O seu último
disco sitúanos fronte a unha forza da terra. Un cantar telúrico no
que se reflicte, a partir de diferentes ritmos, unhas letras de
rebeldía e sobre todo de afouteza dende a condición de muller e de
filla dunha terra na que non todo é tan fermoso como semella.
SÉS CÁNTALLE á terra
a corazón aberto. As súas cancións, que dicir das súas
interpretacións sobre os escenarios, son auténticos berros
dirixidos cara ao enaltecemento dunha sociedade demasiado adormecida
e fronte á que Sés adoita unha posición de combate, en definitiva,
deOpoñerse á extinción, que é tal e como se titula o seu último
traballo co que está percorrendo diferentes espazos dende a súa
saída á rúa no mes de decembro.
Estamos todos de acordo
en que non son bos tempos para o ser humano, para todo aquilo que
teña que ver cos seus dereitos e coas súas cobizas, sempre
ameazadas polos máis poderosos, por clases que teñen o dominio
económico sendo uns poucos os que condicionan a vida de moitos
millóns de persoas. Galicia sempre foi terra de asoballamento, de
presións que deixaban oreladas peticións e necesidades dun pobo
afastado dos lugares onde se fabrican os discursos dos poderosos. Sés
ten este pano de fondo cada vez que compón as súas letras nas que
se de algo non se afasta é da terra na que naceu, á que quere
cantarlle a través da confianza nela mesma e nos seus. Así é como
letra tras letra propón un momento de loita ou polo menos de tentar
poñer ante nós unha situación fronte á que non deberíamos ser
alleos. E a todo iso Sés engádelle a súa condición de muller, que
isto é, lamentablemente, poñer todo o anterior á beira do abismo
dunha sociedade secularmente mutiladora coa muller e cos seus
dereitos e liberdades.
Sés soubo dende o
principio da súa carreira compoñer na súa figura ergueita ese
orgulloso berrar tinxido de canto, o canto da terra que precisa de
voces en carne viva na procura do verso preciso para facer unha
canción, para riscar a alma. E se nos seus anteriores traballos Sés
abraiou a moitos que tiñan a canción galega como algo case
circunstancial, sen excesivas variacións entre os creadores nos seus
diferentes estilos, ou polo menos sen a aparente transmisión dunha
paixón precisa para afastarse de clixés. Sés converteuse nun
illote entre a súa propia tempestade. O vendaval Sés fixo que as
súas músicas, fincadas en tradicións musicais galegas collidas de
moi diferentes ámbitos mesturasen –e que mestura!– con sons
chegados das súas outras paixóns musicais, do mundo latino, de
rocks de carreteira, de blues e cancións que xorden das entrañas,
de Violeta Parra ou Chavela Vargas, que veñen ser o mesmo, pero con
un océano polo medio.
Condenada a ser libre,
como dicía Sartre, Sés explora territorios a través de doce temas
marcados por, como a mesma cantante escribe, "unha identidade
que agoniza". Unha singularidade ameazada pola homoxeneidade,
por ese axeonllar ao pequeno, por desfacerse do incómodo, de quen
reclama a súa identidade como un permanente zunido na orella do
poderoso. Social, económica e lingüisticamente Sés berra por
seguir existindo, pola necesidade de ser quen é, e a obriga que
temos de querernos, de querer o que somos, e iso o fai dende estas
doce cancións que, como doce alalás, estouran fronte os cantís
para reverberar ante nós.
Xanelas para ver o mar,
rebeldes estadeas, agarrarse á vida, baixar a lúa, a procura dun
verso, a riqueza da humildade, ollos que relocen, a fondura da
caricia, seguir andando, a necesidade de ser normal, a raíz rexa e a
semente de vencer, vanse sucedendo, agromando no interior dunhas
letras cheas de mensaxes que chegan ao público canalizadas pola súa
afouteza que acada que esa mensaxe sexa de impacto. Outra das súas
armas son esas letras que, como poemas, van do aloumiño ao berro,
nun tránsito polo ser humano e a mantenza dese espírito de
rebeldía. Un ton poético que Sés alimenta coas súas lecturas que
son inspiracións para unha vida na que a maior inspiración xorde de
abrir os ollos e mirar ao seu carón. Unha mirada que se pousa
naqueles que, como micrófonos, convértense en altofalantes dunha
realidade apegada á terra, á súa terra. A terra á que Sés lle
canta.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda 19/02/2017
Fotografía David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario