xoves, 23 de febreiro de 2017

A paleta da terra

Rue Saint-Antoine nº170
Pintura. Ata o vindeiro venres 24 de febreiro teñen a oportunidade de enchoupar os pés nesta exposición cuxas pezas están feitas con lodo. Con ese fluxo da natureza que fai do cruce entre auga e terra un material anfibio que Nilo Arias (Lugo, 1970) emprega para facer unha nova natureza entre o orgánico e a conformación de suxerentes paisaxes.


Co Tambre como paleta polo que pasar os pinceis, Nilo Arias emprega os lodos que o tempo e as correntes pousan a carón dese río coruñés para facer deles materia pictórica, o elemento dende o que darlle sentido ao seu proxecto creativo sempre tan pegado á natureza. En Pontevedra aínda lembramos as suás intervencións no propio Lérez, nun río no que as súas subidas e baixadas de mareas servíronlle a Nilo Arias para facer dúas intervencións artísticas no encontro ‘Fluíndo no Lérez’, ámbalas dúas moi destacadas. Agora esa natureza recóllese e sérvelle de novo reto a este creador ao ter que conter nun espazo pechado, como a sala de exposicións do Pazo das Mendoza, o seu vencello artístico coa natureza. Para iso Nilo Arias volve ao río, a esa corrente eterna, sempre igual, pero sempre diferente, e a súa pegada a través do seu primeiro contacto coa terra da ribeira coa que forma os lodos. Nilo Arias recolle eses diferentes lodos para convertelos noutro fluir, neste caso sobre un soporte, para conter esa natureza, para darlle, e esta é a maxia da arte, a capacidade de facer natureza nun espazo plano e facelo a partir dela mesma. Dende esa intención achegámonos a unha mostra que si algo é é sorprendente, sobre todo polos matices que pode amosar ese material con tanta complexidade para traballar con el, xa que ao verse mesturado de auga, tende a buscar o seu propio camiño, o seu fluír nesas superficies
Dous conxuntos de pezas pechan esas intencións, un máis de mancha, de condensación de materia que busca acadar un sentido máis orgánico en todo este proceso; e outro, máis ‘tradicional’ por empregar unha palabra coa que nos entendamos, xa que traballar con este material é de todo menos tradicional. Neste conxunto de pezas Nilo Arias é quen de reflectir paisaxes da natureza, como se eses vieiros sobre a superficie compuxesen unha paisaxe de ribeira, co seu río, as súas árbores e ata a perspectiva. Abraiante! Semella como se a auga do lodo tivese vida propia, plantexase o seu propio devir dentro do cadro. E o certo é que ambas direccións conflúen certamente ben, amósanse como camiños en direccións contrarias ao principio, pero íntimamente vencellados ao final. E é que todo o conxunto ten tamén unha certa tendencia ao ascetismo, a unha pureza na plasmación do representado que tamén non deixa de sorprender pola complexidade para fixar os materiais pero que, unha vez no papel, semellan ten un punto zen, unha orientalizante reflexión sobre as cousas e a nosa contorna.
Todo este devir do natural na recreación da natureza amosa outra compoñente que xorde ao levar un intre vendo as pezas, relacionándose con elas, pousando a mirada sobre eses terreos, nunca mellor dito. Refírome ao desafío que moitas destas obras lle propoñen ao noso cerebro a través da vista, xa que hai algo de xogo psicolóxico coa proposición de imaxes e as que un pode recrear no cerebro. Pezas nas que só durante un tempo, coa mirada fixa sobre elas, semellan querer evidenciar o seu segrego, aquilo que reflicten, como se a mancha fora un engano e ao cabo duns segundos as nosas neuronas fosen quen de atopar a chave para abrir o noso maxín.
Baixo o comisariado de Fran Porto, Nilo Arias artella unha exposición non habitual, pero que reconforta ao visitante, por atoparse fronte a un territorio cheo de pureza, sen as contaminacións que semellan abondar tanto no mundo da arte como unha distración que moitas veces forma parte da propia obra indo na súa contra. Como se unha linguaxe sinxela e directa non fora quen de emocionar ao espectador. Aquí non se precisa engano algún, ‘Comerás o pan ata que volvas á terra’, nome que se lle pon a esta exposición, é unha sedimentación de ideas, unha deconstrución da realidade para suxerir outra ao noso carón que nos adentra na natureza nun espazo pechado pero que á vez faise natureza. Un lugar común a todos nós, un lugar no que pecharnos como se propón nestas pezas que ritualizan un formato, un rectángulo en cuxos catro lados poderíamos situar a natureza, o ser humano, a terra e a auga. Compoñentes telúricos dunha realidade á que a arte sempre estivo vencellada, aínda que poucas veces dun xeito tan íntimo como o que aquí se nos propón, cando a terra e a auga son materiais, cando a natureza e principio e final e cando o ser humano é quen de completar o significado da obra de arte que, neste caso, xorde da inspiración de Nilo Arias, sempre apegado a unha natureza acolledora e na que aínda hai moitas inspiracións dende as que traballar e dende ás que voltar á terra.




Publicado no Diario de Pontevedra 20/02/2017
Fotografía David Freire

Ningún comentario:

Publicar un comentario