Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria. A
editorial Laiovento, da man de Francisco Rodríguez Pastoriza,
preséntanos unha impagábel escolma do traballo xornalístico de
Johan Carballeira. Nome senlleiro na historia de Bueu, pero tamén no
da dignidade, pola súa morte, fusilado o 17 de abril de 1937, sendo
o último alcalde republicano dunha vila que defende hoxe a súa
pegada.
O libro de Francisco Rodríguez Pastoriza no monumento adicado a Johan Carballeira en Bueu. |
Morreu asasinado polos
rebeldes que quixeron axusticiar ao naquel momento alcalde
republicano de Bueu. Con ese acto miserábel conseguiron espallar o
medo e a represión, pero o que non conseguiron foi borrar da nosa
memoria a súa afoutada presenza, o seu compromiso coa sociedade á
que serviu, pero tamén á que tentou reflectir na súa obra poética
e xornalística.
Da man dun xornalista
de longo alento e nacido en Bueu, Francisco Rodríguez Pastoriza,
chega a nós, editado por Laiovento, un imprescindíbel libro, 'A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira)', co que coñecer o labor xornalístico de Johan Carballeira (Vigo, 1902-
Pontevedra, 1937), un libro necesario para manter acesa aquela mirada
que se reflectiu nas ondas tranquilas do mar de Bueu. «Qué hermosas
sus quietas aguas/donde armoniosas proyectan/las sombras de la
montaña/su majestad y grandeza», escribiu Johan Carballeira nun
poema publicado no Faro de Vigo en 1914, titulado ‘El valle de
Bueu’. Bueu será unha constante no seu traballo, non só como
inspiración poética, senón como paisaxe humana dende a que
desenvolver un traballo xornalístico no que salientaba o seu
compromiso cunha serie de valores. O autor do libro os reflicte do
seguinte xeito: «O xornalismo de Johan Carballeira é un xornalismo
combativo na defensa daqueles valores que consideraba básicos e
irrenunciables para a sociedade do seu tempo. A liberdade, o
pacifismo, a cultura, o respecto polas persoas, a xustiza social, a
defensa do idioma galego, o dereito á educación e a cultura, a
loita contra os totalitarismos...». E así o vemos ao ir percorrendo
os diferentes capítulos nos que Francisco Pastoriza divide o libro,
e nos que atopamos os propios textos de Johan Carballeira, alcume con
que firmaba José Gómez de la Cueva.
En 1915 chega a Bueu
dende o seu Vigo natal, tras traballar en diferentes ocupacións para
axudar na casa, comeza a publicar versos no Faro de Vigo en 1922, e
artigos dende 1927 no diario El Pueblo Gallego. Tamén a prensa
madrileña acolleu os seus artigos en cabeceiras como Ahora, Luz o El
Sol, constituíndose así como unha das firmas máis salientábeis
dos anos anteriores á Guerra Civil. «Eixí, a forma máis noxenta
de ir descontra do pobo é ferilo no seu pensamento; na Prensa acesa,
liberal e responsable donde respira saudablemente a cultura do pobo,
ou sexa, a sustancia e a médula progresiva da vida». Deste xeito
escribía Johan Carballeira no artigo ‘O respeto á prensa’ no
‘El Pueblo Gallego’ o 25 de abril de 1933, sobre as posibilidades
do xornalismo, así como dos intentos de silenciar á prensa
Neses anos trinta e cun
Johan Carballeira máis maduro o seu traballo xornalístico está
inzado por elementos como o amor á terra e a cultura. Salientábel é
o seu labor como xornalista cultural, o que poderíamos considerar
como un traballo pioneiro na prensa do momento, ao estar moi
interesado por temas como o teatro, o cinema ou a literatura, dos que
falaba nos seus artigos. Pero Galicia e a súas posibilidades son o
outro xermen do seu traballo. Tras entrar no Partido Galeguista ao
mesmo tempo que Alexandre Bóveda, en 1934 foi elixido secretario do
partido en Bueu, e en febreiro de 1936, tras a victoria do Frente
Popular, nomeado alcalde. Coa sublevación militar tivo posibilidades
de fuxir pero negouse sempre ante a súa confianza na xustiza e a súa
inocencia en relación a calquera feito. O 15 de setembro, cando ía
a entregar un artigo a Vigo foi detido no vapor no que cruzaba a ría.
Pechouse deste xeito,
como en tantos outros lugares, un espazo para a esperanza do ser
humano, ese mesmo polo que apostou Johan Carballeira na súa escrita,
pero tamén cando tivo responsabilidades políticas, ao procurar
mediar entre empresarios e traballadores, sobre todo do mar, para
mellorar as súas situacións laborais. Bueu segue hoxe a honrar a
este home singular, un premio de poesía e outro de xornalismo
lembran esa faciana cultural. Un instituto e un monumento fronte ao
mar manteñen o seu nome en pé de dignidade e agora, este libro,
recupera as súas palabras nun labor extraordinario por parte do seu
autor, Francisco Pastoriza, e da editorial por poñer en valor a
memoria de Johan Carballeira. Gozos e sombras, como na novela de
Torrente Ballester, inspirada directamente na vida daquel Bueu a
celebrar.
Publicado no Diario de Pontevedra 25/03/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario