atrezos’ da Feria Franca que o tempo alicerzou como parte dun
ambiente xerado polos propios participantes na configuración dun espazo que é
posible que xa chegara ao seu máximo apoxeo, e ben está, agora trátase de
coidalo, de non queimalas súas posibilidades e que só a diversión teña cabida.
Co comercio facendo boas caixas nas semanas previas hoxe tamén é día de mover
moitos cartos, de facer da festa un xeito de dinamización económica e facer
forte esa abeizoada idea de que esta cidade é unha xoia para vivir nela.
Rebumbios aparte, liortas políticas e interes particulares, as cidades son
espazos para vivir, para facer delas o mellor ecosistema no que desenvolver un
proxecto de vida e parte substancial diso é o saber gozar da vida, distraerse
durante unhas horas das esclavitudes ás que tantas veces estamos sometidos e se
para iso hai que vestirse de monxe, cabaleiro, mesonera, cortesana ou o que se
nos pase pola cabeza. Pois adiante. O disfrace é o gran xeito de evasión do ser
humano, o transformarse, como a propia alquimia, noutro ser, para formar parte
doutra vida, o paréntese aliviador do día a día. Así que hoxe salgan á rúa e
fagan da súa cidade un gran parque de xogos, rían, coman e beban, tenten
converter en ouro todo aquilo que toquen, e xa saben que o mellor ouro que
poden atopar é o da ledicia.
É tempo de Feira Franca en Pontevedra, de danzas, mercados e
músicas medievais... tamén de desfiles, loitas, oficios tradicionais, cetrería,
bufóns e trovadores... todo para encher rúas e prazas do que podería ser outro
tempo, un pasado no que esta cidade comezaba a configurar o seu esplendoroso
pasado a carón do seu porto para ser a capital de Galicia durante algúns
séculos. Hoxe voltará a ser a capital, aínda que da troula e a festa, un
milagre que ano tras ano volve a quentar as almas dos pontevedreses para sacar
deles o seu espírito festivo, ese mesmo que resucita a Ravachol entroido tras entroido, e que nas Festas da Peregrina enche as rúas de troula. Pero
agora toca a máis nova destas festas, a que chegou facendo pouco ruido pero que
xa é parte nosa, desta cidade que non renuncia a súa capitalidade da festa e da
diversión. Hoxe toca da boa, da que non entende de tempos, tan só de converter
o diario en excepción. En definitiva, alquimia pura.
Publicado en Diario de Pontevedra 5/09/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario