‘Paisaxes
mínimas’ de Juan Adrio é un achegamento fotográfico á néboa
como parte dun proceso de análise da natureza que leva centrando o
seu traballo dende hai anos. Néboa como sensación, pero tamén como
identidade dunha terra que se envolve na bruma como indefinición.
Hai diferentes maneiras
de achegarse á nosa contorna dende calquera eido artístico. Uns
creadores diríxense directamente á realidade, sen darlle acubillo á
incerteza. Outros mergúllanse no ámbito do abstracto, onde todo
pode acontecer. Pero no caso do traballo fotográfico de Juan Adrio
este móvese nese gume, nese espazo limiar, onde unha cousa é para
deixar de ser. Así o fixo nun expectacular proxecto executado fai
anos sobre a liña do horizonte visto dende toda a costa galega.
Arame no que o mar remata para abrirse ao descoñecido. Agora, a
través dunha escolma de fotografías e diapositivas, realizadas ao
longo de numerosos desprazamentos entre Ourense e Vigo, xorde outro
deses ámbitos de dúbida, cando a néboa invade montes e bosques,
cando o branco imponse ao verde, cando o que está diante de nós
comeza a desaparecer.
‘Paisaxes mínimas’,
na compostelana galería Luisa Pita e exposta ata o 2 de marzo, é
unha atinada reflexión sobre como a natureza modifica as nosas
percepcións, como o mutante, o cambiante, participa da nosa
realidade provocando un espazo de transformación que, máis aló da
súa compoñente conceptual, ten unha alta capacidade estética que
se reformula unha e outra vez. Unha néboa que nega a realidade, que
disfraza a identidade da mirada orixinal e cada instante que un pasa
ante cada unha destas fotografías ten a sensación de que dentro
delas estase aínda producindo ese devir natural. Unha captura que o
fotógrafo pon ante nós como un instante que se volve eterno. Unha
atemporalidade que se metaforiza nese branco que se vai apoderando do
conxunto da fotografía producindo unha nova realidade coa que o
espectador enfróntase nun desafío.
O emprego do papel
fotográfico así como doutro papel empregado habitualmente para
facer acuarelas, aquí é readaptado intégrandose nesa mesma
percepción producindo no visitante unha dúbida sobre se o que ten
diante é unha pintura, unha acuarela ou unha fotografía. Un xogo
plantexado polo artista que tamén enreda co visitante da exposición
cunhas caixiñas de luz que amosan unha diapositiva que activa a súa
presenza co paso dese visitante por diante da obra. Neboeiros que te
asaltan cando pasas fronte a eles, permanecendo agochados ata
entonces.
O paisaxe convértese
así nunha sensación mínima, nunha experiencia que se vai reducindo
a medida que a néboa vaise facendo máis mesta e envolvéndoo todo
con maior firmeza. Todo un eloxio da néboa como disfrace e
confusión, a dúbida que todo artista debería artellar na súa obra
para enchela de riqueza. Juan Adrio emprega a súa mirada para
dubidar e para facernos dubidar tamén a nós, para facer da néboa
parte de nós, como ao final é. Unha néboa que caracteriza a
Galicia, que se pega a ela para mudarlle a pel, para facela levitar,
para movela de sitio, para xogar cunha maxia que buscar noutro espazo
límite, o do real e o irreal.
A fotografía, nacida
precisamente para deixar constancia do que se ve, é dicir, do real,
serve agora precisamente para todo o contrario, para cuestionar o que
nós mesmos estamos vendo. Unha condensación do intanxible, daquilo
que non deixa de ser un efecto pasaxeiro, fugaz e etéro. Unha
compoñente poética da natureza que tamén aquí queda rexistrada na
fotografía. A paisaxe como unha caricia, como unha experiencia que
está a pasar para caducar ben cedo. E aí é a arte a que plantexa a
dúbida, a néboa como incerteza, como loita coa realidade.
Juan Adrio segue a
facer da fotografía un xeito de vencellarse co seu tempo e, a partir
da natureza, xerar unha plástica que engaiola, non só polo cuidado
e mimo á hora de producir unha exposición, senón polas suxerencias
que provoca nun espectador que se sinte obrigado a estar alí onde
abondan as dúbidas, que é o mesmo que poñerse onde nada é o que
parece. Onde sempre debe estar o ser humano.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 11/02/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario