Saga/fuga
CANDO asoma pola pantalla xa se esboza un sorriso nos que estamos ao outro lado, algo inestimábel nestes tempos de balbordo e furia, e aínda por riba ese sorriso é o feliz limiar a poder aprender algo da nosa lingua e seguir téndoa como un dos nosos máis prezados tesouros.
Esther Estévez, dende o seu ‘Dígocho eu’, fai desas pírulas unhas xoias das que só se conseguen dende unha televisión pública que debe ter entre as súas tarefas a de difundir, valorar e protexer aquilo que nos distingue como comunidade, e aí, sen dúbida, a lingua é un elemento básico e á que xa demasiadas veces se menospreza, non só dende diferentes eidos da sociedade senón tamén dende a propia televisión.
É por iso que aínda que nos poida parecer, fronte a outros programas ou outros plantexamentos televisivos presúntamente máis ambiciosos, un labor cativo, a función do ‘Dígocho eu’ converteuse co paso do tempo e da man desta xornalista nada en Verín nun dos fíos máis importantes e necesarios na canle pública da nosa terra. A sinxeleza do seu formato non agocha o moito traballo que hai detrás de facer case cada día unha entrada interesante e diferente que enganche ao espectador e, sobre todo, que os nenos e nenas non afasten a mirada do que se lles está a contar. Esa maneira de comunicar de Esther Estévez é algo impagábel, sobre todo cando o que se transmite está demasiadas veces ligado a propostas aburridas ou demasiado académicas, e así cada unha destas entradas e a súa difusión polas redes-incríbel e un fío de esperanza ver como algúns dos seus TikToks fanse virais- son como esa pinga que cae pouco a pouco, de xeito constante, pero que ao pasar un tempo convértese en charco no que xa moitos rapaces e rapazas gustan de enchouparse.
Son tamén materiais que polo seu formato permiten o seu emprego por parte de moitos mestres e mestras para, dende escolas e institutos, poder sumar recursos dende unha televisión que ten que ter un relevante papel no coidado do noso idioma, aínda que nisto xa sabemos todos que non se fai todo o que se debería facer, canto máis fóra dos platós, pero iso sérvenos tamén, nesta situación límite do noso idioma (nun claro retroceso como xa se advertiu dende o Consello de Europa e comprobamos no día a día) para valorar aínda máis achegas como a do ‘Dígocho eu’.
Cada entrada é unha sorpresa, unha maneira nada dogmática a partir do normativo de facer do galego un recurso natural, que é o que debería ser, aínda que non sempre sexa así (un mesmo entoa aquí o mea culpa), do que desterrar cada vez máis eses castelanismos colonizadores, e atendendo tamén as nosas diversidades dialectais, e ollo a isto que podería anunciarse como «apuntamento lusófono!», dándose conta de que temos outro país pegado a nós ao que mirar aos ollos e non dándolle as costas, como adoitamos facer, e así eses apuntamentos son unha maneira de virar esa mirada que tanto lle custa as nosas institucións para facer de Portugal un maior cómplice da nosa realidade social, económica ou cultural.
Todo recoñecemento é pouco para este programa e para a súa presentadora, de aí que xa comezan a ser numerosos os premios e mencións ao seu labor, pero sobre todo o mellor premio penso que é o de seguir sumando seareiros ao seu territorio, fieis adeptos a unha causa na que a naturalidade é a súa gran virtude. Xa só me queda cruzar os dedos para que ao longo deste artigo non metese demasiadas veces a zoca e a Academia e Esther Estévez non empreguen demasiado o boli vermello.
Publicado no Diario de Pontevedra 16/04/2021
Fotografía. Esther Estévez nunha fotografía promocional do 'Dígocho eu' (Televisión de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario