domingo, 4 de abril de 2021

A mellor celebración

Saga/Fuga


A SÚA apertura converteuse nun sismo na nosa creatividade no que as ondas, convertidas en fornadas de novos creadores, chegaron cada vez máis lonxe. A creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra cumpre o seu trinta aniversario e a mellor celebración é ollar como os seus protagonistas, alumnos e docentes, son xa parte esencial da nosa engranaxe artística e expositiva.

Tanto o CGAC como o Consello da Cultura Galega plantexan nestas semanas unha ollada directa ao que alí aconteceu e acontece, a esa dualidade de alumnos formados cunha alta capacidade técnica e de contidos que os converte en perfectos axentes da realidade creativa que, sen ningún complexo, poden medirse a calquera outro artista do mundo. O centro compostelán, baixo o comisariado de Ángel Cerviño, exhibe a mostra ‘Cultivar incertezas: Reformular o espazo/conmocionar a mirada’ con obras de trinta ex alumnos cunha interesante bagaxe expositiva que deixa constancia dese bofacer. Encontros virtuais son os que propón o Consello da Cultura Galega a través de catro citas que se poden consultar na súa páxina web con diferentes protagonistas desta traxectoria.

A súa singularidade dentro do que é un centro de formación concédelle un papel relevante aos propios mestres, moitos deles creadores de seu e cunha obra xa recoñecida. Así estas semanas temos a varios deles amosando o seu traballo, como os casos de Manuel Sendón no Museo do Mar de Vigo, Ignacio Pérez-Jofre na Fundación Laxeiro de Vigo ou Marina Núñez, no Espazo Kubo do Kursaal de San Sebastián, confirmando a súa importancia na paisaxe creativa nacional a través do seu discurso arredor do límite, da presenza humana, da contorna como un escenario de fronteira capaz de definir diferentes situacións do ser humano e que son protagonistas hoxe como a loucura, a tecnoloxía ou o monstruoso, e todo iso cun engaiolante linguaxe plástico que, nun espazo como este, atopa novas posibilidades de expresión.

Voltemos aos alumnos e á súa actual presenza en espazos como esa antesala ao exterior en que se converteu a Sala-X da propia Facultade na que Tere Pece, Borja Guerrero, Aram Ríos e Andrea Rosob, catro egresados, protagonizan a mostra ‘Al cantar brilla’. Tamén son ex alumnos, licenciados ou doctorandos, os que nas próximas semanas no MARCO, baixo o título de ‘4 Proxectos’, presentarán os seus traballos: Mónica Alonso/Rosendo Cid/Salvador Cidrás-Juan Cidrás e Mar Vicente, e onde xa expón Celeste Garrido. Tamén en Vigo, unha cita clásica como a mostra ‘Afinidades Selectivas’ acolle na Casa da Cultura os traballos de mestres e alumnos: Mar Ramón Soriano e Julia Huete, José Chavete e Rapapawn, Araceli Liste e María Silva, Suso Fandiño e Ruth Vidal, co comisariado do tamén mestre Juan Carlos Román. A importancia do coleccionismo está presente na Cidade da Cultura coa mostra de fondos da Fundación RAC con obras de ex alumnos como Rosendo Cid, Marcos Covelo e Sara Coleman, e na Coruña, a dobre exposición, no Kiosco Alfonso, 'É simplemente o que está a acontecer neste lugar, neste momento', e no Palexco, 'Mil pequenos peixes brancos coma se fervera a cor da auga', comisariada por Anxela Caramés e Leticia Castromil con moitos creadores vencellados á Facultade como Manuel Sendón, Juan de la Colina, Sara Coleman, Cinthia Bodenhorst, Jorge Couceiro, Félix Fernández, María Marticorena, Rita Rodríguez, Ana María Cabanes ou Edu Fernández.

Nomes e máis nomes que, como as candeas dunha torta, son os que temos que contar para celebrar trinta anos de creatividade, trinta anos de proxectos apaixoados da man da creación, da man da cultura como enerxía

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 2/04/2021

Fotografía:   Un dos espazos da exposición de Marina Núñez no Kubo do Kursaal de San Sebastián. (Juantxo Egaña)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario