Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía.
A exposición ‘Ariños Aires Rosalía’ que se pode ver no Sexto Edificio do Museo
de Pontevedra acolle unha revitalizadora aproximación ao universo creativo e vital de Rosalía de Castro a través da mirada dun dos nosos grandes creadores,
o fotógrafo Xurxo Lobato, que é quen de visibilizar a compoñente plástica deses
dous universos.
Inagotable
nas súas inspiracións a obra de Rosalía de Castro lonxe de reducirse ao eido
literario espállase como reduto simbólico dunha identidade que non deixa de
agromar noutros campos da creación. Non temos máis que achegarnos ata as salas
de exposicións do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o 29 de xaneiro
para coñecer unha das máis recentes, unha achega fotográfica que ven da man dun
dos nosos creadores máis sobranceiros, Xuxo Lobato.
Con
só pasar uns minutos fronte a ese medio cento de fotografías en blanco e negro
un comeza a sentir cousas, e cousas ben fermosas. Cousas que teñen que ver con
nós mesmos e o que esta terra é quen de transmitir aos que pousamos os pés
nela. Fotografías que retratan a alma de Rosalía de Castro, da muller e da poeta,
do símbolo literario dun tempo que vai máis aló diso engadíndoselle unha
dimensión da feminidade en tempos nos que calquera situación nese campo era
case ciencia ficción. Ninguén mellor que o propio Xurxo Lobato para, según as
súas propias palabras, nunha entrevista neste xornal, falar desa Rosalía a
reivindicar, da «Rosalía que elixe, no canto de quedar facéndolle o caldo a
Murguía, facer poemas». E así é como a súa poesía é aire, pero tamén pedra e
auga, e soedade, e sombras e tempo e respiracións... sensacións que, dun xeito
abraiante, Xurxo Lobato é quen de dispoñer ante nós contidas nesas fotografías.
A través dos lugares habituais da súa vida, Compostela, Conxo, A Casa da
Matanza, Padrón... imos percorrendo, co sutil apoio da palabra, toda esa xeografía
vital que no conxunto da mostra acada unha harmonía que é a que impacta ao
visitante e á que lle fai ter unha sensación de sosego que xorde desas
fotografías, do axeitado blanco e negro, da capacidade para conter un silencio
polo que esvarar os poemas de Rosalía de Castro. O certo é que esas fotografías
convértense en poemas visuais, en representacións de gran parte do magma
creativo da poeta, en imaxes que lle poñen corpo á inspiración e á súa
concreción como obxecto artístico. Berros das sombras.
Fotografías
ante as que un pasa dende a emoción por ver como unha obra de arte pode xerar,
dende a súa fondura creativa, outras reflexións a partir dela que agrandan a
súa lenda e que a converten cada vez máis nese espazo que todo sistema cultural
ten que ter para manter a súa compoñente de alicerce de moito do que viría
despois.
Espazos
urbanos e espazos naturais vanse alternando, para suxerir en nós o territorio
da poeta, os lugares do seu tránsito que agora funciona como compás para
definir outra travesía, a do fotógrafo que aporta a súa mirada e o seu talento
ao achegarnos aquilo que distingue a un fotógrafo doutro, o seu xeito de mirar.
O traballo do punto de vista, fundamental ao longo de tódalas series, ponnos
ante unhas composicións cheas de sensibilidade que se relacionan con
interiores, con esculturas, con fiestras, con campás, con fontes... miradas e
ata tempos nos que un se atopa con esa alma que se agocha silandeira nos seus
poemarios. Unha nova lectura do universo rosaliano que enche os seus textos de
miradas que, en moitos casos, péchanse nun primeirísimo plano nos que ese
elemento acada unha colosal dimensión, case como cando a poesía pousa as súas
musas nun detalle que o converten xa en eterno. Dun xeito semellante Xurxo
Lobato fai poesía con esas fotografías pechas, nas que o seu compoñente físico
concédelles un aroma de perdurabilidade, de fosilización do tempo que contén
ese senso eterno que ten a boa poesía, a poesía de Rosalía de Castro, pero
tamén a poesía feita fotografía.
Camiñar
por esas húmidas pedras compostelás ou percorrer a natureza entre os carballos
é levarnos por un itinerario aberto, un camiño que aínda hoxe segue a compoñer
novas miradas que incluso van máis aló do puramente artístico e que converten a
Rosalía de Castro nunha icona de moita xente, xa non só como unha enorme
escritora, senón como muller e como símbolo dun tempo con non demasiadas luces.
De aí a moi atinada reflexión de Xuxo Lobato que non remata o seu percorrido
fotográfico no seu sepulcro de Bonaval senón que abre o foco a esa imaxe de
Rosalía de Castro que enche camisetas ou fundas de móbiles e que non fan máis
que visibilizar ese senso eterno que ten todo o que ten que ver con esta
muller.
É
imposible saír da exposición sen unha derradeira mirada, un ollar cara o
visitado, curiosamente mestúranse esas fotografías coa gran fiestra que
sintetiza a exposición, unha fiestra pola que eses airiños tráennos as verbas
de Rosalía, os sons das árbores como axóuxeres, o correr da auga saíndo polos
canos da fontes, as pingas de choiva batendo contra as pedras da contorna da
Catedral de Compostela, as campás de Bastabales repenicando dende o ceo ou as
nubes debuxando no aire as súas caprichosas formas. Imaxes que xorden da
palabra e da emoción dunha muller que fixo da súa poesía rebeldía e emoción, e
que agora repousa contida e orgullosa na docilidade acadada polo talento de
Xurxo Lobato. Unha maridaxe de amplos horizontes, unha fusión da escrita coa
mirada que, como non podía ser doutra forma, só nos agasalla emocións.
Publicado no Diario de Pontevedra 16/01/2017
Fotografías da exposición. Rafa Fariña e David Freire
Grazas Ramon pola tua xenerosidade.
ResponderEliminarEsta exposición e posibel polo patrocinio de Obra Social la Caixa.