mércores, 23 de xaneiro de 2019

Memoria industrial. Tempo e ruína

Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía ▶ Ata o 24 de febreiro o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a exposición ‘Memoria Industrial en Galicia’, unha interesante achega sobre un patrimonio esquecido, de gran importancia para a nosa sociedade, e que agora reflicte o paso do tempo e a súa memoria coma un vestixio do pasado ao que non debemos renunciar


Somos unha sociedade afeita a esquecer. A poñer a un lado aquilo que o tempo, polas razóns que foran, afastou de nós. Inesgotábel na súa función, ese paso do tempo o muda todo, o físico e máis o mental, a arquitectura, máis tamén a nosa relación con toda unha serie de elementos patrimoniais que foron dunha gran importancia na nosa sociedade e para moitos dos nosos veciños. José Chas (Pontevedra, 1976) non se deixou levar por ese tempo de esquecemento e un día pousou a mirada nunha desas arquitecturas que a sociedade desprestixou, cando elas foron ben importantes para o noso desenvolvemento comunitario.
Dende aquela mirada de un aínda estudante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra ata hoxe, van arredor de trescentas localizacións espalladas por toda Galicia, unha escolla de vinte fotografías que compoñen esta mostra e un interesante discurso conceptual e plástico sobre o que estas infraestructuras supoñen e supuxeron para a nosa sociedade. Se nos achegamos á sala de exposicións do Pazo da Cultura podemos comprobar non só o potencial estético deste traballo, baseado na capacidade notarial da fotografía, senón tamén como esas ruínas convértense nun berro que reclama a nosa atención, e que quere que tamén pousemos a nosa mirada nelas, ao igual que fixo aquel estudante, para amosar a súa dignidade que, aínda que murchada polo tempo, segue a manter ese aire digno do espazo vivido.
Se algo acadan estas imaxes é o de facernos sentir o traballo de tantos, de xeracións e xeracións que comeron e viviron do seu traballo neses espazos que simbolizan hoxe o traballo industrial feito, en moitos casos, por empresas familiares, moi identificadas co territorio e cos seus habitantes. Unha das perversións deste progreso no que pensamos estar inxeridos é o de desprestixiar moitos elementos do noso pasado, como si todo pertencese a un mundo ao que impoñernos. As fotografías de Chas son esa presenza necesaria hoxe para coñecer o pasado, para non esquecelo e, na medida do posible, para recuperalo. Moitos destes espazos abandonados ben poderían hoxe ter outra función, un reaproveitamento dende moi diferentes ámbitos da sociedade que permitise habitar e utilizar espazos que arquitectónicamente son, en moitos casos, moi intelixentes e cuxa utilidade aínda hoxe sería moi interesante.
Tempo e ruína consolidan dende cada unha das imaxes a memoria de todos estes espazos. Cada unha destas fotografías é unha pegada no noso territorio, tamén no que é o colectivo. Cristais rotos, materiais esnaquizados, humidades, graffitis,.. rastros do abandono que, pese ao baleiro e ao silencio, non poden ter más ruído. As presenzas dos que están sen estar, daquela vida que se viviu entre formigón e máquinas, entres suores e complicidades, entre esforzos e ilusións. Agora, entre os pedazos de vida que xa son anacos de memoria, atopamos as preguntas que toda exposición ten que xerar cando actúa dende o compromiso coa súa contorna. Como deixamos perder todo isto? Seguiremos de costas ao que se contén nestas ruínas? Porque non aproveitar estes espazos?
O primeiro chanzo para atopar as respostas xa está dado grazas ao traballo de Chas. A localización non só das infraestructuras que protagonizan a exposición, senón de moitas máis, plantexa un mapa que seguir, un itinerario polo que comezar esa recuperación dende o estudo de todo ese patrimonio que forma parte da nosa historia, dende o artístico, o histórico ou o social. Conserveiras, fábricas de cerámica, de taboleiros, de embutidos... e así unha longa listaxe das máis diferentes actividades que perderon pulo ante as novas sinerxias da economía. Un tecido industrial que se foi desfacendo e que agora asoma convertido en obra de arte, en fotografías que posúen unha fonda beleza que xorde dese tempo conxelado, da presenza dos que alí se moveron e da nosa mirada cómplice da escena.
Cada unha desas fotografías é un acceso a un ronsel de historias, moitas delas pódense pescudar no blog que José Chas adica a este proxecto: «memoriaindustrialengalicia». Aí poden tirar deses fíos visuais para coñecer a que se adicaban cada unha delas e saber un pouquiño máis da súa historia. Nós, no Pazo da Cultura de Pontevedra, temos esa mirada que rexistra a fotografía, a do seu autor no lugar dos feitos, onde a historia se recupera para poñerse hoxe fronte a nós e que sexamos, dende ese momento, tamén actores do seu interior, dese universo descoñecido que agora deixa de ser unha ruína pola que pasamos algún día sen facerlle caso, ignorando o valor que se acubilla nese patrimonio irrenunciable.



Publicado no Diario de Pontevedra 23/01/2019
Fotografías: José Chas


Ningún comentario:

Publicar un comentario