martes, 27 de febreiro de 2018

Comisarios de mañá que xa son hoxe

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. Dentro do proxecto pedagóxico ‘Somos do sexto’ que se desenvolve no Museo de Pontevedra esta exposición é unha máis que fermosa e axeitada aproximación dun grupo de nenos de primaria ao mundo da arte. O seu traballo, de coñecemento das coleccións do propio Museo así como o seu plantexamento expositivo fronte ao público, é admirábel.



Poucas obrigas deben ser máis urxentes para un centro cultural que o de ir facendo semente. Deixar unha pegada naqueles máis novos que os leve a interesarse pola cultura e pola arte. O Museo de Pontevedra leva desenvolvendo ao longo destes últimos anos diferentes proxectos didácticos en forma de talleres que pouco a pouco foron medrando, desestacionalizándose desas típicas datas de verán ou Nadal no que moitos pais teñen nestas actividades un espazo de lecer para os seus cativos, plantexándose así iniciativas moito más ambiciosas. Da man de ‘Taller Abierto’ xerouse unha vía de traballo que vén de dar os seus froitos da mellor maneira posíbel coa inauguración dunha exposición que, baixo o título de ‘A beleza oculta’, amosa o quefacer dun grupo de nenos de primaria á hora de traballar cunha colección artística, facer unha escolla é achegala ao público, isto é, un ensaio de comisariado que lonxe de verse como un proxecto de futuro xa é unha realidade hoxe.
Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar e Quique Muiños Couto son os nomes dos que comezaron, abofé que unha especie de xogo e, á medida que pasaban as sesións de traballo, entenderon as posibilidades da arte como xeito de comunicación e de relación coa contorna, tanto física como histórica. A todos eles os parabéns polo feito, polo ben feito, tamén ás monitoras de ‘Taller Abierto’ por facer que todo ese esforzo se converta nunha exposición que vai moito máis alá de ser unha búsqueda da beleza como nos quere achegar o título da mesma, xa que é toda unha auténtica lección de cómo a arte pode amosarse de moitas maneiras, afastándose de esquemas abrurridos e monótonos. A disposición das pezas, a rotulación da sala, ata a propia iluminación das obras, son unha auténtica gozada da que todos os participantes poden gabarse.
Pois nese ambiente é onde debemos fixarnos na proposta que se lles fixo aos novos comisarios, que non é nin máis nin menos que esa eterna pregunta que tanto confunde arredor da arte: o que é fermoso ou o que non é. Unha cuestión tan persoal que fai da arte ese engaiolante territorio de atraccións e repulsións que moitos son incapaces de respectar como parte da súa esencia, algo do que esta pasada semana tivemos exemplos dabondo, por desgraza na nosa sociedade. Unha subxectividade que é a que desenvolven estes comisarios, capaces, baixo a dirección axeitada, de establecer os seus propios parámetros de traballo e plantexar as súas conclusións a través da observación e a reflexión sobre unha serie de obras da colección do Museo de Pontevedra escollidas para formar parte desta mostra da que poderemos gozar no Sexto Edificio ata o 18 de marzo.
Espazo, tempo e corpo, son as tres estacións polas que se nos conduce a través de nomes tan senlleiros da arte como Manuel Torres, Luis Seoane, Carlos de Haes, Corredoyra, Lago Rivera ou Rusiñol, entre outros. Toda unha experiencia que traballa dende o que se ve, pero tamén, e esta é outra das súas achegas, dende o que non se ve, daquilo que a arte agocha do que pode ser unha mera visión contemplativa mergullándose noutros territorios da exploración artística. Pegadas que seguir dende o lenzo cara aquilo do que nós somos parte esencial, isto é, a nosa experiencia persoal fronte á arte, un ámbito de complexidade para o traballo dos rapaces que se viron afastados de compoñentes máis lúdicas ou sinxelas para eles, como puidera ser traballar con obras máis vencelladas ao universo infantil, porén, o traballo aquí ía por outros camiños, por terreos nos que xorde a aprendizaxe e o estudo dunhas obras de arte que forman parte do que todos nós somos.
Novos comisarios que traballan cara un futuro, pero que agora, tras o feito e visto, convértese en presente, un presente do que todos nós podemos participar para darlle sentido ao seu traballo. Xa que tanto a crítica, como a súa plasmación na prensa, e a necesaria visita do público, son tamén parte do que é un comisariado que non é algo nada sinxelo, pero que, con aprendizaxes como o que estes cativos levaron a cabo no Museo de Pontevedra da man de ‘Taller Abierto’ teñen xa moito adiantado para entender a arte, xa non só como experiencia e aprendizaxe persoal, senón como posibilidade para desenvolver un traballo marabilloso.



Publicado no Diario de Pontevedra 26/02/2018
Fotografía. Rafa Fariña


Ningún comentario:

Publicar un comentario