martes, 1 de febreiro de 2022

Novoneyra Medieval

 

Eidos poéticos

O venres 17 de xullo de 1964 Uxío Novoneyra, nas ruínas do convento de San Domingos, converteu a súa voz grave e potente no altofalante da lírica medieval.


O pasado 14 de xaneiro cumpriuse un dos soños do poeta do Courel, Uxío Novoneyra: a vontade de regresar á serra que inspirou a súa obra, e así, dende ese día, os seus restos descansan xa para a eternidade na súa terra natal, na súa casa de Parada, centro vital dun poeta que, ao longo da súa vida, fixo de Galicia un amplo territorio de experimentacións e de conexións con diferentes sensibilidades que conformaron a súa singular personalidade.

Rescatamos nestas páxinas un deses itinerarios, quizáis sexa un dos primeiros do poeta que se movía cun só libro publicado, o seu mítico ‘Os Eidos’, que saíra do prelo da Editorial Galaxia en 1955. Foi entón cando Uxío Novoneyra chega a Pontevedra, no mes de xullo de 1964, para participar nun dos actos do V Festival da Canción Galega, no que entre o seu programa figuraba un recital de pezas do noso cancioneiro medieval a cargo dun «extraordinario coñecedor do tema».

Desenvolveuse o recital nun deses escenarios feitos para a poesía, como son as ruínas do convento de San Domingos, no que, curiosamente décadas máis tarde, o seu compañeiro de xeración e admirado poeta, Carlos Oroza, tamén protagonizou un recital no ano 2008. Vendo as fotografías de ambas citas o destino, sempre caprichoso, quixo colocalos no mesmo lugar, na ábside central, con esas arcadas cegas ás súas costas e unha mesa de pedra diante deles dende a que oficiar a súa palabra. Niso ambos eran semellantes. Poetas da oralidade que facían da palabra parte afouta da súa poética.

Eran as once da noite do venres do 17 de xullo de 1964 cando Uxío Novoneyra reúne a un numeroso público. Vendo as fotografías de Camilo Gómez, algúns semellan ser turistas de paso na cidade naquel verán que aproveitaron a presenza do poeta para gozar dunha noite de verba e pedra. Unha poesía vencellada a un territorio e a unha maneira de facer que mudou a lírica, facéndoo dende Galicia. A nosa poesía medieval, unha das nosas máis importantes manifestacións culturais, no podía ter a alguén máis acaído para dala a coñecer. Uxía Novoneyra estaba tamén a plantexar un novo vieiro poético. Lonxe da salgadura da ría de Vigo e preto dunha serra, O Courel, convertida en semente dunha poesía de home e terra.

Naquela noite Uxío Novoneyra recitou cantigas de Alfonso X O Sabio, xunto a composicións de Martín Códax, Xoan Airas, Martín Soares, Pero da Ponte, Mendinho ou Pedro Meogo, entre outros. Aquel recital recupérase na biografía que lle adicou o tamén poeta Antón Lopo, baixo o título de ‘A distancia do lobo’ (Galaxia), publicada no ano 2010, co gallo de serlle adicado o Día das Letras Galegas daquel ano. Nese texto emprégase a primeira persoa para lembrar aquel recital como un dos máis solemnes da súa xeira de recitais por toda Galicia e como fora convocado polo daquela alcalde, Xosé Filgueira Valverde, que, como «celoso estudoso dos cancioneiros medievais, quería montar un grande espectáculo sobre os trobeiros e chamoume a min en calidade de recitador especializado. Púxome un coro detrás e, por quendas, desenvolvemos un programa que abrín con ‘Ondas do mar de Vigo’». Aquel coro era o dos ‘Cantores dos Institutos’ que, como conta a crónica do día siguiente no Diario de Pontevedra, «interpretaron la música de aquellas cantigas que la conservan, haciendo volar las notas maravillosas de la Cantigas de Santa María o aquellas onduladas de o mar de Vigo». Como curiosidade, en tan elevada noite, o único negativo do recital foron as interferencias que provocou o ruído do tráfico de vehículos a carón das ruínas e que non se soubo desviar. Un problema que hoxe non se daría, nunha cidade que segue vencellada á poesía peron non aos coches.



«Estou dacordo cunha poesía social»

Nunha entrevista feita por Luís Cochón, Uxío Novoneyra repasa a poesía que lle interesa e fala do seu momento cun libro a piques de saír.

Aquel recital e a presenza na cidade do Lérez de Uxío Novoneyra permitiu tamén que este Diario acollese unha longa entrevista na que explicaba o seu universo poético, ao tempo que o autor de ‘Os Eidos’ anunciaba a próxima publicación do segundo segundo libro de poemas, ‘Elexías do Caurel’, que sería publicado en Madrid en 1966 pola editorial Rialp na Colección Adonais, e do que permitiu a publicación nesa páxina de dous poemas inéditos. Aquela conversa amósase ben interesante polo que ten de revelación do afecto de Uxío Novoneyra pola poesía do momento, subliñando nomes como os de Carlos Oroza, Manuel María, Cuña Novás, Antonio Tovar, Celso Emilio Ferreiro, Díaz Castro, María Mariño, Bernardino Graña ou Xohana Torres.

Luís Cochón presenta ao poeta a partir desa ausencia de textos seus dende ‘Os Eidos’, nove anos atrás, e mentres se agardaba a chegada dun novo poemario do que Uxío Novoneyra ten boas noticias que dar: «Teño rematado, se algún libro pode rematarse algunha vez, outro libro de poemas: ‘Elexías do Caurel’». Un libro que non sabía cando se podería publicar e no que amosa unha diferencia co seu libro anterior, en base a «unha maior conciencia: polo tanto máis dor e menos paz». Éntrase entón a valorar a poesía actual, amosándose o poeta «dacordo coa poesía social, aínda que declaradamente non o pareza», e continúa: «En ‘Os Eidos’ resolvo a problemática que tiña entonces fronte a min, que é discernir a expresión do xesto, inmediato e eterno, das cousas. Nas ‘Elexías’, a contradición aniña no ser humano. Esta poesía non será unha poesía social, pero é a base para ela. O home aparece espido ante a súa pregunta».

Chega o momento de falar da poesía galega, e é cando Uxío Novoneyra amosa o seu coñecemento do que acontecía ao seu arredor, tanto das xeracións pasadas como dos novos nomes que podían significarse na nosa poesía, como así foi co paso do tempo. Pero máis interesante é a resposta sobre a pregunta de cal era a razón de que escribira tan pouco, ao que resposta: «Eu só escribo ‘violentado’ por unha presenza, exterior ou interior, moi patente. E hai moitas cousas patentes, pero só algunhas chegan a ese límite de emoción que quema as palabras sobrantes. Na poesía non debe haber palabras sobrantes». Unha explicación que clarifica moito como é a poesía de Uxío Novoneyra, a súa concisión dende a palabra, o valor que ten para abrir novas intuicións e acoller no seu interior un amplo significado.

Por último remata gabando ao seu compañeiro de xeración, un Carlos Oroza que é o poeta en castelán que máis lle interesa: «Carlos Oroza, o único e verdadeiro poeta social, que nos ofrece ese ‘primeiro plano de conciencia’ que é, precisamente o social. Os outros, ou non teñen conciencia ou lles vai demasiado ben na sociedade na que viven».

 

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 29/01/2021

Ningún comentario:

Publicar un comentario