luns, 28 de xaneiro de 2019

Aprendizaxe

Foguetes Verdes (13)
Antonio M. Fraga recupera con este libro o carácter lúdico da lectura mediante unha historia de descubrimento da vida que lle valeu o I Premio MªVictoria Moreno de Literatura Xuvenil


COA INESQUECÍBEL Mª Victoria Moreno ao fondo preséntase ante nós este relato cheo de emocións e de valores para facer da lectura un medio de aprendizaxe e diversión que a converte nunha das mellores achegas que lles podemos facer aos nosos cativos. O I Premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, convocado pola editorial Urco coa colaboración do Concello de Pontevedra, recaeu na historia de Suso, un rapaz de aldea que, en 1933, con trece anos, vese obrigado a pasar un verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza pola súa mala saúde. No traxecto en tren ata ese lugar cae nas súas mans un libro cheo de misterios chamado ‘Liber bestiarium scientificus’.
Recupera con este texto o lector de máis idade aquelas lecturas que encheron a súa infancia, aventuras colectivas de rapaces e rapazas que tiñan que resolver algún tipo de misterio que lles acontecía. ‘Los cinco’ o ‘Los Hollister’ responden a ese tipo de relatos que marcaron a toda unha xeración. Agora, aos novos lectores isto non lles soará a nada, pero si que serán capaces de compartir co lector máis adulto esa sensación de gozar da escrita, de pasar un moi bo rato coñecendo a historia de Suso e como cos seus amigos de internado verase envolto nunha serie de aventuras cheas de inocencia, pero que lle servirán para mudar a súa percepción do mundo, e ata de si mesmo.
O libro arrinca dunha maneira marabillosa ao amosar a vida dun rapaz nunha aldea de Galicia nos complexos anos trinta. O nacer nunha casa pobre, o contraste coa casa dos ricos, como se valoraba a infancia nese ámbito, son elementos que amosan un escenario que Antonio Fraga reflicte de maneira exemplar e que podería ser o arrinque dunha novela de maior profundidade, pero a historia muda cando Suso sube ao tren. De novo o tren como un lugar de cambio, un espazo máxico no que a vida ponse patas arriba. Nun tren Harry Potter vai a Hogwarts, nun tren acontece o mundo fantástico de Polar Express e nun tren é onde cae nas mans de Suso un libro marabilloso no que se amosan as investigacións científicas dunha muller, dunha pioneira que nos anos trinta adicouse a buscar por toda Galicia unha serie de seres fantásticos que deixaban de ser mitolóxicos para converterse en científicos. Un libro dentro doutro libro é unha das apostas de Antonio Fraga neste relato no que se van enguedellando as dúas historias de xeito maxistral, sen interrupcións nin derivas que nos afasten demasiado dunha ou doutra. Ese libro fantástico ten ademáis un valor importante, como son as ilustracións que Víctor Rivas, elexido por Fervenzas Literarias co voto popular como o mellor ilustrador de 2018, concebiu para visibilizar o que pode ser o caderno de campo da científica así como a fermosa capa do libro. Un conxunto de imaxes que amosan o talento dun dos nosos grandes ilustradores.
Antonio Fraga documentouse ben para coñecer como era a vida daqueles nenos que pasaban tempadas nese centro para recuperar a saúde. A carón do mar, coa mediciña da brisa salgada, non foron poucos os nenos e nenas que viron como se reforzaba esa febleza nesa contorna. Suso, ademais, recuperou a confianza en si mesmo, a autoestima e, xunto a todo iso, a vida ensinoulle moitas cousas dentro dun proceso de aprendizaxe xa obrigado pola súa idade. O amor, a amizade, a confianza, os medos... todo iso mestúrase atinadamente para facer deste libro un caderno de vida, a conxunción perfecta de autor, ilustrador e a afoutada editorial Urco para poñer ante nós un libro marabilloso, e do que Mª Victoria Moreno sentiríase ben orgullosa de que sexa o que inicie os premios que levan o seu nome.



Publicado en Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 25/01/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario