sábado, 28 de xaneiro de 2017

Cando o océano é mar

O sol ponse opaco,/triste sobre un mar en calma,/o ceo predice un cambio/que eu valoro con inquietude.
[Marisa Codón]
Son un sicario/mato árbores por comisión/Pero logo, arrepentido, como un deus menor,/intento darlles vida/facendo torpes copias de seres vivos. [Tino Canicoba]


Arte salgada. Ondas de imaxinación. Marexada de emocións. Crebas da memoria...todo iso e máis varou na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Océano mar é unha esculca sobre a nosa relación co mar, unha travesía polo ronsel que o mar deixa en nós como pegada, como rastro dunha conexión case telúrica co medio mariño. A interpretación e reinterpretación que do mar fan os diferentes artistas que conforman esta mostra non é máis que parte dese proceso de ida e volta do mar a carón do ser humano, dende a súa condición de inspiración, pero tamén de axóuxere da nosa alma. Todo iso, peneirado no taller do artista, desemboca neste asolagamento que enche un espazo que, a carón do río Lérez, non é máis que outra corrente que vai dar ao mar, ao océano da eternidade.
 Navegando pola exposición atopámonos con diferentes mares que se fan océano, uns xunto aos outros, como se esa condición da especificidade de cada artista os convertese en mares do gran océano da arte. Cada un deses mares esixe a nosa mirada, que nos deteñamos ante eles como aquel home do Romanticismo ante a inmensidade para mirar cara el, para escoitalo, para sentilo, para converternos nel. Home mar, muller mar. Seres acuáticos aos que a evolución volveu terrestres pero que aínda senten a necesidade de escoitar ese misterio que dende alí abaixo nos chama engaiolándonos, converténdonos en autómatas fronte as ondas. Sons que xorden dun mar que fala, e ao que lle porán voz hoxe a partir das doce, nomes que, como sereas, levaránnos ante as rochas para medirnos fronte ao mar, ante os mares, para medirnos a nós mesmos. Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Lucía Novas, Elisabeth Oliveira, Carmen Quinteiro e Genaro Da Silva serán protagonistas dun recital poético que non deberían perder, mentres miran e ulen a forza do mar de Detlef Kappeler, o mar que nos respira de Chisco Fernández Naval, os horizontes de Antón Sobral feitos palabra por Xaime Toxo e Xesús Franco, a memoria da dor que produciu o mar en Man de Camelle e na súa contorna física agora revivida como museo, o porto da escrita de Carmen Quinteiro, a alquimia do océano de Tamara Andrés ou o encontro co invisible de Elisabeth Oliveira, a natureza que case se come de Manuel Hermida, a onda de madeira de Enrique Velasco, as rúas da mar de Marisa Codón, as emocionantes tallas de Tino Canicoba, a deconstrución do que nos suxeita ao mar de Miguel Pereira e o revelador universo de Carmen Hermo, mentres soa o embruxo de Oscar Ibáñez.
Mares embravecidos e cheos de inspiración pero sobre todo dun arreguizo que nos pon a pel a piques de fender. Hoxe, rodeados como illas por todos eles, coa palabra e a música de Cédric Lezais e Yoly Saa, todo iso terá un carácter case máxico, como se un sol vermello se afundise no horizonte para amosar a capacidade da natureza para xerar emocións, como se nesa intersección entre lume e auga un rito atávico se vise renovado dende a arte, dende a súa plasmación dentro dunha sala de exposicións que nos contén como elementos máis dese ecosistema ao que tantas veces non lle damos importancia e incluso desprezamos. Este mundo cada vez máis irracional e insensible semella darlle as costas a todo o noso medio natural, cercándoo cos muros da incomprensión, da vulgaridade, da ausencia de respecto e cos noxentos e esmagadores intereses económicos como única bandeira. Cada unha destas obras de arte é un pequeno xesto, un gran de area da praia da responsabilidade e o afecto, porque aquí, tras esas introspeccións artísticas o que suxeita todo é o afecto, o sentirse cómplices dunha realidade que ao fin e ao cabo nos suxeita tamén a todos nós.
Non deixen de formar parte desas praias, camiñen por elas, sintan todo o que sucede no interior dese Pazo da Cultura aberto á natureza, aberto á vida. Pintura, escultura, instalacións, fotografía, poesía, vídeos, música... ofrendas a aquilo co que se nos agasallou, a mellor obra de arte da historia, un océano que agora reflíctese nestes mares individuais, de augas diferentes pero todas elas salgadas, augas nas que poder balizar cal é a nosa posición fronte a eses horizontes. Facer da nosa mirada o compás para seguir coa travesía e as velas enchidas.



Publicado en Diario de Pontevedra 28/01/2017
Fotografía: Pezas de Marisa Codón e Tino Canicoba (Javier Cervera-Mercadillo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario