sábado, 24 de febreiro de 2018

Rosalía, sempre




Cúmprense 181 anos do nacemento dunha poeta que foi máis alá dunha xeografía ou dun sentimento limitado só ao noso territorio, xa que falamos dunha das autoras máis sobranceiras da historia da literatura universal. Unha muller que fixo da palabra e da súa escrita, á que nunca renunciou, un xeito de afirmarse no mundo, cando iso para unha muller non era nada doado, ou cando menos, era algo ben máis difícil do que aínda o é hoxe. Agora, á súa afouta literatura, engádeselle esa mirada ao compromiso dende a sensibilidade coa muller que, abeizoadamente, aumenta de xeito progresivo nesta sociedade, e aí poucas figuras tan simbólicas como a da nosa poeta.
Cada acto, cada iniciativa artellada arredor da súa figura, excede xa o literario, que sempre debe servir de base, xa que aí é onde realmente está ela, e plantéxase como a simbolización da muller ante tantas ‘negras sombras’ como voan sobre moitas, demasiadas delas. Pontevedra, dende os colexios ou ás institucións, estes días, refuxiase no recordo da autora de ‘Follas Novas’ para poñer en valor a súa figura. Ben feito! Músicas e poemas que nas nosas rúas terán hoxe o escenario perfecto, nesa rúa que leva o seu nome, para orgullo da cidade e desterro dos medos do pasado. Esa mesma rúa á que un dos seus veciños, o mesmiño presidente do Goberno, M. Rajoy, segue coñecendo como Salvador Moreno, incapaz de mudar os canóns polo “olido de rosas” ou o “orballo da tarde”, unha situación que tanto reflicte de tantas cousas desprezábels como acontecen neste país.
Arredor desa tertulia de homes chantada na praza de San Xosé o Concello de Pontevedra representará ese papel da muller fronte ao home. Unha muller brillante, intelixente, dunha fonda sensibilidade e coa xenialidade coñecida da súa obra, abríndose paso entre todos eles para reclamar o seu lugar, a súa pertenza á eternidade, dende a súa poesía, pero tamén dende a súa condición de muller. Cando escoitemos aos nosos fillos chegar do colexio coa ladaíña do «Adios ríos, adios fontes;  adios regatos pequenos...», cando onte escoitamos a mulleres de diferentes eidos sociais na Deputación recitando os seus poemas, ou cando hoxe os actos do Concello nos enfronten coa súa figura, darémonos conta de que algo está a mudar nesta sociedade, de que estamos dando pasos para a recuperación de todo un universo perdido, ou polo menos desprezado. Unha muller diferente, rebelde, que fixo da súa poesía parte dese compromiso para entenderse, pero tamén para entender a moitas outras mulleres: «Daquelas que cantan as pombas i as frores,/todos din que teñen alma de muller./Pois eu, que non as canto, Virxe da Paloma, ai! de que a terei?».
Rosalía, sempre.


Publicado no Diario de Pontevedra 24/02/2018
Foto: Gonzalo García


Ningún comentario:

Publicar un comentario