O Museo
Guggenheim de Bilbao acolle unha ampla selección de obras do
expresionismo abstracto que permite facer un percorrido polos seus
protagonistas, pero, sobre todo, por un fenómeno artístico dunha
fera liberdade individual como nunca se vira antes.
"A pintura
abstracta é abstracta. Enfróntase a ti", afirmaba Jackson
Pollock sobre a pintura que comezou a baleirar moito do tránsito
apracible que tivo durante séculos. Como se un estilo ou un
movemento fose sucedendo ao outro dun xeito natural, case por
decantación. Pero o século XX non se semellaba a ningún outro
século anterior e a súa sociedade, tampouco. Tamén o mundo da arte
era diferente. A explosión de xeitos de pintar e de interpretar a
realidade nunca viu unha eclosión semellante en diferentes
direccións. As grandes guerras mundiais deixaron unha paisaxe de
desolación, que non se limitaba a cidades esmagadas ou milleiros de
cruces nos cemiterios, senón a almas defraudadas pola propia especie
á que pertencían, e unha serie de pintores decidiron rachar con
convencionalismos ou con formulacións anteriores. O cubismo ou o
surrealismo tiñan bases ás que suxeitarse, que modificar, ou mesmo
rachar, pero o expresionismo abstracto fixo da liberdade individual e
da diversidade o seu alicerce para xerar, non un movemento artístico,
senón un fenómeno creativo que vai a redefinir a propia natureza da
pintura.
Pollock falaba de
enfrontamento, e precisamente moito do que había neses grandes
lenzos seus, salvaxemente cheos de pintura, xestualmente marcados,
era ese interese pola tensión co espectador, por cambiarlle o paso
ao que estaba acostumado cando se achegaba a un cadro.
Espontaneidade, expresividade... en definitiva emocións que eran as
que pintaban o lenzo, case que ao mesmo tempo que a propia materia,
compoñían unhas novas xeografías que redefiniron a escena
pictórica norteamericana a partir dos anos trinta, dende a que se
coñeceu tamén como Pintura de acción como acuñou o seu
crítico ou teórico de cabeceira, Harold Rosenberg.
O percorrido pola
abrumadora proposta do Museo Guggenheim, con máis de 130 obras,
permiten secuenciar os seus primeiros momentos coas guerras mundiais
e a Gran Depresión como pano de fondo, a evolución nos anos
cincuenta e o seu itinerario xeográfico dende o seu nacemento
neoiorquino ata a súa expansión á outra costa do país, a
contundencia da figura mítica de Jackson Pollock e as achegas
individuais dos diferentes nomes que, dun xeito ou doutro formaron
parte deste fenómeno. Así atopámonos pezas de nomes esenciais do
século XX como De Kooning, Newman, Rothko, Still ou o propio
Pollock, e ao seu arredor outra constelación de nomes que, sobre
todo, propuxeron novos vieiros para facer da súa singularidade parte
dun todo. Porque tampouco podemos achegarnos ás obras dos citados
dende un camiño único, si como parte dunha paisaxe ou unha
sensación nun tempo e nunha xeografía determinada, pero se tomamos
o caso de Rothko pouco ten que ver cos seus colegas de exposición,
sobre todo despois dese primeiro momento no que si se poden percibir
algunhas claves grupais, pero que rapidamente esvaeceron por un
traballo único e sen parangón na propia Historia da Arte.
Abofé que a personaxe
que arrastrará unha maior atención nas visitas ao museo ata o 4 de
xuño será Jackson Pollock, o seu mural para a residencia da
coleccionista Peggy Guggenheim —o que é a vida!—, foi un fito
para esta pintura e a partir del moitos pintores mudaron os tamaños
das súas obras cunha maior confianza no que facían. Pollock
estendía o lenzo sen tratar no chan e salpicaba os seus pigmentos,
non ao chou senón cun sorprendente control, unha xestualidade medida
que permitía unha sorte de desafogo muscular co que o artista
pechaba nesa superficie a súa enerxía que quedaba así proposta
para o futuro. Ese futuro do expresionismo abstracto foi caendo nunha
consideración unitaria dos seus membros, pero esta exposición, se
algo plantexa, é ese carácter complexo e poliédrico a partir
daquilo que debe ser o elemento de teorización de toda arte, a
propia obra, e aquí hai as suficientes para revisitar unha parte da
arte do século XX, xustamente cando a arte foi libre.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/02/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario