miércoles, 1 de febrero de 2017

O camiño Lueiro inscrito nun libro

Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria ▶ O ano 2016 foi o ano do centenario do nacemento do escritor Manuel Lueiro Rey, un ano cheo de actos e motivos para celebrar a viveza da súa escrita e a actualidade do seu compromiso constante co ser humano. Agora, un libro recolle todo o que foi ese ano e dalle pouso a unha obra e a unha vida na que todavía queda moito por reivindicar.

No Grove (1980), homenaxe a Luis Seoane, Manuel Lueiro
xunto a Santiago Álvarez e Rafael Alberti

Son este tipo de datas, aniversarios, conmemoracións...os que permiten afondar nas obras de diferentes autores. Temos creadores aos que estas celebracións serven para mostrar novas facianas nas súas traxectorias xa o suficientemente coñecidas e recoñecidas, pero hai outro tipo de nomes aos que estas lembrazas son unha sorte de descuberta, un alivio fronte ao esquecemento de anos e anos sen que soubera nada deles. O caso de Manuel Lueiro Rey (Fornelos, 1916- O Grove, 1990) pertence a estes últimos, aos que o tempo deixou baixo as sombras dos que non fixeron pola súa recuperación, únicamente por cuestións políticas ou de pensamento, e non polas cualidades dunha escrita que dende diferentes territorios: narrativa, poesía, artigos... compoñen unha traxectoria literaria fóra de calquera dúbida.
Pero fronte as tebras xorden persoas que ven a claridade, que coa súa adicación e teimosía entenden que as cousas deben sair á luz e atopar o seu camiño. O labor dos últimos anos de Ramón Nicolás, editando e escribindo libros e artigos sobre a súa figura, e o traballo da activista da cultura, Carmen Carreiro, fixeron que as luces fosen lumieira, unha fiestra cara a vida e a escrita dun home que abanderou dende o compromiso a defensa do ser humano, a esperanza alicerzada na infancia, e todo iso cunha serie de artigos en prensa, relatos ou poesías dunha gran calidade. Ambos traballaron arreo para facer do ano 2016, ano do centenario do seu nacemento, o chanzo definitivo cara a súa descuberta. O paso necesario para que a sociedade recuperase a unhas das súas figuras máis esquecidas. 
O mes de maio foi o da inauguración dunha mostra co nome dun dos seus poemas, ‘Camiño aberto’ no Pazo da Cultura de Pontevedra na que se facía unha completa revisión da súa obra e vida acompañada por unha exposición pictórica de diferentes autores. El, que tanta amizade tivo con nomes como Luis Seoane, gostaba da pintura, e a pintura non podía faltar. Os obxectos que o rodearon na súa vida, fotografías, cartas, obras e uns paneis biográficos deron a medida precisa de Manuel Lueiro Rey e ese espazo converteuse durante varias semanas nun bulir de actividades arredor del. Conversas, presentacións de libros, recitais de poesía a cargo dos autores premiados no certame de poesía que se convoca no seu concello natal de Fornelos (estes días coñecimos o nome do gañador desta edición, Isaac Xubín), tinxiron de emoción todo aquilo que se amosaba nas salas de exposición. Unha mostra que no seu apartado fotobiográfico percorreu diferentes concellos como Poio ou Ponte Caldelas, estando prevista a súa exhibición na Coruña e Lisboa nos próximos meses.
Pero todo iso quedaría nun bonito soño se non quedase constancia diso, se non existise un rexistro formal do feito e así foi como co apoio da Deputación Provincial, como fixera tamén antes o Concello de Pontevedra co alento preciso para a exposición do Pazo da Cultura, editouse un salientable libro no que se recolle o feito arredor desa exposición dándolle a oportunidade aos que non a visitaron de poder ter nas súas mans materiais de gran interese, non só xa de cara ao coñecemento do noso protagonista, senón tamén dunha parte da nosa cultura.
A colleita epistolar amosa, dende ese punto de vista un gran interese. Cartas de Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane, Fernando Pereira, Valentín Paz Andrade ou Arturo Cuadrado permiten sitúar ao personaxe no medio desas dúas Galicias, a de aquí e a de alí, que tan presentes estiveron na súa vida. Galicia e Bos Aires compoñen dúas das realidades que mellor explican o que foi Manuel Lueiro Rey. A Galicia na que residiu, na que se sentiu como un exiliado interior tras a Guerra Civil e os anos da Ditadura e aquel Bos Aires dende o que comprendeu a necesidade de expresarse en galego para sentirse parte dun proxec to común, dun proxecto de país. Alí, a carón de Luis Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste ou Lorenzo Varela, xa colegas ata o final, alicerzou a súa identidade e aquel compromiso co ser humano fixo dese sentimento de patria o ingrediente necesario para que a súa obra se mergullase no que precisaba Galicia para desenvolverse, pero tamén para emocionarse e medrar dende a súa escrita. ‘Non debían medrar’, obra dirixida a nenos pero que todo adulto debería ler, ilustrada por Isaac Díaz Pardo e prologada por Luis Seoane, é o tesouro  que se manterá aceso ao longo da súa vida, cada vez que escriba, cada vez que tente relacionarse co mundo esa mirada do neno será a que faga que a súa obra conserve hoxe unha vixencia estremecedora.
O libro complétase cun percorrido por esa cronobiografía que, perfectamente resumida e redactada por Ramón Nicolás e ilustrada polos materiais recuperados por Carmen Carreiro, permite achegarse a un itinerario vital  co que coñecer esa existencia. Un catálogo das pinturas amosadas na exposición e unha escolma de textos de participantes nas diferentes xornadas como Helena Villar, Xesús Alonso Montero, Miguel Cuña, Eli Rios, Mercedes Queixas ou Luis Cochón danlle lustre a un deses libros feitos con primor e fermosura, e a constancia de que o camiño segue aberto para achegarse a Manuel Lueiro Rey.




Publicado no Diario de Pontevedra 30/01/2017
Fotografías. Familia Lueiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada