lunes, 21 de septiembre de 2015

Paisaxes

Paisaxes de Juan Rivas

Galicia é paisaxe. Nós somos paisaxe. Terra e habitantes conformados coma unha única realidade modelada a través deste espazo natural no que nos desenvolvemos. Xuntos somos un e ese un explica gran parte do que en realidade somos como comunidade.
Tantas veces desprezado como o escenario das nosas vidas hai momentos en que a reflexión sobre a nosa relación co entorno é obrigada. Estámolo vendo nestes días de tractoradas e protestas na defensa daquilo que é parte da nosa identidade e da nosa paisaxe, a vaca e o seu produto, cada vez máis afastada dos nosos campos e estabulada nun proceso de renuncia obrigada polo estarrecedor mercado que quere mudar paisaxes e xeografías, tanto físicas coma humanas.
Pero tamén a arte e a pintura poden poñernos ante nós mesmos e a nosa relación coa paisaxe. Podémolo ver dende o xoves pasado no Pazo da Cultura de Pontevedra coa obra de Juan Moreno Badía e Juan Rivas nunha exposición que fai desa paisaxe motivo e razón, sentir e pulsión, soño e realidade, complicidade e desafío. Ambos coexisten nesas paredes brancas, a carón do Lérez, enchidas de verdes luminosos, de ceos abertos e limpos, de corredoiras e estradas, de néboas e augas calmas, pero tamén de arquitecturas desairadas cun entorno ao que lle dan o lombo, que o agreden e modifican sen máis interese cos egoísmos das súas vertixinosas alturas e as súas cores fachendosas.
Porén a paisaxe real resiste, amósase orgullosa, sabedora da súa forza, de que unha presa de herba ou unha pola dunha árbore permanecerán afoutas fronte as nosas intervencións, ao noso vagar coma pantasmas por un terreo que esnaquizamos cunha lixeireza abraiante polo descaro con que o facemos.
Paisaxes de Juan Moreno Badía
Nesta cohabitación pictórica presenciamos como Juan Moreno esculca esa natureza coa mirada do entomólogo, a análise dos milleiros de verdes, dos distintos reflexos da luz e as nubes sobre as augas, o peso da néboa, a corrente dun río... a liberdade que medra e medra como unha mesta rede á que suxeitarnos. Ao seu carón, Juan Rivas, reflicte a nosa acción no medio, as nosas construcións a medio facer, a rotura dos horizontes, a ferida nas leiras, a contaminación do natural é dicir, a elaboración dunha nova paisaxe que ven a substituir a anterior, a que coñeceron os nosos devanceiros, converténdose na nosa, a que vemos cando nos movemos polo territorio ou coa que convivimos dando un paseo por algún núcleo urbano, e que xa chegou a un punto de asimilación co medio que non nos semella algo a descalificar. Juan Rivas tampouco o fai, senón que o expón, convertendo a súa pintura en notaria dunha realidade á que nos enfrontamos xa como un feito cotiá e parte da nosa paisaxe, artellando dende a pincelada ese espazo fronteirizo entre o rural e o urbano no que semella que todo vale. Unha simbiose perfecta que nos achega a pintura para alentar o noso pensamento, iso é do que é quen esta arte, de motivar non só á nosa mirada hacia a beleza, senón de propiciar no noso pensar cómo son as cousas. A pintura coma análise da realidade e transustanciación do noso entorno nunha obra a través da mirada do creador.
Percorrer este espazo expositivo  é percorrer a nosa xeografía, pasar de Rianxo a Burela ou de Luaña a A Lanzada nuns poucos metros permítenos entender mellor de qué xeito estamos a relacionarnos coa nosa paisaxe e cómo desprestixiamos as nosas construcións tradicionais ou a propia natureza enchendo recunchos fermosísimos dun sumatorio de contedores, tendidos eléctricos, asfaltos, medianeiras... en definitiva, afrentas urbanísticas que viviron ao amparo da inacción lexislativa para controlar e protexer o medio e que só, nos últimos tempos, cando xa moito estaba modificado, sendo posiblemente irrecuperable, comezouse a poñer un certo couto á libertinaxe.
Pase o que pase, a pintura, coa súa maxia e capacidade de fascinación, é quen de atopar beleza ata nesa teima do ser humano de foder este agasallo que temos por terra. Juan Moreno Badía e Juan Rivas fan das súas paisaxes dúas caras dunha mesma moeda, dun territorio que loita para sobrevivir a partir desas dúas caras pero que, abofé, sempre resistirá como inspiración.


Publicado no Diario de Pontevedra 19/09/2015
Imaxes da exposición 'Na beira do río. Diálogos na pintura' Juan Moreno Badía/Juan Rivas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada