A publicación de ‘Cartas a
Hawthorne’ pola editorial La uña Rota amosa un deses perfís dos
autores, descoñecidos na súa obra, pero que se revelan como
imprescindibles e clarexadores para entender as súas personalidades,
e o seu modo de achegarse á escrita.
APENAS DEZ quilómetros
separaban as granxas nas que vivían Herman Melville e Nathaniel
Hawthorne. Dous dos grandes novelistas norteamericanos do XIX
reúnense aquí mediante a correspondencia, maioritariamente dirixida
polo primeiro ao segundo, na que se reflicte o respecto que Melville
tiña por Hawthorne, a búsqueda de solucións á súa narrativa e o
desexo de ter un interlocutor que o acompañase na súa travesía
literaria. O exitoso autor de La letra escarlata fronte ao
meritorio que traballaba na historia dunha balea. O autor puritano e
cheo daquel espírito da Nova Inglaterra na que xerminaba a nova
América, mentres que Melville era o home das aventuras, o mozo que
percorrera embarcado moitos dos mares que logo foron inspiración.
Entre ambos quince anos de diferenza.
As cartas foron
escritas entre 1851 e 1852, un momento clave da literatura
norteamericana. Washington Irving, Poe, Thoreau, Whitman ou Emily
Dickinson compoñían aquela estampa da escrita que na novela
arrincaba cos nosos protagonistas epistolares. Ambos coñecéronse en
1850 nunha excursión a Monument Mountain na que coincidiron ao
refuxiarse dunha tormenta. Falan durante horas e amósanse cómplices
según testimonios daquel primeiro encontro. Melville deixa Nova
Iorque e múdase a unha granxa tranquila preto da que tiña Hawthorne
e na que escribira La letra escarlata ou La casa de
los siete tejados. Ambos pasaron moitas horas sentados á carón do
lume falando de experiencias e proxectos. Melville recuperaba as súas
fazañas mariñeiras, mentras Hawthorne facíao da eternidade e dos
editores, que semellan ser para o escritor terreos adxacentes.
Melville tiña o vil hábito, nas súas propias palabras de
destruir a correspondencia que lle chegaba unha vez lida, é por iso
que esas dez cartas son como unha especie de tesouro, un cofre cheo
de palabras reveladoras e de luz onde tantas veces nos atopamos
escuridade, como a que xorde das complexas personalidades de ambos.
Nese fin das cartas agóchase un enfriamento da súa amizade, ata hai
quen o vencella a unha relación homosexual entre ambos que, no caso
de Melville, hai tamén quen atopa nas relacións homoeróticas de
varios protagonistas da súas novelas. Nese mesmo ano Melville
atópase coa falla de receptividade, tanto pola crítica como polo
público da súa gran novela, e unha das cimas da literatura, Moby
Dick, que fora publicada un ano antes co título de A balea.
As cartas deixan a
evidencia da admiración de Melville por Hawthorne, un entusiasmo que
semellaba non verse correspondido de todo, aínda que Hawthorne
alabou Moby Dick, pero parecía manter sempre unha certa
frialdade co autor de Bartleby, el escribiente o que se
reflicte nas tres derradeiras cartas nas que Melville lle ofrece unha
historia real como posible argumento para unha novela, as cartas
Agatha, nas que se relata a historia dunha muller que rescata do mar
a un mariñeiro que tras casarse con ela desaparece e regresa
dezaseis anos despois. As cartas permiten entender o que lle
preocupaba a Melville nunha historia: a elección do tema, o que cada
personaxe podía achegar ao relato ou a construción da súa
estrutura.
Pecha esta edición de
poucas páxinas —valentemente traducidas por Carlos Bueno— pero
cheas de intensidade, tres cartas dirixidas por Melville ao seus dous
fillos nas que escribe, dende as súas viaxes polo Océano Pacífico,
cruzando o Cabo de Hornos e vivindo diferentes situacións a bordo
dun barco que reflicten outras viaxes feitas de mozo, cando aquelas
travesías servíronlle para artellar un dos relatos máis famosos da
historia da literatura, a historia da balea branca.
Escritas sen máis
intencións que as de ter un desabafo cun colega, estas letras son
feridas abertas ante as teimas dun escritor, tamén ante situacións
da vida que moitas veces derivaban en relatos, en argumentos que
deixaban de ser anécdota para converterse en algo lexendario. Cartas
cheas de vida que sucaron os mares de dous océanos da literatura:
Herman Melville e Nathaniel Hawthorne.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e el Progreso de Lugo. 29/01/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario