martes, 7 de agosto de 2018

A inocencia perdida

Entre 1956 e 1976 o fotógrafo Catalá-Roca achegouse ata en sete ocasións a Galicia para convertela no motivo da súa fotografía. Unha imaxe que se humanizou e modernizou para rachar o ‘tipismo’ turístico e converter así a espazos e xente nun mostrario da nosa identidade.


Apégase unha mesta néboa ás torres da catedral. A babuxa dalle lustre ás pedras eternas dunha cidade que semella moverse ao ritmo das badaladas. Camiñando pola contorna do sepulcro do apóstolo un ten hoxe a sensación de que o tempo neste espazo pouco se ten movido dende os anos nos que o fotógrafo Francesc Catalá-Roca pisou Compostela. Moitos máis turistas, si; un vestiario diferente, tamén; e uns ritmos moito máis axitados no ir e vir as persoas, pero o esencial, o que se entende como a alma dunha cidade, permanece fiel ao longo das décadas.
A exposición que se amosa no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela baixo o comisariado de Anxo Rabuñal e a colaboración de Agar Ledo, reflicte esa alma nunhas décadas moi concretas da nosa historia, espallándose dende o Obradoiro ata unha chea de pobos e vilas de Galicia que emerxen aquí cunhas visións que van rachar o que era a fotografía turística tradicional que, intelixentemente, amósase á entrada da mostra como complemento das fotografías de Catalá-Roca e que reflicten unha fotografía estática, de rúas, prazas e vistas panorámicas nas que atopamos lugares, pero non vida. O cambio co fotógrafo catalán e a súa presenza en Galicia é o notariar ese rexistro de vida, de xentes que habitan as cidades e que forman parte delas. As súas tarefas cotiás, tanto de traballo como de ocio, forman parte do tecido da cidade e pousar a mirada nelas permite entender moito mellor como fomos dun xeito fiel á realidade. A sinceridade das imaxes emociona ao colocarnos fronte aos rostros sorprendidos de quen se sente protagonista dunha fotografía dende o seu universo anónimo, tamén por enfrontarnos aos traballos dunha xente que nunca tivo a sensación de que o que estaban a facer tiña un senso artístico ou de trascendencia. Pero ese é o milagre que acada a fotografía, o de converter en eterno un instante que semella intrascendente.
No ano 1965 Compostela viviu un Ano Santo diferente. Esa década de apertura económica e social na España do franquismo comenzou a albiscar as posibilidades turísticas de Compostela e o berce apostólico, chegando nese ano 387 peregrinacións organizadas que se aloxaron no Burgo das Nacións, cuxa presenza arquitectónica na exposición amosa o proceso de transformación de Galicia iniciado nesa década e que se prolongaría no tempo e nas imaxes que van a ir alternando o ámbito rural co noso tecido urbano. A Coruña, Vigo ou Lugo mestúranse con Portonovo, Betanzos, Marín ou Cangas, compoñendo dous ámbitos de traballo e dous tempos que nas propias fotografías de Catalá-Roca latexan con ritmos distintos.
A montaxe, con todas as fotografías dun mesmo formato, concédenlle á exposición unha harmonía que encaixa perfectamente co seu contido, con ese universo calmo e orgulloso inxerido en cada unha delas que reflicte o día a día dunha sociedade que un observa con moito pracere. O de contemplar a fermosura do noso territorio, o de sentir moitos destes espazos como parte da nosa vida, recunchos polos que transitamos a cotío e que aquí podemos observar na súa orixe. Pero isto deriva tamén na percepción da muda do territorio, de como o progreso esnaquizou espazos que contemplados hoxe emocionan pola súa fermosura pero entristecen por esa sensación da perda e ferida por non saber conservar o noso patrimonio natural e urbanístico.
Fotos cheas de inocencia, tamén de humanidade, facianas frescas e afoutadas de seu, que ao mellor non era moito, pero que se tiña como un tesouro. É por iso que cada unha destas fotos é tamén un pequeno tesouro, ou polo menos o acceso a el, á inocencia perdida pero que quedou retratada dende a dignidade de quen a soubo ver como retrato colectivo, como a crónica fotográfica dun tempo e dunhas xentes das que aínda hoxe somos debedores.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 17/06/2018
Fotografía. Catalá-Roca. Auditorio de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario