Foguetes verdes (19)
O Centro Portugués de Fotografía no Porto acolle a mostra ‘Soños’ do fotógrafo Miguel Vidal. Unha búsqueda no «outro lado» de personaxes e peles activado dende un universo onírico
O Centro Portugués de Fotografía no Porto acolle a mostra ‘Soños’ do fotógrafo Miguel Vidal. Unha búsqueda no «outro lado» de personaxes e peles activado dende un universo onírico
OS GROSOS muros de
pedra do que foi o antigo cárcere do Porto acolle, ata o 5 de maio,
a exposición de Miguel Vidal ‘Soños’. Unha recuperación de
todo un universo onírico que o fotógrafo pontevedrés configura
dende unha chea de personaxes e a creación de tres atmosferas que
artellan unha sorte de relato visual.
Fotografía en cor,
fotografía en branco e negro. Unha diversidade de matices formais
que non lle preocupan a Miguel Vidal á hora de poñer ante nós todo
un amplo escenario de personaxes recuperados do lado máis íntimo da
vida, do outro lado, desa procura, a través de redes sociais ou de
amizades que, pouco a pouco, súmanse a un proxecto creativo, dende o
fotográfico, que con cada exposición incrementa as súas sensacións
fronte ao espectador.
Creada orixinariamente
para o Museo de Pontevedra, en cuxas salas amosouse no ano 2017, a
súa chegada ao Porto, a un espazo tan singular como este, pola
división dos seus espazos, plantexou unha revisión da propia
exposición e da súa aproximación ante o visitante. Os tres
escenarios Miguel Vidal plantexaos como tres atmosferas nas que se
moven os seus personaxes: Meeting point, Room 111 ou The farm,
compoñen aquí un tríptico dunha enorme forza visual que permite
diluír esa fronteira que separa a intimidade do ser humano da
teatralidade da vida. Miguel Vidal achégase dende a súa cámara ás
palabras de Susan Sontag para entendela como a «arma ideal da
conciencia», isto é, o medio co que o fotógrafo captura unha imaxe
que lle serve para recuperar os seus soños. A fotografía desterra
os medos, as inquedanzas ou as dúbidas para, dende o corpo, a través
da pose ou do xesto, subvertir esa domesticación dun mundo que cada
vez máis tenta o noso sometemento.
Neses tres ambientes a
persoa emerxe coa súa liberdade, coa aceptación plena de como é
cada un. Unha habitación de hotel, a natureza, ou un espazo
intermedio entre ambos, como pode ser unha granxa, son o acelerante
desas situacións individuais e as que fan forte o corpo ante as
feblezas que a sociedade pretende xerar nas nosas mentes.
Dicía Luis Buñuel:
«Dádeme un par de horas de vida activa e o resto de soños, coa
condición de que logo poida recordalos». Sabía o director de cine
aragonés da importancia do subconsciente para xerar imaxes e das
posibilidades que ese universo permite para un artista. Cando Miguel
Vidal busca nos milleiros e milleiros de fotografías que fixo dende
que arrincou este proxecto busca un deses soños, unha desas imaxes
convocadas a unha nova realidade que compartir con nós. Eses corpos
vanse pouco a pouco mimetizando co espazo no que son enxeridos.
Superficies que os acollen como un anaco de vida. Espidos sobre unha
moqueta dunha habitación de hotel ou envoltos por uns plásticos que
se enchen de vento na costa. En definitiva, organismos que procuran
un espazo de liberdade, a conquista dun eu que ten na fotografía a
notaria desa loita por saír da escuridade.
E todo iso acádase
cunha enorme calidade técnica, unha fotografía coidada ata o
límite, na que todo o que conflúe no resultado final: encuadre,
imaxe ou soporte xeran a excelencia do resultado, ese que converte ao
visitante nun camiñante máis por ese itinerario de soños que
agora, entre muros ás orelas do Douro, volven a latexar como unha
afoutada experiencia para superar a ‘raia’, para xerar unha
obrigada relación entre dúas cidades cheas de pulos culturais como
Pontevedra e Oporto, unidas pola fotografía de Miguel Vidal, unidas
pola necesidade de toda cidade de soñar para facer soñar aos seus
habitantes.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 8/03/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario