domingo, 23 de maio de 2021

Leiro recuperado

 

Saga/Fuga


O SALÓN ‘Saavedra’ de Francisco Leiro volveu a ese salón que forman as augas do Lérez nun dos seus remansos ao longo dun cauce cheo de fermosos recunchos. Todo un espectáculo natural que temos ás portas das nosas casas e que deberíamos gozar máis polas súas posilibidades. Do mesmo xeito esa Illa das Esculturas é a combinación perfecta para facer da natureza unha aula de cultura dende a que coñecer un dos movementos artísticos máis importantes do século pasado, o land-art e que, nestes tempos de pandemia, reivindica tamén moitos dos seus postulados fronte as consecuencias do noso mundo, cada vez máis sometido á destrución do natural e a uns intereses económicos que foron, precisamente, os que levaron a aqueles artistas revolucionarios a fuxir das cidades e do seu consumismo desbocado nas galerías.

Isto é posible que non o coñeza moita xente, que non ten porque sabelo, pero é unha mágoa que tendo un dos conxuntos escultóricos máis sobranceiros ao aire libre de Europa non saibamos sacarlle todo o partido que este auténtico museo podería ofrecer como reclamo turístico, ao tempo que como complicidade dende o noso granito cos cidadáns de Pontevedra.

A nómina dos artistas que se reuniron naquel Xacobeo de 1999 é toda unha selección mundial dos mellores. Autores que moitos tivemos que estudar nos nosos manuais de Historia da Arte, creadores aos que os grandes museos do mundo pagaban cantidades exorbitadas para poder contar cunha das súas obras mentres que nós os temos como veciños e compañeiros dos nosos paseos por esa Illa do Covo, felizmente recuperada dende o ámbito ambiental e paisaxístico, pero que en canto ao poder desas pezas aínda con moito por facer.

Agora que xa estamos acostumados a súa presenza e esquecidos os ataques vandálicos aos que se viron sometidas nun principio, e xa con máis de vinte anos de traballo da natureza sobre elas, sería un momento ideal para converter este espazo nunha referencia que en toda a Península Ibérica non ten comparación. Contar con Richard Long, Jenny Holzer, Robert Morris, Ulrich Ruckriem, Anne & Patrick Poirier, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, José Pedro Croft, Giovanni Anselmo, Fernando Casás, Francisco Leiro e Enrique Velasco é unha auténtica pasada, que aínda nos sorprenden ao irse integrando as obras nesa natureza para a que foron pensadas.

Traballar na súa difusión con percorridos por todo o conxunto explicando o seu plantexamento e a singularidade de cada peza, tanto con escolares como con público en xeral; facer congresos ou encontros arredor do que significa ese espazo; pensar na incorporación de novas pezas; calibrar a posibilidade de que o conxunto formase parte do Pazo da Cultura como parte da súa programación e compromiso coa cultura, ou empregar a Illa como un reclamo cultural e paisaxístico na difusión turística da cidade, serían cuestións esenciais e obrigadas para todos os que teñen calquera tipo de responsabilidade dende as administracións hacia este espazo que é un soño para calquera vila.

Fagan a proba e se poden, nestes días solleiros, déixense caer por ela nas primeiras horas da mañá, cando o día arrinca e toda aquela contorna semella un cadro recén pintado. Asegúrolles que as diferentes emocións levaranos a pensar na sorte que temos de que ese conxunto se crease xunto a nós, e que os seus comisarios, Antón Castro e Rosa Olivares, traballasen para que se incorporase ao ámbito público. Oxalá ese Leiro recuperado sexa o sinal de toda unha recuperación. 




Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2021

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario