Rue Saint-Antoine nº 170
Poesía.
O novo poemario de Fran Alonso fai da vida xérmolo de poesía, e do cotiá
inspiración para medrar nunha poesía da experiencia, do calibrado ao longo de
moitas horas nunha terraza pousando a mirada entre pombas e seres humanos,
especies que fan das nosas vilas uns muestrarios dunha realidade ordinaria, a
miúdo desprezada.
De
xeito constante Fran Alonso experimenta coa escrita dende diferentes vieiros:
narrativa, literatura infantil ou poesía deixan ante nós a un cobizoso autor
que se refuxia na literatura como xeito de reconciliarse co mundo, algo que,
como vemos e sufrimos, cada vez é máis complexo. Dende cada un deses camiños
escollidos polo autor, e de xeito invariable, Fran Alonso incide en buscar un
novo xiro, en facer algo ao que non estaba acostumado. Un xeito de reinvención
permanente non só da obra, senón tamén do propio autor. Nesta ocasión é a
quenda da poesía, xénero no que Fran Alonso estase impoñendo como un pioneiro,
como unha sorte de forasteiro posuidor daquel carácter de explorador dos
antigos vaqueiros do Oeste ao adentrarse por térreos pouco ou nada percorridos.
Así ven facendo dende hai un tempo no indómito territorio das redes sociais,
dende esa paisaxe que algúns aborrecen pero que Fran Alonso, tirando de
olfacto, sabe que se lle pode sacar moito, sobre todo polo que ten de ligazón
con novas xeracións que para nada teñen que ser alleas a sensibilidades
literarias. Ese ‘Estado de malestar’ baixo o que cada día escribe un poema en
twitter ten moito desa reconciliación diaria coa vida, pero tamén de
resistencia, a mostra de que a vida aí fóra non ten nada de sinxelo e quizais
só enfrontándonos a ela podemos ser quen de mudala.
Agora
tócalle ao papel, algo que curiosamente, e polas derivas case náufragas da
edición no noso tempo, e aínda máis en Galicia, xunto ao espírito fuxidío do
que nos rodea, cada vez semella ser algo máis transgresor escribir en papel ou
poñer o prelo a funcionar. Fran Alonso preséntanos así ‘Terraza’, na súa casa
de Xerais, e, se percorremos o seu interior, vemos, de novo, a radicalidade do
seu discurso, e non o digo polos códigos QR que balizan as súas poesías, senón
por facer algo tan rachón como sentarse nunha cadeira a ver pasala vida. Iso si
que é moderno, iso si que é ‘cool’, se me permiten a contaminación. Que pouco o
facemos, coas nosas cabezas metidas en pantallas, alleos á nosa contorna,
afastados dunha realidade da que formamos parte e á que renunciamos dun xeito
covarde, axudados por unha sociedade que cada vez máis evita as relacións
sociais.
Fran
Alonso fai atalaia da terraza, dese espazo das nosas cidades no que poder
asexar a outras persoas, dende a que relacionarmos coa cidade dun xeito
directo, pero que moitas veces desprezamos por ese sentido do día a día. Pero o
poeta, se algo é quen de facer, é de mirar ao mundo doutra maneira, de
interpretar a realidade dun xeito inesperado e que logo, convertido en verso,
acada unha nova e abraiante dimensión. Deixen aos poetas explicar o mundo!
berro dende estas liñas tras ler a nomes como Manuel Vilas que explican o
triunfo de Donald Trump en base a unha formulación poética da sociedade
americana ou Karmelo C. Iribarren que na súa antoloxía ‘Pequeños
incidentes’, amosa ese achegamento do poético dende aquilo que nos semella
intrascendente polos nosos hábitos e do que só escritos como os deles ou de
Fran Alonso poden converter en eternos.
Esa
épica do cotiá é a que sustenta este poemario polo que desfilan xentes do máis
variado e animais tamén do máis estraño. Realidade e imaxinación que cohabitan
en cada un deses escenarios que ao final son un só. A terraza dende a que Fran
Alonso escribe os seus poemas, como un bicho raro entre xente que toma cafés e
mira con certa sospeita a un home que manexa un bolígrafo. Xentes que conversan
entre si, xentes que viaxan en autobús ou que se moven en motos. O hábitat da
terraza como laboratorio humano, como faísca dunha sociedade chea de seres
singulares que o poeta converte en heroes por uns intres, en protagonistas
dunhas narracións que reflicten vidas aparentemente ordinarias pero que ao
pousarse nun papel, ao tomar carta de recitativo, quedan xa para sempre fixas.
Os móbiles, os xornais, o paso do tempo, as miradas, os baleiros, os desexos, a
ironía... todo iso ten cabida nese momento no que un fai do acougo pensamento,
para deterse uns minutos fronte a esta tolemia na que nos vemos envoltos,
azorrados polo peso que esta sociedad nos pon sobre as costas e do que tanto
custa afastarse. A poesía xorde, polo tanto, case como terapia, como fuxida
cara onde manda o verso, e este tanto entende da idílica natureza como da urbe
na que nos movemos, na que sentimos de xeito real o devir da vida e na que
tantas terrazas precisamos para poder ollar en fite non tanto á beirarrúa como
a nós mesmos.
Publicado no Diario de Pontevedra 13/02/2017
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario