domingo, 2 de maio de 2021

Luis Amado Carballo. A paisaxe humanizada

  [Ramonismo 66]

A celebración do 120 aniversario do nacemento de Luís Amado Carballo lévanos a percorrer a súa curta vida.


Pontevedra comezaba o século XX asomándose a esa ilusión que se agocha tras cada novo século. Un tempo de esperanzas que chegaba da man dunha modernidade que converteu as primeiras décadas da centuria nunha constante descuberta de progresos nos máis diversos eidos da sociedade, entre eles a literatura, na que, a carón dun Lérez que foi permanente inspiración para el, nacía un 2 de maio de 1901 Luís Amado Carballo, o poeta que fixo da natureza un elemento de renovación na poesía galega considerándose o iniciador do chamado hilozoísmo.

No cruce da actual rúa Benito Corbal, naquel momento, Progreso, e a coñecida tamén agora como Cobián Roffignac, daquela camiño do Rouco, nacía Luís Amado Carballo, nunha vivenda aínda hoxe en pé, da que colga unha placa envellecida como triste lembranza de quen foi un dos nosos maiores poetas daquel momento, xunto con Manoel Antonio foron os máis vangardistas desa xeración de 1925, e ao que a súa morte, con tan só 26 anos, en 1927, segou un futuro que abofé apuntaba a deixar unha pegada aínda maior da que deixou. Esa pegada foi a que o levou a protagonizar en 1982 o Día das Letras Galegas.

O seu pai, Luís Amado de la Riega, e a súa nai, Consuelo Carballo Pesqueira, uníronse nun matrimonio do que foi fillo único. Pola parte paterna entroncaba con apelidos ilustres no eido da cultura, como os Pintos (lembremos a Xoán Manuel Pintos, figura senlleira do Rexurdimento) ou Luis e Celestino García de la Riega. Luís Amado Carballo estudará no Colexio Balmes e os xogos na praza da Ferraría serían habituais, mentres soaban as campás dese convento de San Francisco que impoñía a súa faciana gótica sobre a traseira da vivenda. Tertulias, cafés, concertos, animaban a vida cultural dunha Pontevedra na que agromaban nomes tan relevantes como os de Manuel Quiroga, Carlos Sobrino, Casto Sampedro, Pintos Fonseca, Torcuato Ulloa, Valle-Inclán, Juan Bautista Andrade, Francisco Portela ou Perfecto Feijóo. Todos eles xeraron un ecosistema ben acaído para que aquel rapaz comezase a interesarse pola cultura. No curso 1918-19 matricúlase na Facultade de Dereito e Ciencias Sociais en Compostela e comeza tamén a súa colaboración coa prensa, na que publicará os seus primeiros relatos en castelán en Vida gallega e en Diario de Pontevedra, medio no que asoma de xeito cotiá a súa firma, ben sexa con obras literarias ou mesmo con colaboracións sobre aspectos artísticos. Marcha a Madrid onde se mergulla naquela bohemia de cafés e personaxes singulares, como Ramón Gómez de la Serna, ao que coñeceu asistindo a súa famosa tertulia de Pombo, pero regresa de xeito habitual a Pontevedra onde en 1921 recibe no pazo familiar de Santa Margarida a visita doutro mozo que debecía pola poesía e que procuraba un prólogo para o seu primeiro libro, ‘Mágoas’. Ese Pazo será o refuxio último de Luís Amado Carballo cando a tuberculose remate coa súa vida, unha casa tamén con historia e na que aínda hoxe se pode ver na súa fachada unha placa que lembra a estadía nel do Pai Sarmiento. Xoán Vidal converteuse, dende ese momento, no seu maior valedor, e tamén nun fiel amigo. As súas notas vitais serviron décadas despois para poñer en valor a vida de Luís Amado Carballo a través de biografías escritas por Xosé Ramón Pena ou Xosé Abilleira, máis tamén a publicada pola Real Academia Galega co gallo da súa designación como protagonista do Día das Letras Galegas de 1982 e que foi escrita polo tamén poeta Xosé María Álvarez Blázquez. Na súa capa loce un retrato feito polo pintor Carlos Maside adicándolla ao propio Xoán Vidal, que tanto lle falou de Luís Amado Carballo, compartindo todos eles espazo na Revista Cristal que en 1932 recuperou, para o seu número de Nadal, o inédito relato ‘Sant-Yago’.

Esa imaxe, a da súa figura, é ben importante, como o foi para todos os poetas novos que entendían o seu perfil como parte da súa propia obra. Unha faciana elegante que transmitía o seu protagonismo como parte dun novo tempo, e así as fotografías do seu tamén familiar, Joaquín Pintos, depositadas no Museo de Pontevedra, amosan a un mozo esvelto, que gustaba de seguir a moda deses poetas franceses de finais do século XIX que tan ben coñecía o noso protagonista, sendo tradutor dalgúns deles como Paul Fort, o seu máis admirado fronte aos Verlaine, Mallarmé ou Valery. O retrato de Maside, ou as caricaturas de Manuel Méndez reflicten a súa incorporación visual á modernidade.

Xunto a Xoán Vidal edita en Pontevedra a revista Alborada, feito habitual nestas xeracións poéticas novas, o de amosar, coa publicación de revistas literarias as novidades do momento. Nesa revista Luís Amado Carballo publica o relato Maliaxe, e dende ese momento, e a partires da súa relación con Xoan Vidal, adopta xa o galego como xeito de expresión.

Lingua e terra fan cómplice a Luís Amado Carballo dos postulados da Xeración Nós para xerar así un ambiente creativo propio, singularizado do resto da península, e que permite crear unha nova sensiblidade arredor da nosa identidade. En 1925 publica na colección Lar a novela ‘Os probes de Deus’. Colabora en diferentes xornais e publicacións poéticas ao tempo que comeza a albiscar o que será o seu único libro de poemas publicado en vida, de nome ‘Proel’ e que sairá do prelo dos talleres de Diario de Pontevedra en 1927. No ano anterior casará con María López Fernández, coa que non terá fillos e que tamén morrerá de xeito tráxico, desta vez atropelada en Compostela en 1963. Estes dous últimos anos da súa vida estiveron marcado pola tise, esa enfermidade dos poetas, que tamén acabou co seu compañeiro de xeración, o creador de ‘De catro a catro’, Manoel Antonio. Na primavera de 1925 asoma xa no seu corpo pero o seu optimismo e vitalidade levarao a loitar pola saúde. En 1926 marcha cara ás terras altas de Soutelo de Montes, afastándose dunha costa que non lle era recomendable para a súa doenza. Alí coñecerá outra natureza, ben diferente da que o rodeaba nas contornas do Lérez que, da man do seu bo amigo o tamén poeta Juan Bautista Andrade, coñecía ben, e que unha e outra vez converteuse en berce da súa poesía e onde exploraba novos xeitos de expresión.

Ao seu regreso xa se instala no pazo de Santa Margarida, fronte ao centenario carballo, e alí daralle forma a ese ‘Proel’ que era a súa mellor mediciña. Ese «aire novo» que saía da súa poesía, como afirma Xosé María Álvarez Blázquez, instálase na nosa literatura coas beizóns dos que se asomaron a súa obra naquel tempo recoñecendo o seu labor. Tamén foi o seu derradeiro latexo nos últimos meses dunha vida que se detivo o 3 de setembro de 1927 con pouco máis de 26 anos de vida. A tarde anterior visitárao o seu amigo Xoán Vidal, xa non podía falar e empregaba unha pizarra para comunicarse con quen ao longo das décadas seguintes converteuse no mellor compás para seguir os seus pasos. Amado Carballo amortallouse, como escribe Xosé Ramón Pena, co hábito franciscano, santo ao que adicara un relato publicado en A Nosa Terra, e santo cuxa congregación atopábase no convento que estaba a carón da casa na que naceu e que sempre estivo moi presente nunha vida na que o relixioso tivo moito protagonismo, como outras cuestións espirituais ou esotéricas ás que tamén prestou atención, tal e como aconteceu con outros poetas daquel tempo como o mesmo Fernando Pessoa, e aos que non arredaba calquera exploración do terreal ou do non tan terreal.

Cumpríase un ano do pasamento do poeta cando Xoán Vidal consegue imprentar varios daqueles poemas que quedarán nun cartafol, así como algúns que foran publicados de maneira volandeira en diferentes soportes. O obxectivo era conseguir cartos para a viúva, pero a poesía e os cartos non se levan moi ben e foron os amigos os que puideron pagar esa edición. Xorde así un dos nosos mellores poemarios, ademais de ser un fermosa publicación saída do mítico prelo de Ánxel Casal, con prólogo de Otero Espasandín e cun afouto galo sobre fondo negro feito por Carlos Maside na capa.

Estilisticamente non hai diferenzas entre ambos poemarios. Nos dous a humanización da paisaxe convócanos a unha festiña da palabra que repenica dende esas terras de Lérez tantas veces percorridas e a partir das cales moitos outros continuarían ese camiño por un movemento chamado hilozoísmo que a nivel mundial tivo ao chileno Vicente Huidobro como máximo representante, sendo, en Galicia, Luís Amado Carballo o seu impulsor a partir do ultraísmo do momento e que procuraba rachar co anterior.

Pola súa poesía móvense gaiteiros, cruceiros, pontes, cegos ou romaxes na síntese visual dun territorio que é sempre bandeira. Non é casual que no seu primeiro libro o poema inicial sexa o titulado ‘A nosa bandeira’, e a partir de aí é a natureza á que reforza a súa vitalidade a través de cores, sons e outras sensacións que converten a paxaros, árbores ou ceos en protagonistas dunha poesía na que, se de novo seguimos as palabras de Xosé María Álvarez Blázquez, sintetiza as súas alfaias en elementos como a descrición de obxectos naturais en movemento, algo propio dos ultraístas; unha visión optimista da vida; os poemas aparecen desligados un dos outros; cando asoma o eu poético este vencéllase á propia natureza; a plasticidade das imaxes ten unha forte presenza de cores, referencias folcloricas e relixiosas; a incorporación da toponimia; o emprego de estranxeirismos que o vencella coa idea do cosmopolitismo da súa poesía tal e como acontecía con Manoel Antonio.

120 anos despois do seu nacemento Pontevedra debe manter acesa a súa memoria. Dende 1986 unha rúa fronte á igrexa da Virxe do Camiño leva o seu nome, pero bótase en falla un maior recoñecemento e difusión da súa obra. Agora, tras a nova reforma urbana fronte a súa casa é o momento para acoller nese espazo algunha das súas poesías que fixeron de Pontevedra inspiración e que léndoas podemos entender da súa importancia nunha obra que, como poucas, a ensalza, a ela e a súa contorna.

 


 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 1/05/2021

Fotografías Arquivo Gráfico Museo de Pontevedra (Pintos) 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario